Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / Novo espectáculo etnográfico do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina

Novo espectáculo etnográfico do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina

Festivais, Foliadas, Romarías



A estrea do novo espectáculo etnográfico do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina "PRESTIXIO" terá lugar o vindeiro venres 25 de agosto ás 22:30 na Praza do Convento de Pontedeume, tendo a súa continuación o sábado 26 de agosto ás 22:30 na Praza dos Libros de Carballo, o venres 1 de setembro en Dodro e o sábado 2 de setembro en Soutomaior.


Mais información.
Este é o relato dun ano de vida de Don Lourenzo Folgoso, "O Golpellás", natural de Viñoás no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, e de profesión afiador.
- Eu marchei aquil ano porque tiña un soño...ver o mar.
Así comeza o novo espectáculo etnográfico "PRESTIXIO" do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, co que pretendemos ensalzar o folclore e as diferentes festas da nosa Galiza: a romaría, a voda, o nadal, o San Xoán, ....
Con esta súa nova andaina no eido da divulgación da cultura de Galiza, Xacarandaina crea Prestixio, espectáculo de música e baile tradicional co que se pretende dignificar unha das rexións do país máis interesantes: Bergantiños e a súa Costa da Morte. A súa situación xeográfica (cerrada en gran parte polo mar e lonxe da influencia dos grandes núcleos de poboación urbana), fai desta comarca unha zoa illada, o que contribúe así á conservación de gran número de tradicións, cargadas de elementos arcaizantes, e de sabor único, que resaltan a súa singularidade e o seu enxebrismo.

Prestixio é froito dun intenso traballo de campo e investigación etnográfica que Xacarandaina está a realizar dende hai case trinta anos en Bergantiños, e en especial, na súa tan levada e traída Costa da Morte. Neste espectáculo amósanse bailes, danzas, cancións, músicas, traxes e tradicións que conforman no seu conxunto un ciclo do ano nesas terras; abranguendo todos os seus aspectos nas súas múltiples manifestacións, e ensinando a riqueza e variedade dunha cultura milenaria, con fondas raíces que aínda perviven nas súas esencias.
A utilización de son, luminotecnia, sons naturais e unha esmerada posta en escena, ademais dun elenco de 50 artistas entre bailaríns, cantantes, músicos e actores, fan deste espectáculo algo novidoso e único no eido da cultura galega. En Prestixio conxúganse diferentes artes escénicas recuperando os costumes no seu estado máis puro, tal como foron compilados, servindo de transmisor entre os informantes e o público.