Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / IX Foliada de Melide

IX Foliada de Melide

Varios

programa foliada melideSÁBADO 27 DE ABRIL

MOSTRA DE ARTESANÍA E INSTRUMENTOS

Abrirá as súas portas a partir das 11:00h da mañá e permanecerá instalada na Praza do Convento durante toda a fin de semana. Reunirá a artesáns de todo o país repartidos en vinte postos que abarcan dende instrumentos de percusión, gaitas ou zanfonas ata confección de traxes tradicionais, talla de madeira, pedra ou coiro.

CANTOS DE TABERNA

A primeira xornada da Foliada comezará cun dos pratos fortes, o concurso de cantos de taberna. Este ano celébrase a quinta edición e as novidades con respecto a outras edicións están no incremento dos grupos e dos locais participantes. Participarán dezasete grupos e dezanove locais de hostalería.

Cada grupo fará un percorrido por oito locais no que recibirán a puntuación do taberneiro correspondente. Os tres grupos con maior puntuación serán os gañadores.

Os grupos proveñen de lugares moi diversos, Marín, Baiona, A Estrada, Santiago, Bergondo, Sada, Antas de Ulla, Arzúa, O Pino, Santiso e Melide.

Cabe salientar a participación de dous grupos do País Vasco, con raices na comarca, Airiños Galegos de Santurtzi e Casa da Troula de Rekalde, e outro de Barcelona.

OBRADOIRO DE BAILE

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza dentro da programación da Foliada de Melide o obradoiro "Entra no baile a bailar...". Este obradoiro levarase a cabo a partir das 18:00h na Praza do Convento.

"Entra no baile a bailar..." é o nome do obradoiro que Luís Prego se encargará de impartir e que está dirixido a todo o público, enfocado a ser totalmente participativo coa intención de contar con nenos e maiores interesados en en aprender recursos de baile tradicional.

 MARCHA GAITEIRA

As sete da tarde. Un dos clásicos da Foliada. Un percorrido musical que enche as rúas de Melide de música. Participarán vinte agrupacións musicais que se repartirán por diferentes rúas e prazas. Un pasarrúas multitudinario que anima á vila e nos encamiña ao centro mesmo da festa, a Praza das Coles, onde terá lugar o Serán.

 SERÁN

O serán é o xermolo da Foliada. O nacemento desta aventura foi un serán, unha reunión de amigos para tocar e bailar que pronto se fixo grande e colleu vida propia. A partir do serán xurdiu todo o demáis. O serán é unha festa. Uns tocan para que outros poidan bailar. Hai quen se inicia no baile, outros máis avanzados… “e o que non canta nen baila, qué ven facer ao serán? Aprender catro mentiras para ir contar mañán”. Non, tamén se pode vir a disfrutar dunha noite de música e bon ambiente na que participarán dezaseis agrupacións musicais

 CONCERTOS

Sen se mover da praza, como remate do Serán, a partir da unha da noite actuarán Vaamonde, Lamas & Romero e Pelepau.

Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, son tres nomes referenciais na música galega actual. As súas traxectorias individuais abranguen dende a música de raíz ata o folk, a fusión ou o jazz, pasando pola docencia, a composición e dirección musical. Vaamonde, Lamas & Romero son boa música e mellor humor. Un bálsamo terapéutico e liberador para estes tempos de crise.

Pelepau é un grupo de doce componentes que nace co fin de arranxar temas da tradición galega para percusións e voces.

 

DOMINGO 29 DE ABRIL

 Nesta xornada as actividades da mañá desenvolveranse na súa maior parte na Praza do Convento onde a Mostra de artesanía e instrumentos será o principal atractivo.

XOGOS TRADICIONAIS

Obradoiro organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional dirixido a todo o público.

 

ACTUACIÓN DA BANDA DE GAITAS DA TERRA DE MELIDE

A banda de gaitas da Terra de Melide é un proxecto que agrupa a corenta músicos de diferentes grupos da comarca e que realizarán un concertó ás 13:30h na Praza do Convento

 ANIMACIÓN DE RÚA

Durante toda a fin de semana a animación polas rúas estará conducida por diferentes grupos musicais que acompañarán a xigantes e cabezudos.

MOSTRA DE BAILE TRADICIONAL

A exhibición de bailes tradicionais sempre tivo presencia dentro da programación da Foliada, e este ano actuarán a A.C. Furóns e Donicelas de Palas de Rei

 MÚSICAS DE RAIZ

Este espazo supón unha apertura ao folk feito fóra de Galicia. Neste edición participarán dúas formacións: Alba Gutiérrez & Yoni Martínez (Cantabria – Asturias) e Rubén Alba & Viriu Fernández (Asturias)

 CONCERTO

Como fin de festa, ás nove da noite na Praza das Coles actuará SÉS.

Sés é o proxecto musical da cantautora coruñesa María Xosé Silvar: ritmos americanos repensados en galego e en feminino, letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario

 Con esta actuación pecharase a IX edición da Foliada.