Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Discografía / PABLO DÍAZ

PABLO DÍAZ

Web:
http://www.myspace.com/pablodiazcarro
Este coruñés comeza a súa andaina musical aos 5 anos cando entra nun grupo de baile Tradicional en Fene . Dende aquela e ata hoxe adica grande parte da súa vida ao estudio e ensino de diversas materias relacionadas co baile e a música tradicional: a gaita, o clarinete, percusións variadas (tambor, bombo, pandeireta ou outras percusións menores), e por suposto a voz.

En 1991, crea un grupo de investigación etnográfica de campo co que percorre unha porcentaxe moi grande do rural galego e que lle vale para imbuírse desa música e sabedoría para logo facer tamén as súas propias composicións.

Na actualidade forma parte de varios grupos de música tradicional e folk (Donaire, Ruote,Con Canto Donaire, Entrecaixas e Tátara Trío) , e participa como músico, cantante ou productor musical. Tamén colaborou en varios proxectos alleos con xente como Susana Seivane ou Pablo Seoane .

Nos últimos anos adica boa parte da súa vida profesional a crear música para nenos, xa que dende 2005 é músico acompañante dos talleres de contacontos que a editorial Kalandraka desenvolve en centros escolares , bibliotecas e institucións por toda a xeografía galega.

No 2008 entra como finalista no 1º concurso Acoruña Son recibindo un obradoiro de composición musical dunha semana impartido por Santiago Auseron.

TIC TAC

Xénero:
Música infantil
Discográfica:
Kalandraka

Descrición

“Tic tac” é un libro-disco que combina música e ilustración para público infantil a partir de tres anos de idade. Trátase dunha obra para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, como complemento das clases de Educación Musical.

Neste primeiro traballo musical en solitario, Pablo Díaz fai un percorrido por distintos ritmos cos que, dende a perspectiva do folk, abarca a universalidade da música, dende o xénero clásico ata o jazz, pasando polo rock, o soul, o swing e os ritmos latinos.


As 16 cantigas do disco abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que se lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música.

Compleméntase cunhas orixinais ilustracións feitas coa técnica do linograbado, un método recuperado por Marc Taeger co que afonda no caracter tradicional da obra. Algunhas das musicais deste traballo forman parte das actividades de animación lingüística da campaña ‘Palabras no Ar’ que KALANDRAKA realiza en concellos galegos.

Pezas