Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Gustavo Couto e Edith Cotilla

Gustavo Couto e Edith Cotilla

Bailabén

Xénero:
Libros
Ano:
2009
Editorial:
Edicións do Cumio

Descrición

Portada do Bailabén


A aprendizaxe do baile galego deu un paso máis coa presentación da publicación ‘Bailabén’, un libro acompañado dun DVD, que marca as pautas a seguir na aprendizaxe da xota e da muiñeira.


‘A idea xurdíu no primeiro Congreso de Ensinantes de Música Tradicional, onde mestres de Primaria e Secundaria nos trasladaron a falla dun manual polo que impartir clases de baile’. Así lembrou Gustavo Couto a orixe da obra de Edicións do Cumio.


Couto, de 26 anos, leva 15 no mundo do baile galego. Dirixe o grupo compostelán Ultreia e imparte clases en varias escolas.


Edith Cotilla, coautora de ‘Bailabén’, leva no mundo da música tradicional dende os cinco anos. Agora con 30, compaxina o seu labor de bailarina co de docente.


Ambos son os responsables do primeiro método do ensino do baile popular galego: ‘Ata agora tódolos sistemas que se utilizaban na aprendizaxe estaban baseados na improvisación porque non había nada sobre o que traballar; con este libro propoñemos un xeito sinxelo de achegamento a dous bailes para un nivel de básico a medio’. O apartado máis práctico da publicación, o DVD, recolle cinco puntos a desenvolver: estiramentos para antes e despois, exercicios de equilibrio e de ritmo, pasos de diferentes movementos e finalmente, coreografías realizadas a partires dos punteos propostos. ‘O primeiro que hai que dominar é o equilibrio e o ritmo para poder facer os pasos sobre unha perna’.


Couto considera que o mellor momento para iniciarse no baile son os cinco ou seis anos,’aínda que se hai gañas e motivación pódese comezar a calquera idade’. Con ‘Bailabén’, márcanse as pautas de baile tanto para homes como para mulleres que comparten método de ensino, aínda que despois segan sendo eles os que marquen o punto. Con esta publicación, os autores non pretenden establecer criterios de aprendizaxe, senon amosar un método baseado nun baile meramente popular. ‘Nos últimos anos aumentó a demanda entre a xente que se apunta para aprender sen intención de subirse a un esceario, senon para pasalo ben nas festas’. Para Couto, o baile popular recuperó o seu posto na sociedade a través dos seráns e encontros cada vez máis cotiás.