Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Curso de técnica vocal e linguaxe musical para intérpretes de folclore

O Conservatorio Mayeusis, de Vigo, vai iniciar un curso de tres anos de duración : “Curso de técnica vocal e linguaxe musical para intérpretes de folclore (cantareiros e cantareiras)”.

Contidos do curso: linguaxe musical aplicada ó folclore, técnica vocal básica: coñecemento do aparato fonador; a respiración diafragmática; resoadores; emisión do son; timbres da voz; afinación; práctica de homo e polifonía; práctica da transcrición de documentos sonoros e arranxos a varias voces (estas dúas no último ano)

Outorgarase un diploma acreditativo a todos aqueles que rematen os tres cursos. A secuenciación será de 1 hora semanal, con grupos de 15 persoas como máximo, entre outubro e xuño.

O prezo será de 30 euros ó mes. O centro comprométese a non encarecer esta cuota durante os tres anos que dura o curso. As franxas horarias serán entre as oito e as dez da noite, (de oito a nove ou de nove a dez) e o día estaría en función dos grupos de alumnos que se podan formar. En caso de se formar un grupo con, alomenos, dez persoas que podan estar de acordo, estudaríase a apertura dun horario e día específico para eles.

O mestre encargado de impartir esta disciplina será Ernesto Campos, se queredes ampliar información, este é o seu enderezo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben podédesvos informar directamente no conservatorio Mayeusis (tel. 986 226 378).
 

III ENCONTRO DE PANDEIRETA INTERNACIONAL. Galiza e Italia.

III ENCONTRO DE PANDEIRETA INTERNACIONAL. Galiza e Italia.
Non teñas medo que rache!

O vindeiro 24 de setembro terá lugar en Pontevedra o III Encontro de Pandeireta Internacional que organiza o CMTF de Lalín. Este ano contarán coa presencia de dous mestres de luxo: Carlos Rizzo e Fransy González.

Ademais proxectarase no Teatro Principal da Boa Vila un filme de excepción: “Lomax. The Songhunter”, baseada no traballo de recollida deAlan Lomax por todo o mundo e tamén en Galiza (imaxes de Corcubión e A Cañiza) Este filme foi proxectado unicamente en Barcelona e A Coruña.


Mais información.

Ler mais. III ENCONTRO DE PANDEIRETA INTERNACIONAL. Galiza e Italia.

Novo comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

Dende os seus inicios en 2001, o CDG ten como principal obxectivo INFORMAR e CONCIENCIAR á opinión pública e, ó mesmo tempo, REACCIONAR ante a cada vez máis grave situación que dende hai máis de 15 anos está a atravesa-la gaita galega como instrumento tradicional e popular, tendo na actualidade como principal ameaza a implantación do MODELO CULTURAL ESCOCÉS nas bandas de gaitas (referente ás gaitas, percusión, vestimenta, estética, pezas que se interpretan, estilo musical, etc.) suplantando ós nosos propios e autóctonos rasgos de identidade como país e cultura.


Mais información.

Ler mais. Novo comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

Comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

O engano político das gaitas

Recentemente a banda de gaitas Nova Fronteira & Cartelle (Ourense) foi proclamada a mellor banda de gaitas de Galicia. Vivimos nun país cheo de contradiccións e curiosidades que o Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) nunca poderá comprender. Unha banda que desfila con gaitas marciais, percusión de alta tensión e faldas (elementos inspirados e copiados das bandas escocesas) non pode representar ós galegos. Algúns políticos desta terra (do novo goberno PSOE-BNG) presumen de defende-los valores musicais e culturais galegos, sen percatarse do que verdadeiramente está a acontecer no noso país no tocante ás bandas de gaitas. Outros, como a alcaldesa de Vigo Dona Corina Porro, incumplen promesas de facer respeta-la nosa música. Na TVG continúan retransmitindo encontros multitudinarios de gaiteiros, que semellan máis escoceses que galegos, co beneplácito gubernamental e financiados con cartos públicos de todos nós. Nas fases desa Liga de Bandas de Gaitas continúan asistindo representantes do IGAEM (dependente da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia) para facerse a foto de costume. En Pontevedra xurde unha rede de escolas, financiada pola Deputación Provincial, que fomenta a creación de bandas de gaitas pro-escocesas. E isto semella non importarlle a ninguén. Aparentar normalidade para conseguir votos é enganar á xente. E é unha vergoña que os representantes políticos do noso país non teñan a suficiente convicción para facer o que realmente teñen que facer. Son moitas as palabras pero poucos os feitos. E a esperanza do cambio político para o cambio musical é sinónimo do desánimo que actualmente sinte o CDG coas cousas que están a acontecer. Ir máis aló deste problema non é sinxelo, pero tampouco é tan complicado. Vontade e espírito de loita. Sen isto nunca faremos nada. E se nós mesmos non somos capaces de apreciar a riqueza cultural que temos sen recurrir a modelos musicais foráneos nunca poderemos dignifica-la nosa música como se merece. E tódalas bandas de gaitas que copian directamente elementos importados de Escocia nunca poderán ser galegas nin representar a Galicia. Por moito que nos queiran convencer algúns iluminados. Só pedimos unha cousa: respeto. Para a nosa música e para a nosa terra.

Colectivo en Defensa da Gaita. A Coruña

En representación do CDG:

RICARDO CASÁS SALGADO D.N.I. 53.162.745 - Q
LUIS GARCÍA CORRAL D.N.I. 53.163.859 – A
RAMÓN RODRÍGUEZ PALLEIRO D.N.I. 47.368.388 - A

**ESTUDIOS PARA GAITA GALEGA** - VOL I - Nivel Iniciación

A editorial Dos Acordes vén de publicar o primeiro volume dunha serie de obras da autoría de Xosé Lois Miguélez Saínza.

Eis a publicidade da propia editora:

Comeza o curso cunha nova publicación que che axudará na aprendizaxe do instrumento dun xeito ameno e progresivo.

Dispoñible nas librerías, tendas de música ou directamente na web www.dosacordes.com na sección -publicaciones- dentro da serie "Cadernos de Gaita Galega".

Podes elixir o teu sistema de escritura máis familiar Do ou Re, actualizar os estudios e descargarte gravacións dos mesmos na web do autor www.xlmiguelez.com (a partires de outubro 06)

O mestre de Gaita atopará neste libro unha útil ferramenta para complementar as súas aulas.

MERCAO XA!!

**O VOLUME II - Nivel medio, estará á venta a partires do mes de novembro de 2006**

Atentamente, Editorial Dos Acordes www.dosacordes.com

Páxina 459 de 486