Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Publicacións / Os instrumentos musicais na tradición galega

Os instrumentos musicais na tradición galega

Publicacións


Desde o proxecto Ronsel veñen de publicar un libro de interese para todas as persoas vinculadas ao mundo da música tradicional, a monografía "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias, con deseños de Xoan Ramón Marín Martínez, editada en Difusora de Letras Artes e Ideas coa oportuna revisión lingüística de Xosé Henrique Costas.

Esta obra, que conta co aval da UNESCO, describe e relata a historia coñecida de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron en Galicia. A magnitude do traballo vai alén das case 500 páxinas e 1000 fotografías pois desde unha perspectiva científica e rigorosa achega a clasificación dos 144 instrumentos musicais catalogados dentro do sistema científico máis empregado en occidente, a clasificación de Hornbostel e Sach.

Na actualidade estanse a facer presentacións por todo o país, que comezan este xoves día 11 de febreiro de 2010 ás 18.00 h no auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Trátase de actos nos que se mesturan as intervencións por parte dos autores, coordinador do proxecto e editores, cun breve pero intenso concerto didáctico de Pablo Carpintero que permite comezar a saborear os contidos do libro.

Outros actos que xa están programados son:
- xoves 18 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no salón de actos da Excelentísima Deputación Provincial de Lugo
- sábado 20 de febreiro de 2010 no programa Lume na Palleira na sintonía da Radio Galega 2 de 16 a 17 h
- sábado 20 de febreiro de 2010 na cidade da Coruña, lugar e hora por determinar
- xoves 25 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no museo municipal de Ourense