Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA / Vaamonde, Lamas & Romero no Alalá

Vaamonde, Lamas & Romero no Alalá

ALALA

alalaOs protagonistas do Alalá, de este sábado 3 de marzo, son o trío formado por Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero e Pedro Lamas, son tres músicos, tres almas predestinadas a facer da música un xeito de vivir e, sobre todo, de gozar. Cada un por separado, en parella ou co trío, teñen unha traxectoria musical que impresiona, formando parte de distintos grupos, publican obras, dirixen espectáculos, compoñen, dedícanse ao ensino e os tres basean o seu traballo na formación, no talento e na espontaneidade.

A música é para eles unha terapia de liberación, acompañada de creatividade, disciplina e calidade. Sen embargo, a historia deste trío xurdiu coma un divertimento a partir dun traballo sobre Os Trintas de Trives produto dunha investigación exhaustiva e fascinante pola historia duns músicos que, a comezos do século XX, foron quen de triunfar nun Trives encantador e boiante. Hoxe, Vaamonde, Lamas & Romero comparten as aventuras e desventuras do mítico grupo no seu recente disco "O Tambor de prata", un tesouro para os sentidos que converte cada concerto nun espectáculo, en que a música se mestura coa retranca, co humor e co enxeño destes tres homazos.

"Alalá" prepárase para case calquera cousa: desde unha merenda con mesa e mantel no curuto dun faro; actuacións con rebarbadora incluída ou, de súpeto, non querer falar. De todos os xeitos, unha advertencia: non hai que tomar en serio todo o que din... porque son tremendos!

O horario de emisión será as 19:00 horas.