Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Publicacións / Presentación“Os instrumentos musicais na tradición galega”no museo de Pontevedra

Presentación“Os instrumentos musicais na tradición galega”no museo de Pontevedra

Publicacións


Mañá mércores 5 de maio de 2010 ás 20.00 h terá lugar, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, o acto de presentación do libro "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias con deseños de Xoán Ramón Marín Martínez editado por Difusora de Letras Artes e Ideas no marco das iniciativas desenvolvidas polo proxecto Ronsel. Esta obra vén de recibir o premio Antón Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio.

Ademais, poderemos gozar cun breve concerto didáctico do autor, Pablo Carpintero quen dedicará arredor de 30 minutos a explicar a orixe e a evolución da gaita de fol en Galicia. Poderemos escoitar algunhas gaitas sen fol como os clarinetes sinxelos e duplos, empregados polos nenos no camiño de aprendizaxe cara á gaita de fol, uns instrumentos moi semellantes aos empregados no antigo exipto. Tamén poderemos escoitar o son dos óboes duplos similares ás tibias romanas e aulòs gregos. Dentro xa das gaitas de fol, Carpintero fará soar instrumentos de lingüeta sinxela como as gaitas de cana e sabugueiro ou a rosca do Baixo Miño. En canto ás gaitas de fol propiamente ditas, escoitaremos varios instrumentos antigos, de morfoloxías diferentes en canto ao número de bordóns, procedentes de varias zonas de Galicia e tamén poderemos escoitar a reprodución, feita polo autor, dunha das gaitas de Perfecto Feijoo conservadas no Museo de Pontevedra.