Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas

Novas

O Festival de Pardiñas arrinca a semana que vén con moitas novidades

Varios / 27.07.17

pardinhasO verán en Galicia é territorio de festivais, pero poucos -ou ningún- hai co calado do Festival de Pardiñas. A cita festivalera máis lonxeva de Galicia leva 38 anos ininterrompidos enchendo Guitiriz de propostas culturais que viaxan desde a artesanía á música en directo pasando polos concursos populares, e todo iso de forma completamente gratuíta, porque o Festival Pardiñas é tamén o único destas características xestionado ao 100% por unha asociación sen ánimo de lucro.

O festival "non só é música", como explica Alfonso Branco, membro da asociación Xermolos, aínda que a "música é ou prato principal", ao longo dun fin de semana, en Guitiriz danse cita grupos tradicionais, así como artesáns e, mesmo, unha exposición de instrumentos tradicionais. Ao longo dos anos por este recinto pasáronse "máis de 150 artesáns".

Víctor Mantiñan Producto Manager de 1906 fai tamén fincapé nesta idea global da cultura galega: "a tradición de Estrela Galicia apoiando a música tradicional é longa e poucos festivais ocórrenseme que protexan a cultural e a música galega como o Pardiñas". Un festival que "pode presumir de levar 38 anos".

O Festival de Pardiñas, situado na zona do antigo balneario de Pardiñas, é o festival máis lonxevo de Galicia, con 38 edicións consecutivas ás súas costas e unha longa tradición popular. Trátase dunha cita na que se involucra todo o pobo, onde todos os traballadores son voluntarios e onde a Asociación Xermolos é a encargada de aglutinar os esforzos de todo un colectivo, que se envorca en desenvolvemento dunha festa que transciende o concepto de festival clásico.

Conta cun certame de debuxo escolar, unha mostra de artesanía e unha carreira popular que están presentes desde a súa primeira edición, e desde hai xa anos incorporou tamén a mostra de instrumentos e o certame de cantos de taberna, que agora forman xa parte indisoluble do festival.
 
A cita de Pardiñas, a máis lonxeva de Galicia, conta con visitantes asiduos entre os que se poden atopar artistas da talla de Manuel María, Díaz Castro, Neira Vilas, Xurxo Souto,...

O Festival Pardiñas deste ano arrincará o venres 4 de agosto coa celebración do V Certame de Cantos de Taberna, unha das citas máis diferenciais e curiosas que encherá a hostalería de Guitirz co talento dos seus propios fregueses e moitos outros foráneos, servirá como pistoletazo de saída nun fin de semana que combinará música, artesanía, tradición e innovación.

O sábado 5 pola tarde abrirá as súas portas a XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que organiza a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, outro dos elementos diferenciais dun festival que soubo apostar por encumbrar a tradición revestíndoa dunha actualidade innegable. Ducias de artesáns daranse cita na contorna mostrando o seu talento a quen se anime a achegarse, e que tamén poderán gozar da XXXVIII Mostra de Artesanía, un fito que formou parte do festival desde a súa primeira edición e que cada ano congrega a máis profesionais e público.

Tras o pregón de Antón Corral e o concerto de Fernando Meireles (Portugal), no espazo da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, chegará o momento da XXXVIII Carreira Popular, e dos concertos que contarán sobre o escenario con Bloquinho de Xermolos (Galicia), Vos Melidaos (Galicia), Quique Escamilla (Mexico), Kalakan & Luís Peixoto (Euskadi/Portugal), Cúig (Irlanda) e Skandalo GZ (Galicia).

Xa o domingo 6, e tras a sesión vermú a cargo de Vintenbaio, os asistentes poderán gozar das actuacións de Kote Malabar e Os Viqueiras de Ordes na contorna da Mostra de Instrumentos, xusto antes do pregón a cargo de Fina Casalderrey e da entrega de premios do XXXVIII Certame de Debuxo Terra Chá, que contou con máis de 650 participantes de 53 centros escolares diferentes. O atardecer traerá os pratos fortes da edición deste ano, cos directos de Abóbriga (Galicia), Davide Salvado (Galicia), Yves Lambert Trío (Canadá) e Sacha na Horta (Galicia).

Fonte: http://www.corunahoy.es/

Entrevista a Xacobe Varela, compoñente do grupo de música tradicional Os d'Abaixo

Varios / 27.07.17

os-dabaixoOs d'Abaixo comezaron a tocar aló por 2010, como un grupo de amigos que se xuntaba unha vez ao mes para amenizar bailes na Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela. O interese que espertaron os seus concertos consolidáronos como grupo, gravando en 2014 o seu primeiro disco, Ao vivo en Lorient. Agora veñen de publicar o seu segundo traballo, "Quixera ser dos páxaros". De feito, actuarán en Compostela (14 de agosto), Manresa (6 de outubro), Ibiza (5 de novembro), e Doso-Narón (11 de novembro).

En praza.gal falan con Xacobe Varela, un dos integrantes da formación.

Que novidades ten este segundo disco? Que o diferencia do primeiro?

Con respecto ao primeiro disco que sacamos, a gran diferenza é que daquela tiñamos pouca ou ningunha intención de facer un disco. Fóramos tocar ao Festival de Lorient e tiñamos 15 concertos en 5 días, e pensamos que podía ser bo gravar eses 15 concertos para se cadra publicar algo despois, pero dende logo non era o obxectivo primordial. Ao final vimos que había un bo material e acordamos sacar o disco, co bo e o malo que ten o directo e a pouca marxe que tes no estudio para corrixir erros, pero con toda a enerxía que teñen as actuacións ao vivo. Fixemos unha escolma de temas populares do cancioneiro tradicional, temas enérxicos que nos gustaban.

Desta volta decidimos gravar un directo en estudio e houbo un traballo de investigación previo moi grande, coa intención de publicar pezas inéditas ou non moi coñecidas, e ademais cuns arranxos máis elaborados. A gran diferenza é que este é un disco máis madurado e máis traballado que o primeiro.

Como está sendo a acollida do disco nos concertos que xa ofrecestes polo país?

Estamos ben contentos coa recepción, porque fixemos unha minixira de presentación e alí o disco foi moi ben acollido. E temos bastantes concertos programados, sobre todo tendo en conta como está actualmente en Galicia o mercado para este tipo de música e que somos un grupo grande, de seis músicos máis un técnico.

Como valoras o momento actual da música tradicional en Galicia?

A nivel creativo e de aparición de novos grupos, creo que estamos vivindo un bo momento, con moita xente nova, moi boa e ben formada que está xurdindo. A diferenza con tempos pasados é que antes tamén había moito talento, pero seguramente a xente non tiña tan boa formación. Así que, en xeral, é un bo momento creativo para a música tradicional e para a música folk do país. En cambio, non é un bo momento se nos referimos ao apoio das administracións a esta música, sobre todo da Xunta. Nos anos 90 houbo un boom da música folk e atopabas moitos grupos, en todos os festivais. Agora segue habendo festivais folk, pero xa non se pagan os cachés que se pagaron noutro momento, uns cachés que seguramente estaban sobredimensionados, grazas á inxección de cartos públicos nos eventos.

Botades de menos, entón, un maior apoio da administración á música tradicional?

Non hai moito apoio para a música tradicional e en cambio si o hai para outros estilos e orquestras que non fan música galega. En todas as parroquias e aldeas xuntan milleiros de euros para traer unha orquestra, canto máis grande mellor, que non fai música galega e transmitindo mensaxes un tanto polémicas nalgunhas ocasións. É certo que esta música de pachanga está moi promocionada na televisión e que atrae un gran número de xente e que move moitos cartos. A solución a isto pasaría por un maior apoio institucional, máis promoción para a música tradicional e por unha maior dignificación.

Que medidas concretas serían máis urxentes ou importantes neste momento: facilitar espazos nos que tocar ao vivo, unha rede de locais de ensaio, ou mellorar a promoción e a difusión?

Todo o que nomeaches estaría na lista, pero eu incidiría tamén noutro aspecto: noutros países, como Francia ou Suecia, cando unha persoa que fai música tradicional vai tocar fóra, a un festival, as máis das veces o Goberno págalle a viaxe; eles teñen unha facilidade moi grande para poder viaxar e tocar fóra, e nós aí estamos en desvantaxe, e limita a nosa posibilidade de actuar. Así mesmo, estaría moi ben tamén que se apoiasen iniciativas de ensino de música tradicional e folk. E debería apoiarse máis aos festivais, que moitas veces non che poden pagar o caché completo.

Fonte: http://praza.gal

No mundo da gaita estamos de loito

Varios / 26.07.17

 anton varela_webDeixounos Antón Varela e con él foise unha das figuras de referencia da nosa cultura tradicional galega.

Nado en Ferrol en 1955, Antón Varela, gaiteiro, artesán e compositor, achegouse ao mundo da gaita no Grupo Scout 19 Ferrol, con 10 ou 12 anos. Comezou tocando primeiro o bombo e o tambor, pero pronto descubriu a súa paixón pola gaita.

Amante da nosa música tradicional, formou parte de grupos como “Os Cempés”, “Follas Novas”, “Os raparigos” ou “Berros do Castro” onde ademais realizou unha gran labor de recuperación da memoria gráfica da gaita galega.
Gran apaixoado da nosa terra, a súa gran vocación sempre estivo ligada á gaita. Traballou como carteiro primeiro e logo para o sector naval en Bazán, pero en 1986 deixouno todo para concentrarse na música, que era a súa verdadeira vocación e marchou a Lugo para formarse como luthier baixo as ensinanzas do Mestre Xosé Seivane.

Considerado como un dos mais recoñecidos artesáns de Galicia, dunha excepcional delicadeza e capaz de converter cada instrumento nunha obra única, mantivo en plena actividade o seu obradoiro da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, lugar de peregrinación para gaiteiros de todo o mundo e dende o cal o son das súas gaitas animaba a veciños e visitantes.

De gran bondade e xenerosidade, Antón Varela “Tonecho” deixa un valiosísimo legado vinculado coa música tradicional galega, pero deixa sobre todo unha gran pegada naqueles que tivemos a sorte de telo coñecido, e que o levaremos sempre na memoria.

Os Terribles de Donas e as Pandereteiras de Monteboi hoxe en Baiona

Concertos / 13.07.17

 osterriblesHoxe xoves 13 de xullo na praza do concello de Baiona Os Terribles de Donas farán un concerto coa colaboración das pandereteiras de Monteboi. O concerto, que comezará ás 23:00 horas, está incluído na programación cultural e de lecer Baiverán 2017, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona.

A música tradicional de “Os Terribles de Donas” recolle unha tradición e unha historia propia e singular que están reconstruíndo no presente, para ter tamén un futuro propio, no que a súa singularidade teña cabida no mundo como algo distinto e apreciable.

Pasamento de Emilio do Pando

Varios / 30.06.17

emilio pandoHoxe temos que lamentar o pasamento de Emilio do Pando, virtuoso da trompa galega e un grande artista coa gaita.

Emilio, natural do Pando, parroquia de Cuíñas (Fonsagrada) foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta.  Aprendeu dos vellos gaiteiros e trompeiros, aos que lembraba con moita admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país, foi convidado a participar en numerosos concertos, impartiu obradoiros, foi mestre de músicos, e convertiuse nun gran impulsor da conservación da tradición que garda a comarca da Fonsagrada no referente á música e baile tradicionais e en especial foi unha persoa clave na conservación da trompa ata a actualidade.

XVIII Memorial Ricardo Portela

AGG / 28.06.17

cartel ricardo_2017_webO venres 07 e o sábado 08 de Xullo de 2017 terá lugar na cidade de Pontevedra o Memorial Ricardo Portela. Este memorial organizado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en colaboración co Concello de Pontevedra, que naceu hai 18 anos coa finalidade de honrar ao Gaiteiro de Viascón, firme defensor da dignidade da gaita e do gaiteiro e mestre recuperador da forma de interpretar este instrumento en toque pechado, adquire nesta edición un carácter especial por se cumprir no pasado mes de marzo o 25 cabodano do seu pasamento.

Por este motivo, nesta edición sumamos esforzos para facer un Memorial Especial, no que durante os dous días nos que transcorre, ademais da Mostra de artesanía de instrumentos tradicionais e das actuacións de escenario, as rúas de Pontevedra se convertan no referente da música tradicional, como centro reivindicativo da súa importancia na cultura de Galicia, e o faga inundando as súas rúas de tradición con 5 pasarrúas na tarde do venres e outros 5 durante toda a xornada do sábado, de xeito que cada persoa que transcorra pola cidade poida desfrutar da nosa música, e ademais ao xeito do Gaiteiro de Viascón, en toque pechado.

Presentación do libro "Cantigas de Taberna" no Recuncho deste domingo

Varios / 23.06.17

 lume na palleiraEste domingo, estará no Recuncho da Palleta Gustavo Couto, que nos trae a Alexandre Cadarso "Cano" para presentarnos o seu novo libro "Cantigas De Taberna".

Non te perdas, esta nova emisión de Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

BellónMaceiras Trío en Móstoles e Bélxica

Varios / 20.06.17

belln maceirasO grupo de música BellónMaceiras participará nun Ciclo Folk en Móstoles e no Festival Gooikoorts de Bélxica.

Daniel Bellón e Diego Maceiras viaxarán de novo a Móstoles para participar nun Ciclo Folk que terá lugar no Parque Cuartel Huerta o 2 de xullo. Unha semana despois volverán a terras belgas para participar no Gooikoorts internationaal volksmuziekfestival que se organiza na cidade de Gooik (Bélxica) os días 7, 8 e 9 de xullo. Ademais de participar no Festival de Gooikoorts, BellónMaceiras Trío tamén tocará na Igrexa de Gooik o 9 de xullo. É a segunda vez que BellónMaceiras viaxa a Bélxica. Tanto en Móstoles como en Bélxica tocarán co guitarrista Juan “Cabe” en formato Trío para a presentación de “TEN”, terceiro disco do dúo, chamado así polo décimo aniversario do grupo. Este disco segue a estela da música de BellónMaceiras; unha fusión de temas de todo o mundo con algún ingrediente celta propio da cultura galega coa que medraron.

A Asociación cultural Traspés de Vigo estrea o seu último espectáculo "Pontevedra"

Varios / 19.06.17

pontevedraA Asociación cultural Traspés de Vigo estrea o seu último espectáculo "Pontevedra" o domingo 25 de xuño no teatro Afundación de Vigo.

PONTEVEDRA, O GRAN ESPECTÁCULO da música e do baile tradicional: As músicas, os bailes, os cantares, as historias de Pontevedra, engárzanse neste espectáculo a modo dos de Varietés de principios do século XX, para achegar ao público sensacións evocadoras da cultura popular desta parte sur de Galicia. Herdeiros pois daquelas fontes teatrais denominadas opereta, ópera cómica ou comedia musical, Donas e Cabaleiros, pasen e vexan, escoiten, sintan. Presentamos PONTEVEDRA.

A Conrobla XII - II Festival e festa de merenda Sabores e Saberes - Boimorto

Varios / 19.06.17

conrobla  saberes e saobresOs vindeiros 1 e 2 de xullo terán lugar a XII Conrobla e o II Festival e festa de merenda Sabores e Saberes en Boimorto, na area recreativa da piscina.

Noutrora a cohesion veciñal foi a espiña dorsal do crecemento dos pequenos nucleos de pobacion en Galiza. Antigamente faciase unha gran romeria veciñal, xusto despois de rematar unha tarefa todos en comun. O nome para referirse a este tipo de romeria nesta comarca era Conrobla. Hoxe en dia convertimola nunha feira para promocionar económica, turística e culturalmente a nosa comarca, tentando mellorar as posibilidades económicas do medio rural.

Os Santiaguiños e alguns veciños desinteresadamente conseguiron recuperar unha festa xa esquencida, na que todolos veciños, amigos e algun que outro peregrino disfrutan dunha grande variedade de actividades, actuacions, concertos e por suposto comida.

Máis información: https://www.facebook.com/aconrobla.boimorto

 

 

Páxina 7 de 384