Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA / Bico da Balouta no Alalá

Bico da Balouta no Alalá

ALALA

 

alala gEste sábado, o equipo de "Alalá" axudaranos a descubrir e a entender que é Bico da Balouta, pero antes hai que saber tres pistas: que é xente á que lle encanta a música, por suposto; que cada un dos seus integrantes ten un oficio diferente pero sempre que poden están xuntos de festa porque son moi amigos e que todos teñen un enorme amor pola súa terra: Agolada.

Os músicos que compoñen este grupo defínense como gaiteiros de taberna e de carballeira porque é precisamente neses lugares onde poden encontrar a alegría da súa música, onde as súas voces cantan mellor os temas tradicionais, as gaitas, o tambor, o bombo, o acordeón, o clarinete, a tuba e calquera outro instrumento que se una para facer festa. A vida no seu mundo, ao que senten que pertencen estean onde estean.

O que comezou hai case vinte anos como un grupo de rapaces con ganas de saber tocar algo para divertirse, evolucionou ata converterse nunha asociación que traballa "sen ánimo de lucro" para que se coñezan todas as tradicións que ten Agolada e para que non desaparezan. Con ese afán organizan exposicións, intercambios con grupos doutros países, a festa da Randulfa, o concurso de espantallos e ata teñen feito un documental en que chaman a atención sobre a importancia das tabernas para a vida no rural.