Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Curso de creación musical ‘Músicas para a Escola’ no Campus de Lugo

As clases do curso ‘Músicas para a Escola’ de creación musical e folclore, dirixidas por Inmaculada Cárdenas e impartidas por Pilar Cabeza, Charo Herrero e Isidoro Rodríguez, celebraranse os días 19, 20, 26 e 27 de xaneiro no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. O prazo de inscrición permanece aberto dende este luns, día 8.

O curso, recoñecido cun crédito de libre configuración, consta de dúas partes diferenciadas, dedicadas cada unha delas a aspectos diferentes. Unha primeira, impartida polos especialistas en pedagoxía e creación musical, Pilar Cabeza e Charo Herrero, estará dedicada á creación musical, mentres que a segunda, impartida polo investigador Isidoro Rodríguez, dedicarase ao folclore.

Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: 982 28 59 00
 

Hermelinda do Muíño

Esta semana en Alalá da TVG...
...o equipo de Alalá leva ao espectador ata terras da Limia Alta, concretamente ao concello de Sarreaus, onde se atopa Hermelinda do Muíño, unha muller entrañable que conserva na súa memoria unha gran cantidade de coplas que escoitaba cando aínda era unha nena. Con ela poderanse coñecer as coplas que lles cantaban os mozos ás mozas cando saían de rolda, e tamén escoitaranse as que se cantaban nos fiadeiros e que acompañaban con latas de pemento e de carburo. Pero o máis salientable de Hermelinda e que tamén lembra longos romances sobre tristes historias de amor e moitos cantares de cego. Os cegos eran auténticos personaxes a principios do século pasado, cando percorrían a pé longas distancias para vender as súas coplas nas feiras, coplas coas que narraban truculentas historias de crimes e suicidios ocorridas noutros puntos de España. Eles eran os transmisores orais desas noticias que, ademais, vendían en cuartillas. Trinta anos nun muíño, afastados do mundo Precisamente Hermelinda era sobriña dun deste personaxes cegos, Ángel López, coñecido na redonda como o Cego de Sas. Del falarán con Hermelinda, que tamén contará como foi a súa vida de muiñeira, porque esta muller viviu máis de trinta anos nun muíño na compaña de seu home, Miguel. Alí, afastados do mundo, traballaban e cantaban durante horas, o que permitiu que Hermelinda repasase centos de coplas que foi fixando na súa memoria. Agora, con oitenta anos, vive soa, canta polo baixo e, cada día fai un esforzo por recuperar do esquecemento algunha vella copla que comeza a esvaerse.

III CERTAME GALEGO DE CANTARES DE REIS

Este Sábado, 6 de xaneiro de 2007, celébrase en Boimorto o III certame Galego de Cantares de Reis e o II Concurso de Recolla de Panxoliñas e Cantares de Reis. Será a partir das 18:00 horas.
A tradición dos cantares de Reis permanece aínda viva en moitas comarcas de Galiza e este certame ten a intención de conservala e darlle pulo e relevancia. Non vos perdades esta importante cita e disfrutade dunha noite de Reis en boa compaña e coa nosa tradición. Que teñades moitos agasallos!

NOVA TRABALLADORA NA AGG

Como xa fora publicado en novas anteriores, o pasado mes de outubro Roi Maceda foi contratado como traballador da AGG para cubrir o posto que deixara vacante Sonsoles Martínez e, desde entón, atende a oficina de Pontevedra.
Esta consolidación non foi obstáculo para que fose solicitada unha nova subvención para outro traballador máis á Consellaría de Traballo, e que foi concedida este mes de decembro. Deste xeito, a AGG afronta o ano que ven con unha infraestrutura moito máis forte cara a desenvolver o seu cometido no ámbito da música e baile tradicionais.
A nova traballadora, PATRICIA LONGA, está contratada dende o día 31 de decembro e forma equipo con Roi para organizar as diferentes actividades que xa están sendo programadas. Ámbolos dous estarán ao dispor de tódolos socios no número de teléfono 986 847074 e no correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Berrogüetto

Hoxe o programa Alalá conta coa presenza de Berrogüetto, unha das bandas galegas con máis proxección internacional e que hai agora dez anos veu revolucionar o panorama da música folk. Coincidindo con este décimo aniversario lanzaron ao mercado o seu cuarto disco: 10.0. Con esta entrega fan un punto e á parte, o punto cero ven por ser unha nova etapa na que estrean selo discográfico propio, Berrogüetto Produccións S.L. Deste xeito o grupo asume desde a autoxestión de concertos ata a auto produción do disco. Para o grupo máis recoñecido da música de raíz galega, con este traballo hai un sentido da continuidade que o podería converter no epílogo dunha etapa e no prólogo da seguinte. Unha obra moi coral, cunha participación moi similar por parte de todos os membros da banda. En Berrogüetto hai sete almas distintas, sete músicos que beberon de distintas influencias musicais, grazas a esta mestura, a horas de traballo e á amizade que hai entre eles, as súas propostas musicais fixéronos merecedores dunha gran repercusión mediática e numerosos premios en Galicia e no estranxeiro. Hoxe en Alalá os sete compoñentes de Berrogüetto falarán do contorno que crearon desde que están xuntos, dos procesos creativos, das xiras polo mundo adiante, das sensacións, das emocións, do compromiso e nunha palabra, do Universo Berrogüetto. Cada un expresarase a través do seu instrumento e da súa palabra. O equipo de Alalá desprazouse ata o local de ensaio de Caldas. Alí Guadi, Quico, Guille, Anxo, Quim e Isaac dedicáronlle un momento do programa ao seu compañeiro Santi. Un emocionante agasallo que lle fará lembrar por moitas razóns o 2006 e este disco 10.0.

Páxina 454 de 486