Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Artistas folc no 25º aniversario da Casa das Crechas

Artistas folc no 25º aniversario da Casa das Crechas

Varios

casa das crechas

Artistas folc celebraron o 25º aniversario do bar compostelán A Casa das Crechas, con máis de 20 artistas convidados e 5 horas de espectáculo.

Os bares son habitualmente lugares en tránsito, onde pasan cousas. Pero o bar compostelán A Casa das Crechas é un bar onde pasaron demasiadas cousas. En 25 anos de vida, As Crechas converteuse nun dos emblemas tabernarios de Galicia, un lugar que case define un país. A escasos metros da catedral e antes de enfilar a Praza da Quintana, As Crechas é o último bar do Camiño de Santiago. E recibe aos seus clientes coa súa característica xanela aberta, pola que soan folc galego e músicas do mundo. Somos unha xanela aberta ao mundo, e por esa xanela tamén nos gusta expandir a nosa cultura, explica Aclamación Belho, socio fundador do bar, no medio do trafego de produción da festa aniversario desta noite,na que participarán unha vintena de artistas amigos, entre eles Carlos Branco, Budiño ou Narf.

A Casa das Crechas funciona como negocio de hostalaría desde o século XIX, e toma o seu nome de dúas irmás moi populares en Compostela, ¿que eran algo crechas, retorcidas de carácter, e ese é o espírutu do bar, ser un pouco revirados culturalmente?, chancea Belho. Procedente do asociacionismo e a militancia política, Belho montou cos seus socios un bar con filosofía artística, buscando transformar as cousas, programando libremente e axitando a escena creativa. Desde o seu nacemento, foi orixe de moitas actividades: un dos primeiros lugares de Compostela que empezou a pór as agora típicas moedas nas paredes porque un cliente regalounos unha colección de moedas do mundo, programador de exposicións ou templo da música en directo. A historia do folc galego non se entendería sen As Crechas, local pioneiro en encontros de músicos ao estilo das tabernas irlandesas", afirma a cantante Uxía, que esta noite tamén participará na festa aniversario.

Prema no título para ver a nova ao completo.

A historia do folc galego non se entendería sen este local, di Uxía
As foliadas dos mércores, das que naceu mesmo un grupo, A Banda das Crechas, convertéronse nunha gran festa semanal. É un referente único, onde se acolle aos músicos que chegan de fóra, afirma Quim Farinha, músico da banda e membro de Berrogüetto, outra formación moi ligada ao local. Non poderán estar esta noite porque andan de xira en Italia. A nosa achega foi incorporar a música en directo e promover unha escena propia que, a principios do noventa, emerxía. Entón non había nada en Galicia e todo se estaba inventando, rememora Aclamación Belho. Ao longo de 25 anos de vida, nas Crechas tocaron e cantaron desde os músicos máis relevantes de Galicia até grupos de talla internacional como Capercaille, Shooglenifty, A Boutine Sorriante ou Patrick Molard, que actuaban no desaparecido festival folc Cidade Vella e despois seguían no local.

Calquera músico que pase polas Crechas acaba integrándose na filosofía do bar. Hai uns meses, o cantautor Jorge Drexler visitou o local e rapidamente foise a buscar a súa guitarra para actuar nun escenario que xerou frutíferos encontros creativos. Aquí descubríronse e impulsaron músicas e grupos que agora funcionan como patrimonio popular, como cancións de Leilía que escoitei aquí por primeira vez, pero precisaban dun lugar para testarse, para polas fronte a ese público ávido de descubrir, di Uxía. Este é un local multicultural, que busca sempre unha transformación que parte da reivindicación do propio para conectalo con diversas realidades do mundo, especifica Belho, que achega datos sobre os seus clientes: O 40% da xente que nos visita procede doutros países, México, Xapón ou Estados Unidos, e cada noite é como unha viaxe. Respondendo o seu perfil inquieto, Belho prepara novos retos que partirán desde o edificio de tres plantas que alberga As Crechas. Prentendemos que no edificio váianse instalando diversas empresas e asociacións vinculadas a ámbitos creativos. Converter o espazo nunha área de expansión de cultura a través da colaboración compartida, avanza.

A soada xanela á rúa da casa das Crechas, o último bar do Camiño, espera seguir aberta para ser saída e entrada dos soños dos viaxeiros. Esta noite conectarán con clientes de todo o mundo, as visitas de 25 anos que quedaron como amigos. Non nos recrearemos no pasado, senón que nos proxectamos ao futuro, advirte Aclamación Belho. Fiel ao espírito das dúas crechas que deron nome ao local, Belho aspira a ser tamén un activista retorto. Coa xanela aberta durante moitos anos.

www.elpais.com