Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

gaita cantiga350Artigo escrito por Pablo Carpintero.

Como sabedes nas Cantigas de Santa María hai representados máis de 40 instrumentos musicais diferentes do século XIII. Xunto co Pórtico da Gloria, as Cantigas son o conxunto iconográfico musical máis importante de Europa na Idade Media (ambos feitos no Reino de Galiza!).

Entre eses 40 instrumentos das Cantigas hai tres gaitas de fol: una rosca, una gaita tamén de pallón e bordón paralelo ao punteiro e a gaita correspondente á cantiga 350, a que vos amoso na fotografía.

Como no resto de Europa as gaitas de máis dun bordón non aparecen ata dous séculos despois, desta gaita téñense dito moitas cousas pois non lles cadra coas súas iconografías. Entre outras cousas tense dito que é unha fantasía do iluminador ou que os tubos dobres son soportes para os bordóns... En fin, eu pensei algo novo para explicar esta iconografía, pois non me creo que nun manuscrito feito con tanto coidado, sendo Afonso X músico e sabendo, como se sabe hoxe, que el mesmo repasaba a corrección das iconografías, non me creo, digo, que esa iconografía non represente un instrumento real. Así que pensei que quizais esa gaita fosen dúas gaitas montadas nun único fol (como as gaitas de barquín). É dicir, o punteiro grande tocaría acompañado co máis longo dos bordóns longos e co máis longo dos curtos, e o punteiro curto tocaría cos outros dous. Iso permite tocar en dous modos diferentes e en dúas alturas diferentes.

(Prema no título para ler a nova completa)

Pero como o movemento se demostra andando e esto era só unha teoría miña, púxenme a construir a gaita para ver se, facéndoa exactamente coas mesmas proporcións e forma que na iconografía, o instrumento era funcional. Así pois asumin estás hipótesis para construíla:

1. A representación é dun instrumento real, o iluminador copiaba dun modelo vendo o instrumento, polo tanto as proporcións, formas e xeito de collela son absolutamente exactas.

2. Todos os tubos pintados na iconografía son cónicos, polo tanto, con bastante probabilidade, ían equipados con palletas. Tamén asumín que o perfil externo debe representar con bastante fidelidade ao perfil interno, como ocorre na maior parte das gaitas de fol do mundo.

3. Os punteiros non se tocaban á vez porque na idade media parece que non existía a harmonía tal e como hoxe a entendedos (acordes, terceiras, etc.), iso veu despois. De aí a idea de dúas gaitas, con dous bordóns cada unha, montadas no mesmo fol.

4. As lonxitudes dos tubos e tamaño do fol deducíronse tendo en conta unha altura media para os homes no s. XIII de 1.67m.

O resultado, que ilustro cun vídeo que esta na miña canle do YouTube, foi:

A gaita así feita é perfectamente funcional. Isto apunta a que a gaita representada na iconografía está pintada a partir dun modelo real e polo tanto é un indicio bastante forte de que na Península, no século XIII, xa existían gaitas de dous bordóns!!!!

Usando as mesmas proporcións que na iluminación, os bordóns resultantes tocan na tónica e na quinta do punteiro!!! o que cadra perfecto coa teoría medieval de que os únicos intervalos cosoantes son o unisono (a oitava) e a quinta.

Afinei os punteiros en alturas de Do e Mi que eran as que ditaban os bordóns que foi o primeiro que construín xa que o erro na altura sonora é menor, pola lonxitude, que nos punteiros. Dotei os punteiros de afinación pitagórica, que segundo Boecio era a empregada na Idade Media. O punteiro en Do afineino en modo de Sol e o de Mi en modo de Do, que son os dous modos máis frecuentes no noroeste. Puxen as tónicas para ser emitidas con todos os furados pechados pois hai indicios no noso repertorio máis antigo de que iso era así.
Ocorre que tendo os punteiros afinación pitagórica, dando a tónica con todos os furados pechados e como os bordóns cun desplazamento duns 4 cm poden variar un ton completo, sucede o feito extraordinario de que cada punteiro pode tocar en dous modos diferentes acompañándose con dous bordóns: o grande en Sol e La e o pequeño en Do e Re, os catro modos que se conservaron no noroeste da península Ibérica!!!!
Máis aínda, como so bordóns poden emitir: Do e Re o grande, Mi e Fa o grande pequeño, Sol e La o pequeño grande e Si e Do o pequeno pequeno, resulta que se pode tocar (usando un só bordón) con calquera tónica!!! e como os punteiros teñen afinación pitagórica, con cada un deles pódese tocar en polo menos tres ou catro modos diferentes, segundo vaiamos facendo a tónica nun furado ou nos superiores. É dicir, con esta gaita poderíase tocar en todas as posibilidades modais da idade media!!!!

Unha gaita cunhas posibilidades extraordinarias!!!!

Penso que isto é un paso importante que amosa, unha vez máis, a enorme diferenza cultural entre a Península e o resto de Europa nos séculos medievais, grazas as enormes aportancións (musicais, matemáticas, lingüísticas, astronómicas, medicas etc etc etc) que árabes e xudeos fixeron, e que logo se expandiron por europa a través do Camiño de Santiago.

Aquí tendes o vídeo:

https://www.youtube.com/watch?v=VwcTVF9jPhg