ACTIVIDADES

MONOGRÁFICO SOBRE OS CANTOS DE NADAL

O NADAL CHEGOU Á TRADESCOLA

Mini e Mero foron os encargados de guiar un monográfico que amousou as cantigas e tradicións propias do Nadal en Galiza.

22/12/2008

A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, dedicou o seu primeiro monográfico sobre música tradicional (que tivo lugar o sábado 20 de Decembro no salón de actos do Centro Residencial Xuvenil Lug II) aos Cantos de Nadal .
Os Cantares de Nadal, Cantares de Aninovo e os Cantares de Reis foron a desculpa perfecta para faceren unha noite de alegría, de acompañamento e de ilusión, para moitos dos galegos e galegas que tiveron a súa vida no rural. Para realizar esta xornada, na que se amosaron os distintos cantares e tradicións do Nadal en Galiza, contouse coa presenza de Mini e Mero, acompañados polo gaiteiro Raúl Galego.
Xosé Luis Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio son os nomes de pía de Mini e Mero, lucenses da Terra Chá, dabondo coñecidos no eido da música galega. Son mestres no rural, cofundadores de 'Fuxan os Ventos', fundadores de 'A Quenlla', musicólogos, intérpretes, autores de libros como 'Contos de Vellos para nenos', 'Somos Lenda Viva', etc. Ademais diso atoparon tempo para a recolla de música tradicional e da sabedoría popular da xente do rural. Ou como din eles Non só para recollela, coidala e conservala, senón tamén para transmitila, espallala e devolvérllela ao pobo.

Raul Galego inicia a súa traxectoria musical alá polos anos 70, e dende entón formou parte dunhas trinta agrupacións folclóricas. Veu impartindo clases como profesor de gaita, percusión e música galega dende 1973 e cómpre destacar, así mesmo, as súas conferencias e charlas didácticas impartidas, destacando a labor realizada xunto a Mini e Mero dende hai xa 15 anos.

O VICEPRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA VISITA A TRADESCOLA

14/01/2009

A Asociación de Gaiteiros Galegos recibiu, o pasado día 13 de Xaneiro nas instalacións da Tradescola, a visita de numerosas autoridades, entre as que destacou o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, acompañado polo Conselleiro de Innovación e Industria, o Director Xeral de Xuventude, a Delegada de Vicepresidencia en Lugo e o Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo.
No transcurso deste encontro, os ilustres visitantes non dubidaron en resaltar o bo traballo que está a realizar a Asociación de Gaiteiros Galegos con proxectos como a TRADESCOLA, que serven para difundir a nosa cultura e ofrecer formación a tódalas persoas interesadas na música e no baile tradicional.

A cita tivo lugar dentro dos actos de inauguración das instalacións do Complexo Residencial Xuvenil LUG II, sé da Escola de Música Tradicional da AGG.

DESPEDIDA DO ENTROIDO NA TRADESCOLA

27/02/2009

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, despediu o entroido cunha festa o día 26 de febreiro de 2009 no Complexo Residencial Xuvenil LUG II. Nesta xornada, que serviu de clase práctica para os máis de cen alumnos que asisten a Tradescola, disfrutouse da música e do baile tradicional durante gran parte da noite.
O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre temas diversos. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego.

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos pensamos que este tipo de xornadas , que están orientadas aos alumnos, profesorado e persoas interesadas na música tradicional en xeral, favorecen a difusión e promoción da cultura tradicional e axudan a dinamización da vida cultural lucense.

XORNADA DE MÚSICA TRADICIONAL EN MONFORTE

20/04/2009

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, no seu afán de incrementar a presenza da música tradicional galega na sociedade actual, dedicou unha xornada didáctica á percusión tradicional, zanfona e cantos de cego na vila de Monforte de Lemos. Esta xornada tivo lugar na tarde do domingo 19 de abril, no salón de actos da Casa da Cultura.
Esta actividade estivo guiada polos mestres da Tradescola Luis Correa 'O Caruncho' e Xose Lois Romero Cajigal. O numeroso público asistente puido gustar dun concerto didáctico no que Luis 'O Caruncho' amosou os secretos da zanfona, cantos de cego, romances... e Xosé Lois ensinou as distintas percusións utilizadas na música tradicional. Posteriormente, os mestres estiveron a disposición dos asistentes para responder a calquera dúbida ou inquedanza sobre os distintos instrumentos.

XORNADA DE BAILE TRADICIONAL, CANTO E PANDEIRETA EN RIBADEO

11/05/2009

Máis de 60 persoas acudiron ás Xornadas de Baile Tradicional, Canto e Pandeireta, que tiveron lugar o pasado día 10 de maio no IES Dionisio Gamallo Fierro en Ribadeo.

Esta actividade, promovida pola Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, pretende a divulgación da nosa música tradicional a

través dunha serie de obradoiros impartidos por mestres da propia escola en diferentes comarcas da provincia de Lugo.

Nesta ocasión, Montse Rivera, mestra de baile tradicional da Tradescola, e Uxía Cibreiro, mestra de canto e pandeireta, estiveron ao cargo desta xornada didáctica na que, ao longo de todo o día, os asistentes puideron iniciarse nestas disciplinas da música tradicional ou perfeccionar os seus coñecementos sobre as mesmas.