Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / O Fiadeiro, único representante español nun encontro organizado pola UNESCO

O Fiadeiro, único representante español nun encontro organizado pola UNESCO

Festivais, Foliadas, Romarías

O grupo de pandereteiras da A.C.F. O Fiadeiro, de Vigo, vai viaxar a Caracas o vindeiro luns para participar no VII Encuentro para la Promoción y Difusión del Patrimonio Inmaterial de Países Iberoamericanos, que se celebrará entre o 17 e o 22 de outubro en Venezuela. Cidades como Maracay, La Guaira, Tintorera ou a mesma capital venezolana acollen unhas xornadas nas que se van tratar, entre outros temas, os problemas derivados da inexistencia de políticas públicas que permitan protexer, difundir e valorar socialmente as culturas ancestrais.

Organizado baixo os auspicios da UNESCO, o encontro traballará a partir de tres eixos temáticos: as políticas da diversidade cultural; a lexislación sobre o patrimonio inmaterial, e o mercado de bens culturais e o seu consumo. Neste contexto, representacións artísticas dos países participantes desenvolverán unha serie de actuacións programadas co título , nas que vai intervir O Fiadeiro representando a España.

O Grupo para a Recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro, que ven de participar no Festival Intercéltico de Lorient durante o pasado mes de agosto, é a primeira agrupación galega convocada a un evento destas características. A entidade viguesa, patrocinada nesta ocasión polo Ministerio de Cultura, recibíu a invitación a través do antropólogo e etnomusicólogo Francisco Cruces, profesor titular da UNED, e do etnomusicólogo galego Luis Costa, e a partir de aí comezou a preparar un espectáculo que, baixo o nome de “Galicia. Nós, a Terra Nosa”, inclúe, ademais de cantos e ritmos tradicionais, algunhas pezas de baile que serán executadas por unha parella de bailadores.