Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Discografía / Pandereteiras de Barro de Arén: “Cerdediño pr’ós amores”

Pandereteiras de Barro de Arén: “Cerdediño pr’ós amores”

Discografía

Acaba de ser editado o disco “Cerdediño p’rós amores” das xa míticas pandereteiras do lugar de Barro de Arén (Cerdedo, Terra de Montes). Trátase do primeiro traballo discográfico adicado integramente a un grupo de pandereteiras “tradicionais” galegas, todas elas roldando os 75 anos. A finais do 2005 e primeiros do 2006 entraron no estudo de gravación Phonos da Estrada para deixármonos constancia das músicas da súa mocidade, aquelas que elas herdaron dos seus maiores, e que son unha mostra viva da forza da tradición oral galega.

O vindeiro domingo 4 de xuño terá lugar a presentación do disco no Teatro Principal de Pontevedra ás 20 horas onde poderemos escoitar a Leilía; Os Abrentes; Donicelas; O Tear de Llerena; Xirandola e, por suposto ás Pandereteiras de Barro de Arén.

Mais información.
Compoñen o disco trinta e un cortes, onde gañan importancia os bailes de pandareta (jotas, muiñeiras, valses...), pero tamén outras moitas músicas, coma cantares de arrolo, de ronda, de arrieiro, de Reis... Toda unha mostra da importancia da música na vida cotiá das nosas xentes, e todo un documento sobre a tradición oral na Terra de Montes e por extensión na Galiza.

Editado grazas á iniciativa do Concello de Cerdedo e máis da Deputación de Pontevedra, contou co apoio na produción artística de compoñentes do grupo pontevedrés O Tear de Llerena, que aportaron, entre outras cousas, uns textos con cumprida información dos cantares e das propias xentes de Barro de Arén, verdadeiras depositarias dunha tradición que desgrazadamente vemos esmorecer todos os días entre as nosas mans.