Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Dorothé Schubarth e Antón Santamarina

Dorothé Schubarth e Antón Santamarina

Web:
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=AntSanta1&alias=Ant%F3n+Santamarina+Delgado&solapa=biografia
[b]Dorothé Schubart[/b] desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música popular europea, dedicándose especialmente á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así coma aos cancioneiros de Alemaña e de Francia. A partir deste material elaborou o volume 'O Canto Popular en Europa', que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978.
Neste mesmo ano, a musicóloga suíza chega a Galicia durante as súas vacacións coa intención de coñocer a nosa música popular. A riqueza, a diversidade e, incluso, os sinais propios e peculiares do que escoltaba prolongaron durante cinco anos a súa estancia. Un primeiro achegamento curioso converteuse nunha paixón que prolongou a súa estancia e o seu traballo de campo durante cinco anos.
As súas dificultades coa lingua galega precisaron de axuda e atopouna en Antón Santamarina, filólogo da Universidade de Santiago de Compostela, que se converteu en parte importantísima no traballo de recompilación, transcricións de textos e clasificación.
No ano 1984, tras un intenso traballo de recolleita que abrangue a 38 zonas xeográficas galegas e limítrofes, do análise, clasificación e estudo dese material, publicouse o Cancioneiro Popular Galego en sete volumes. Esta xoia bibliográfica foi patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza así como gran parte do traballo de campo que orixinou esta edición. Este apoio institucional foi decisivo para que hoxe estea recollido o noso “corpus musical popular”.

Dorothé Schubarth introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. En palabra do profesor López-Calo “un libro ao que non é aventurado calificar como a máxima aportación xamais intentada cara á conservación e coñecemento do folklore musical de Galicia”.



[b] Antón Luís Santamarina Fernández [/b] (San Martín de Suarna, A Fonsagrada, 18 de febreiro de 1942) é un lingüista galego, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega.

Estudou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, graduándose en 1967 coa memoria de licenciatura 'Vocabulario del Valle del Suarna' e doutorándose en 1973 coa tese doutoral 'El habla del valle de Suarna', sobre os dialectos orientais do galego e en concreto da lingua falada en Navia de Suarna, tese dirixida polo profesor Constantino García.

Simultaneou o cargo de profesor da Universidade de Santiago co de director do Instituto da Lingua Galega entre 1971 e 2004. Foi secretario do Instituto da Lingua Galega desde a súa fundación en 1977, ata que chegou á presidencia en 1991, deixando este cargo no 2005. Foi tamén secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, cargo que lle permitiu comezar coa implantación do ensino do galego na EXB e o BUP. Desde 1979 é secretario da Comisión de Toponimia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
En 1983 gañou a cátedra de Filoloxía Románica en Cádiz pero permaneceu na Universidade de Santiago, obtendo a cátedra nesta en setembro dese mesmo ano.
O 24 de outubro de 1988 ingresou na Real Academia Galega co discurso 'A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos do seu ingreso na Real Academia Galega'. Foi presentado por Ramón Piñeiro López, Marino Dónega Rozas e Carlos Casares Mouriño.
Entre 1992 e 1997 foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

Xa en 1971, xunto a Guillermo Rojo, Ramón Lorenzo e José Luis Couceiro, publicou os libros de texto 'Galego 1, 2 e 3' (1971-1974). Neste último ano comezou a dirixi-la revista 'Verba. Anuario galego de Filoloxía', desde o primeiro número ata o nº 13, en 1986, data na que pasou a se-lo Secretario desta publicación.
Participou en numerosas obras colectivas fundamentais na fixación do estándar e na pescuda lexicográfica e etnolingüística galega. Así, participou na elaboración da primeira edición das 'Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego' (1982); coescribiu o 'Cancioneiro Galego' que elaborou con Dorothé Schubart; colaborou e dirixiu o 'Atlas Lingüístico Galego' (1987-2003); coordinou xunto a Constantino García González o' Diccionario da Lingua Galega' editado pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega (1990); e foi coordinador, xunto a Manuel González González, do 'Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega', editado tamén pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega en 2004
Desde 1986 dirixe desde o ILG o 'Tesouro Informatizado da Lingua Galega' , unha base de datos con máis de once millóns (11.409.358 en novembro de 2007) de rexistros extraídos de textos publicados desde 1612 á actualidade.
Dirixiu o 'Diccionario de Diccionarios' (1998-2002), editado en formato electrónico polo Instituto da Lingua Galega e patrocinado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A terceira edición contén máis de 300.000 entradas extraídas de 25 dicionarios e vocabularios editados ou inéditos, así como de textos de Frei Martín Sarmiento.

Cancioneiro popular galego / recollido e ordenado por Dorothe Schubarth e Antón Santamarina

Xénero:
Libros
Ano:
1984
Editorial:
Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa

Descrición

1. Oficios e labores (2 v.)
2. Festas anuais (2 v.)
3. Romances tradicionais
4. Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas locais
5. Cantos dialogados
6. Coplas diversas, cantos enumerativos e estróficos (2 v.)

Capítulos

Cancionero galego de tradición oral / [recopilación e introducción] Dorothé Schubarth, Antón Santamarina

Xénero:
Libros
Ano:
1982
Editorial:
Fundación P. Barrié de la Maza, Coruña

Capítulos