Novas
I Encontro de Zanfona de Lugo
Varios / 14.09.21
A Asociación de Gaiteiras Galegas e a Área de Cultura do Concello de Lugo coorganizamos esta fin de semana o I Encontro de Zanfona de Lugo.
Este encontro, que encherá o casco vello de Lugo cos sons das zanfonas os días 17,18 e 19 de setembro, nace co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor á zanfona, facendo protagonista do encontro á súa música, ás escolas existentes no país, os cantos de cego e as novas propostas existentes co instrumento, dentro do panorama actual da música tradicional galega.
Programa do I Encontro de Zanfona de Lugo:
Venres 17 de setembro
18.30 h.: Actuacións de Rúa (Casco vello)
-
- O CEGO E O CRIADO
- OS CEGOS DA VENEIRA
20:30 h.: Concerto na Praza da Soidade
-
- TUNDAL
Sábado 18 de setembro
12.00 h.: Concerto didáctico para nen@s na Praza da Soidade
-
- LUIS CARUNCHO e CHUS FOLIQUEIRA
13:00 h.: Concerto na Praza da Soidade
-
- MIRO CASABELLA
18:00 h. Actuacións de Rúa: (Casco vello)
-
- O CEGHO DE MATAMÁ E ALDARIÑA DE CANDEÁN
- ESCOLA CULTURAL MUNICIPAL DE ZANFONA DE NARÓN
- ZANFONEIROS DA TRADESCOLA
20:30 h. Concerto na Praza da Soidade
-
- PÄRBO
Domingo 19 de setembro
11:30 h.: Actuacións de Rúa (Casco vello)
-
- MONIFATES
- UXÍA MUIÑO
- GRUPO DE ZANFONAS DA EIPG DE SUSO VAAMONDE
12:00 h. Actividada aberta na Praza da Soidade
-
- AULA ABERTA DE ZANFONA DA MAN DE GERMÁN DÍAZ CON ALUMNADO DA TRADESCOLA (Lugo)
13:00 h. Concerto na Praza da Soidade
-
- OBAL
*I M P O R T A N T E: Os concertos serán con entrada libre ata completar o aforo
Para máis información chamar aos teléfonos da AGG (982229966 / 626705708 / 986847074)
LIV Concurso de Gaitas do País - Ponteareas 2021
Varios / 23.08.21
O concello de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición do 54 Concurso de Gaitas de Ponteareas que terá lugar o sábado 18 de setembro.
Poderán participar no concurso todos os grupos de gaitas que toquen con instrumentos tradicionais galegos, sen modificación de ningún tipo.
Os grupos participantes interpretarán dúas pezas de libre elección, de raíz melódica galega.
O prazo de admisión de solicitudes remata o día 10 de setembro de 2021. Os grupos interesados podedes ver as bases no seguinte enlace: http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2021/08/Bases-do-LIV-Concurso-de-Gaitas-2021.pdf
RELACIÓN DE PREMIOS:
- 1º premio 1.800,00 € + unha gaita e un tamboril doados por Artesanía de Galicia
- 2º premio 1.200,00 €
- 3º premio 900,00 €
- 4º premio 600,00 €
O Concello de Ponteareas outorgará unha gratificación de 300,00 euros aos grupos en concepto de participación, agás o 1º premio, o 2º premio, o 3º premio e o 4º premio, conforme a das Bases de Execución do Orzamento Municipal.
Toda a información, bases completas e anexos para as inscricións no seguinte enlace: https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/
A AGG CELEBRA ESTE SÁBADO A XXVIII EDICIÓN DA MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL EN PARGA - GUITIRIZ (LUGO)
Varios / 06.08.21
Un ano máis a AGG formará parte desta edición especial do Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XXVIII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Esta mostra, consagrada como a máis antiga e importante da Península Ibérica, é hoxe un referente indispensable da música tradicional galega. Un lugar de encontro onde tod@s @s amantes da nosa cultura poderán gozar do traballo de preto de 30 artesáns e artesás que nos traerán unha amplísima variedade de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas,...
Esta será unha edición especial cun formato diferente, adaptado á situación que estamos vivindo, e con todas as medidas de seguridade esixidas por mor da Covid 19.
XXVIII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional
A apertura da Mostra será o sábado ás 11.30 horas e a continuación comezará o pregón ás 12:00 h. que nesta ocasión estará a cargo de Camilo Regueiro.
Camilo foi membro da Agrupación Berce de Ferrol adicada a tarefas de recuperación e promoción do patrimonio musical galego. Foi membro tamén do grupo Durindaina de Santiago de Compostela co cal gravou o disco do mesmo nome en 1995. É promotor de múltiples iniciativas no eido das novas tecnoloxías e a cultura galega, sendo o creador das Ciberirmandades da Fala e sendo uns dos promotores de Galego21, adicado nos comezos da internet galega a impulsar e albergar diversas iniciativas como a tradución de aplicacións ao galego ou o proxecto Ravachol, o primeiro portal adicado á musica tradicional galega en internet. É un dos promotores e actual Vicepresidente da Asociación PuntoGal, a asociación que conseguiu un dominio en internet para a lingua e cultura galegas, e actualmente é a encargada de xestionar o dominio.
Continuaremos ás 13.30 horas cunha ruada a cargo do grupo Os Bregadiers, unha formación brass band de experimentados músicos gallegos con grande calidade musical e artística.
As 17.00 horas, terá lugar a primeira das actuacións da tarde, que correrá a cargo de Galicia Fiddle, a asociación cultural cuxo obxectivo é promover o emprego dos instrumentos de corda na música tradicional galega, principalmente o violín folk.
A asociación naceu entre Vigo e Xustáns, grazas á paixón e á dedicación de Alfonso Franco, que aglutinou ao seu redor a un grupo de profesores e alumnos da ETRAD Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional. Mediante a autoxestión, Galicia Fiddle comezou a organizar obradoiros, cursos e diferentes actividades dirixidas a persoas de tódalas idades con inquedanzas polo noso patrimonio musical e doutras culturas.
A asociación conseguiu acadar os medios e a difusión necesaria para levar a cabo con éxito os encontros musicais Encordass e SanSimónFiddle de forma anual na excepcional contorna que ofrece a Illa de San Simón.
A xornada do sabado contará tamén ás 19.30 horas co concerto do grupo da provincia de Lugo Airiños da Freba, que despois do traballo discográfico O’de Lacón que nos deron a probar hai tres anos, e postos a continuar co “menú” de músicas inspiradas nos cuartetos, conxuntos, bandas e orquestras lucenses de mediados do século pasado, virán a presentarnos o seu segundo traballo Con grelos.
Poderemos comprobar que a colleita foi ben abondosa: isto é debido ao gran tamaño e riqueza do “nabal” do noso patrimonio etnomusical, no cal tamén incluíen a emigración en Arxentina e Barcelona.
O programa da mostra é o seguinte: Sabado 7 de agosto 2021
11.30 horas – Apertura da mostra
12.00 horas – Pregón – Camilo Regueiro (aforo limitado)*
13.30 horas – Ruada co grupo Os Bregadiers
14.00 horas – Xantar
17.00 horas – Apertura da mostra
17.00 horas - Actuacións de Galicia Fiddle (aforo limitado)*
19.30 horas – Concerto – Airiños da Freba (aforo limitado)*
21.00 horas – Peche da mostra
*I M P O R T A N T E
Para ASISTIR aos CONCERTOS e PREGÓN (aforo limitado)
Será necesario estar rexistrado previamente!!!
Correo ē para apuntarse:
Datos necesarios:
NOME e APELIDOS
TELÉFONO
Indicar claramente NOME/S do/s CONCERTO/S aos q se quere asistir.
Imprescindible estar no punto 30 minutos ANTES do evento para recoller ACREDITACIÓN.
De non ser así, a partires desa hora esas localidades quedarán dispoñibles para outros asistentes ata completar aforo.
Fondo pesar polo pasamento de Víctor Agulló, gaiteiro de Ferrolterra.
Varios / 12.07.21
Hoxe temos que informar dunha triste nova.
Esta fin de semana falecía Víctor Agulló, todo un referente dentro do mundo gaiteiro de Ferrolterra.
Agulló foi mestre de varias xeracións de gaiteiros, partícipe sempre no movemento cultural-asociativo e, sobre todo, Gaiteiro de seu.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda.
Que a Terra lle sexa leve.
A AGG quere facerse eco da enorme preocupación e desacougo das agrupacións de música tradicional galega da zona do Val Miñor pola escasa ou nula participación da música patrimonial galega nas programacións culturais que se están levando a cabo
Varios / 05.07.21
A AGG quere facerse eco da enorme preocupación e desacougo das agrupacións de música tradicional galega da zona do Val Miñor pola escasa ou nula participación da música patrimonial galega nas programacións culturais que se están levando a cabo. En concreto no concello de Gondomar onde a pesares de contar cunhas 20 agrupacións tradicionais censadas,(algunhas cunha importancia incuestionable a nivel de toda Galicia tanto pola súa historia como pola súa labor actual) ningunha delas conta para todo un verán de programación cultural, un feito insólito ata agora e que é mostra dunha insensibilidade total ante a cultura patrimonial galega na música; animamos a todos aqueles que detecten conductas semellantes informen delas, a AGG traballará no futuro inmediato para revertir esta intolerable situación alá onde se produza.
Exemplo do que ocorre en Gondomar, no seguinte enlace:
http://educafolk.blogspot.com/2021/07/gondomar-o-consigue-un-veran-sen-musica.html
A música tradicional está de loito polo pasamento de Xosé Romero
Varios / 01.07.21
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento do gran gaiteiro Xosé Romero, fundador do mítico grupo Os Rosales de Asados, Rianxo.
Un home moi querido, que adicou a súa vida á nosa música tradicional, e que a exportou polo mundo, lembrando sempre os tres piares que no seu día estableceu de cara a unha boa actuación: afinación, tempero e espírito de Galicia.
Xosé foi un dos gaiteiros que participou activamente nas primeiras xuntanzas en Melide e Ortigueira, onde se creou o xermolo do que é hoxe a AGG, e representa un dos derradeiros gaiteiros de saga familiar, dos que xa non quedan moitos.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Xosé, un membro destacado e ben querido desta gran familia, máis quedaranos sempre o seu legado na nosa memoria colectiva. Queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.
Que a terra che sexa leve!!
Despedimos a tempada do Recuncho da Palleta lembrando a Gumersinda Castro e escoitando despois diversas músicas baixo o título de "Na Taberna"
Varios / 25.06.21
Este domingo, para despedir a tempada do "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Guillerme Inácio co que lembraremos a Gumersinda Castro e despois ofreceranos algunhas músicas en voz de homes, baixo o título de "Na Taberna", varias delas inéditas!!
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
Finalistas do VIII Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola coa colaboración coa Area de Cultura daDeputación de Lugo
Varios / 22.06.21
Xa temos @s finalistas do VIII Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola!! Participaron mais de 200 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da Provincia de Lugo que ademais dunhas grandes dotes artísticas tamén nos amosan os seus amplos coñecementos sobre a nosa música.
Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acadou este ano a súa oitava edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural, algo que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.
A todos @s participantes queremos darlles os parabéns polos fantásticos debuxos que nos achegaron, e en especial aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico de música tradicional!!!!!!
Os finalistas son:
Lucía Maseda Fernández – CEIP Illa Verde de Lugo - 8anos
Paula Núñez Cadenas – CEIP San Xoan de Becerreá - 6anos
Leire Seivane Rey – CEIP O Cantel – Foz- 8 anos
Martín Rivero Díaz – CEIP San Xoan de Becerreá- 6 anos
Ainara Rey Porto – CEIP Antas de Ulla - 8 anos
Paula López Afonso – CEIP Juan Rey – Lourenzá - 8anos
Leonor Cabana Outeiro – CPI Castroverde - 9 anos
Valeria Pillado Barros – CPI Castroverde - 7 anos
María Nogareda Sánchez – CEIP Otero Pedrayo – Rábade 8-9 anos
Laura Álvarez Gutierrez – CEIP A Ponte 9 anos
E o debuxo gañador do VIII Certame de debuxo da Tradescola, que poderá asistir de balde ás nosas clases, e que ademais fará posible que fagamos un concerto didáctico de música tradicional no seu cole foi o de:
Leire Seivane Rey – CEIP O Cantel - Foz
Nos vindeiros días poñerémonos en contacto con todas e todos os finalistas para concretar a entrega dos agasallos.
Parabéns a tod@s e moitas grazas por participar !!!!!
No vindeiro Recuncho da Palleta presentaremos o libro - DVD: "Irmáns Flores - Os Gaiteiros De Novás - A Gaita: Elemento De Dinamización Socio-Cultural No Concello Do Rosal"
Varios / 18.06.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez Vila e unha entrevista a Xerardo F. Santomé, autor xunto a Xosé Miguélez do gran traballo en formato de libro e DVD: "Irmáns Flores - Os Gaiteiros De Novás - A Gaita: Elemento De Dinamización Socio-Cultural No Concello Do Rosal"
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
O Comité de empresa da CRTVG, alerta do desmantelamento do Estudio 5 da Radio Galega
Varios / 15.06.21
Compartimos unha nota de prensa que nos achegan dende o Comité de empresa da CRTVG, no que alertan do desmantelamento do departamento da Radio Galega que "deu cobertura, desde a creación da emisora pública, a todas as músicas do país" e fan un chamamento ao mundo da cultura e á cidadanía a "reaxir fronte ao peche do Estudio 5, que supón o abandono definitivo da obriga que ten a radiotelevisión pública de atender, promocionar e divulgar as nosas músicas, que gozan ademais de boa saúde e grande apoio social".
O Comité de Empresa da CRTVG alerta de que a dirección dos medios públicos está a piques de desmantelar o Departamento de Produción Propia da Radio Galega, un departamento que, desde a mesma creación da emisora no ano 1985, desenvolveu unha misión de servizo público valiosísima ao darlle cobertura a todas as músicas do país, chegando a acumular en horas e horas de gravación un arquivo sonoro de valor histórico e cultural incalculable.
Os traballadores que conforman este departamento, liderado polo recoñecido produtor de son Pablo Barreiro, fixeron nestas décadas rexistros sonoros que son alicerce fundamental para a historia da música galega, desde orquestras sinfónicas, bandas de música, grupos de rock, tradicionais, concertistas ou intérpretes, ata escolas municipais ou as máis humildes agrupacións. As unidades móbiles deste departamento e o excepcional equipamento técnico do Estudio 5 puxéronse ao servizo das nosas músicas para sacar adiante unha misión que, se ben non sempre contou co apoio das sucesivas direccións, conseguiu un alto recoñecemento externo, ben en forma de importantes galardóns, ben a través dalgúns dos índices de audiencia máis elevados na historia da Radio Galega.
A representación legal do persoal da CRTVG, que leva anos denunciando o desmantelamento dos medios públicos en xeral e a desatención ao sector cultural en particular (agravada coa contestada transfomación do “Diario Cultural” ou a ausencia na grella de programas especializados en música), considera un grave erro esta decisión e pídelle á Dirección que reflexione e dea marcha atrás. O comité de empresa entende que a posta en marcha dun estudio multimedia no lugar que agora ocupa o Estudio 5 - razón que esgrime a dirección para negar que finiquita o departamento- nada ten que ver con garantir a continuidade das funcións que viña desenvolvendo o icónico negociado que agora desaparece.
Ante esta grave e enésima mostra de desleixo por parte da CRTVG da función de servizo público que ten encomendada, o comité urxe ao sector cultural e á cidadanía no seu conxunto a reaxir fronte este novo ataque ao público e ás manifestacións culturais do país, chamando a emprender canta iniciativa se teña a ben para defender o que é de todos e todas.
Dende a AGG compartimos que esta decisión é un grave erro e solicitamos a marcha atrás desta medida que pon fin a un servizo público valiosísimo que deu e da cobertura ás músicas do país, "chegando a acumular en horas e horas de gravación un arquivo sonoro de valor histórico e cultural incalculable".
Páxina 10 de 435