Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Reunións, actos, ... / Comeza o Culturgal 2010 en Pontevedra

Comeza o Culturgal 2010 en Pontevedra

Reunións, actos, ...

Intercambios entre Galicia, Portugal e Brasil e showcases forman a banda sonora do Culturgal

Os novos ritmos brasileiros, un sorprendente fado alegre, tradición e innovación coa gaita, música armenia, pop de autor... son algúns dos sonidos que compoñerán a particular banda sonora da Feira das Industrias Culturais. A música anegará tamén todos os espazos do Culturgal 2010, desde a recámara, ata o patio, o faiado, o cuarto dos nenos e o estudo. Encabezan o cartel musical dúas noites de espectáculo e diálogo intercultural. As propostas Galicia.br e Galicia.pt xuntarán no escenario, dunha banda, na noite do venres, a dous artistas revelación do Brasil, Kiko Kalus e Érika Machado, e a Carlos Blanco e o Sergio Tannus Trio; da outra, na noite do sábado, fundiranse os novos discos de Deolinda e Xosé Manuel Budiño. A entrada é gratuíta ata completar aforo. Pódense retirar os convites nas billeteiras do Pazo da Cultura, venres e sábado de 11h a 14h e de 17h a 21h.

Ao longo dos tres días da Feira sucederanse tamén actuacións de pequeño formato para a presentación de novas propostas musicais. Polos showcases de Culturgal pasarán Renato Spencer e Café Caxaça, Anxo Lorenzo, Kibitka, Silvia Penide e Uxía coa presentación da nova edición de Cantos na Maré, ademais da escolla particular da recoñecida revista musical Mondo Sonoro e da asociación de bandas de reggae e os sound systems galegos Negus Reggea.

Nesa intensa actividade teñen cabida tamén as propostas máis recentes que exploran as sonoridades acordes ás orellas dos máis pequenos. Para público infantil e xuvenil tocarán Mamá Cabra, que presenta o seu úlitmo disco Ola, ola, la!; Pablo Díaz, co seu espectáculo Tic tac; e Pesdelán, que chega co seu novo traballo Na punta do pé. Ademais, o Laboratorio de Sons da Aula Folque Infantil de aCentral Folque, traslada por un día a súa actividade ao Culturgal.

A programación musical do Faiado, o espazo comisariado polo xornalista Iago Martínez, centrarase na autoedición e na historia do rexitro sonoro. A asociación SINSALaudio encargarase dunha audioconferencia baixo o título Érase unha vez un suco e presentará o seu novo selo SOSOaudio. Diversos músicos de grupos galegos como 6pm e Niño y Pistola impartirán o obradoiro O estudio na túa casa e intervirán nun coloquio sobre autoedición. E Emilio José dará un concerto o venres.

Na sesión de debate profesional, o sector da música analizará a súa forza como fonte de recuperación económica, dentro do foro As industrias culturais de Galicia e do norte de Portugal en tempos de crise. Retos, recursos e modelos de éxito, organizado conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués e a Asociación Culturgal, baixo o programa Creativa.

Ademais, o Coro da rá e o Quinteto de Metais CMUS Manuel Quiroga movilizarán aos viandantes cara ao Pazo da Cultura con actuacións nas prazas da Verdura e da Ferrería.

26, 27 e 28 de novembro de 2010
Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra

Para descargar o programa musical prema aqui

www.culturgal.com