O Museo do Pobo Galego organiza unha nova edición de A voltas co baile.
Nesta edición tratarase a adaptación de bailes foráneos como o Valse, a Rumba ou o Pasodobre, á tradición galega.
O vindeiro 27 de abril, “A voltas co baile: Valse,Rumba e Pasodobre“ continuará a formación iniciada o pasado ano cunha edición na que se trataron bailes centroeuropeos como o Scottish ( Chotis), a Mazurca ou a Polka. A tradición popular conta con moitos bailes. Aínda que os máis coñecidos entre a maioría do público urbano son a muiñeira ou a “jota”, o certo é que todos os bailes que, nalgún momento, estiveron de moda, pasaron ao acervo tradicional galego coas modificacións que os instrumentos musicais de Galicia, o xeito de bailar e a creatividade popular, infrinxiron sobre os mesmos.
A xornada de formación teórico-práctica do sábado 27 e que se vai desenvolver durante toda a xornada desde ás 11h00 até ás 19h30, ten como tema central a orixe, evolución e transformacións dalgúns destes bailes que, procedentes de Centroeuropa uns e de América outros, fixéronse moi populares en gran parte dos dous continentes. Aquí e acolá, en Europa e en América, son bailes de parella, de bailar agarrado que as e os participantes no curso poderán coñecer desde o punto de vista teórico como do práctico coa execución dos pasos deste baile nos diferentes lugares pero, fundamentalmente, no territorio galego. Este ano a dirección do curso corre a cargo de Manolo Cobas, músico, docente de música e baile tradicional así como recompilador e estudoso do folclore.
As prazas son limitadas e a matrícula farase por orde de inscrición no correo electrónico
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
.
A matrícula é gratuíta para as persoas socias do Museo e, para o resto, ten un custe por materiais de 5 euros e 3 para persoas desempregadas e pensionistas. O curso conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela.