Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

GONZALO ABELAIRAS, UN GAITEIRO CON NOVA PÁXINA WEB

Entrevistas / 14.09.07


O gaiteiro Ourensán Gonzalo Abelairas, ven de actualizar a súa páxina web, http://club.telepolis.com/gabelairas Aquí podedes atopar información sobre a súa traxectoria profesional, grupos nos que participa, e por suposto tamén información interesante para compartir con tódolos interesados na música tradicional.

A páxina está pensada para colgar tódolos seus pequenos traballos de composición e que tódolos visitantes da web poidan ter acceso a eles, ás partituras, exemplos midi, etc. e se lles gustan, poidan empregalos.

En breve, ademais, poderedes ter acceso ó pdf do cadernillo "Partituras para Gaita", cos comentarios das pezas, exemplos de audio e video e as partituras de "O Conto da Bolboreta", (está colgado un exemplo en mp3), polo que, non vos despistedes, xa que é unha páxina que está en constante actualización e ampliarase con novas seccións próximamente.

Aproveitando a creación desta nova páxina, entrevistamos a Gonzalo para coñecer un pouco mais as inquedanzas acerca da música tradicional dun dos grandes gaiteiros de Ourense.

ENTREVISTA A GONZALO ABELAIRAS

UNHA NOVA EDICIÓN DA REVISTA ETNO-FOLK

Publicacións / 13.09.07

Xa está na rúa unha nova edición de ETNO-FOLK, a Revista Galega de Etnomusicoloxía.

Esta publicación achega nesta ocasión, unha nova colaboración do Conservatorio de Musica Tradicional e Folque de Lalín. Trátase dun monográfico sobre a pandeireta, cos seguintes artigos:

- Tambores de mão na Galiza: pandeiros, adufes e pandeiretas galegas, por Ramom Pinheiro Almuinha
- La pandereta en Cantabria, por Soledad Rodríguez Aguirresarobe
- Patrões rítmicos por V.V. A.A.

Ademais tamén atoparedes un artigo sobre as Actas das V Xornadas de Música Popular (HERRI MUSIKA JARDUNALDIAK) en Oiarzun, coas seguintes seccións:

- Herri Musika Jardunaldiak, las Jornadas de Música Popular por Juan Mari Beltrán Argiñena
- Algumas representações de adufes na iconografía medieval galega, por José Luís do Pico Orjais
- La pandereta, una figura en el olvido, por Gabriel González Villalba
- La pandereta en Euskadi, por Imanol Urkizu Lertxundi

Atención ao número 9, ESPECIAL CORAL DE RUADA, que sairá a venda en Outubro.

Se necesitades máis información ou queredes realizar algún pedido: http://www.dosacordes.com/web/tienda.php?ide=71

ROUBO DE GAITAS

Roubos / 11.09.07

O pasado domingo día 9 de Setembro foi roubada na rúa Juan Canalejo da Coruña unha maleta que pertencía o noso socio Xulio Coira. A maleta é rectangular semiríxida, negra por fora e granate por dentro, co logo dos Seivane. Contiña o seguinte material:

-Unha gaita Seivane de granadillo en DO con ronqueta anelada en nacar, fol negro con brocado.
-Unha gaita Seivane de granadillo en Sib con ronqueta anelada en prata, fol negro de veludo.
-Un punteiro en Sol de buxo, anelado en metacrilato negro, de Seivane.
-Un punteiro en Re de buxo, anelado en latón, de Seivane.
-Un punteiro en Si de granadillo, pechado, anelado en latón, de Seivane.
-Un punteiro en Do de buxo de Antón Corral, anelado en metacrilato negro.
-Palletas, afinador, etc.

Se alguén ten algún tipo de información, pode poñerse en contacto con Xulio no seguinte enderezo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Moitas gracias pola colaboración.

"II CURSO DE MÚSICA TRADICIONAL" ORGANIZADO POLA A.C. OS ABRENTES DE CERDEDO

Cursos / 10.09.07

A “Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo” (Cerdedo-Pontevedra) quere anunciar que xa está aberto o prazo de matrícula para inscribirse no “II Curso de Música Tradicional”. A inscrición a estes cursos non ten data límite e terán o seu remate a finais do mes de Xuño do 2008.

Impártense tódolos sábados e cada clase terá unha duración aproximada dunha hora.

O abono da cota de socio ou matrícula farase no momento da inscrición. As cotas mensuales restantes pagaranse ao comezo de cada mes a través do seu banco sen cargo adicional por gastos de domiciliación. As diferentes modalidades son: gaita galega, solfexo, percusión tradicional, pandeireta e canto, baile tradicional e acordeón.

As persoas interesadas en participar, poden atopar mais información dos cursos na páxina web dos abrentes: http://www.osabrentes.com/

Se tedes algunha dúbida, podedes contactar con Rubén Troitiño (675.223.159)

I Encontro de Gaiteiros - Paços de Ferreira

Varios / 06.09.07


O próximo 15 de Setembro de 2007 celébrase en Paços de Ferreira (Portugal) o I Encontro de Gaiteiros. Unhas xornadas de convivencia e intercambio abertas a todos os gaiteiros, percusionistas e músicos em xeral. Entre as actividades que se celebrarán, compre destacar un almorzo para os participantes ofrecido pola C. M. de Paços de Ferreira na Casa da Eira - Parque urbano. Para participar en dito xantar, é preciso achegar inscrición con: Nome, Procedencia, contacto e instrumento que se toca, a:

Nuno Oliveira: (+351) 91.8185859
Rui Santos: (+351) 93.6604211
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo


PROGRAMA DE ACTIVIDADES

10.00h – Recepção dos convidados - Concentração no parque urbano
11.00h – Alvorada
12.30-14.30h – Almoço-convívio
15.00-16.00h – Desfile de gaitas e percussões
21.00h – Actuações livres na Casa da Eira

Org. Capital Artes / C. M. de Paços de Ferreira

Monxardín gaña o XVII Constantino Bellón e Devigo o premio de composición

Concursos e Certames / 02.09.07


O pasado 31 de agosto celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol, en plenas festas do San Ramón, a XVII edición do Constantino Bellón ca participación de nove gaiteiros. Catro deles procedían da chamada Galicia Exterior e os outro cinco das provincias de Lugo (2), Ourense (2) e A Coruña (1). O nivel acadado por tódolos participantes, tal como fixo constar o xurado na súa acta, foi excepcional. O premio, dotado con 3000 euros, foi para Brais Monxardín da Fonsagrada, e os dous accesits, de 1000 euros cada un, para Daniel Lumbreras, que chegaba desde San Sebastián e para o castrocaldelense Pablo Devigo.

Este último gaiteiro gañou tamén o premio de composición deste ano ca muiñeira para gaita e piano titulada 'Troula para Constantino' que etrenara o día anterior no Teatro Jofre acompañado pola pianista Iria Hevia.

Durante a deliveración do xurado, o presidente do Ateneo Ferrolán, D. Eliseo Zaera, entregou as gaitas de ouro e de prata ao palleteiro Rubén González López e á Agrupación Cántigas da Terra na persoa do seu presidente D. Geranio Torreiro.



Prema aquí para ver máis fotos.

NOVE GAITEIROS COMPITEN NA FINAL DO CONCURSO DE GAITA GALEGA CONSTANTINO BELLÓN

Concursos e Certames / 31.08.07

O XVII Concurso de Gaita Galega 'Constantino Bellón', que organiza un ano mais o Ateneo Ferrolán, chega o venres 31 de Agosto a súa fase final.

Na última xornada, nove gaiteiros chegados dende diferentes puntos de Galicia e do resto de España, ademáis dun aspirante procedente de Arxentina, optan a facerse co primeiro posto na final do Certame.

Os actos comezarán ás 13.00 horas, coa presentación e recepción que o Concello de Ferrol ofrecerá no Palacio Municipal ós finalistas do concurso. Dende as 20.30 horas, de novo no Teatro Jofre, terá lugar a final do "Constantino Bellón". Nela farase entrega da Gaita de Ouro ó artesán Rubén González López e da Gaita de Prata á Agrupación Cantigas da Terra. Ademais, entregarase o Premio de Composición para Gaita Galega Solista, que recae en Pablo Devigo pola partitura para gaita e piano 'Troula para Constantino'.

Darase paso entón á actuación conxunta dos finalistas para o Concurso de Gaita Galega, ó fallo do xurado e á entrega de premios. Os finalistas son Gonzalo Manuel Abelairas, de Ourense; Manuel Gómez García, chegado dende Guipúzcoa; Bruno Villamor, de Lugo; Jordi Torres, de Arxentina; Ricardo Manuel Mouriño, de Narón (A Coruña); o barcelonés Raúl Lacilla; Brais Monxardín, procedente de A Fonsagrada (Lugo); o ourensano Pablo Devigo e Daniel Lumbreras, que chega dende San Sebastián.

Na organización do 'Constantino Bellón' colaboran a Consellería de Cultura, o departamento autonómico de Emigración, a Deputación Provincial de A Coruña, o Concello de Ferrol, a firma Sargadelos e, tal e como destaca o Ateneo, Maruxa Fernández, viuva de Luis Seoane.

O ARTESÁN RUBÉN GONZÁLEZ RECIBE A GAITA DE OURO DO CONSTANTINO BELLÓN

Prensa / 29.08.07

Diario de Ferrol (Montse Mayoral, 29/08/07)

"A xunta directiva do Ateneo concedeu a Gaita de Ouro a Rubén González López polo seu traballo de artesán a prol da música tradicional galega e a de Prata ó grupo Cántigas da Terra, da Coruña, polo seu papel na divulgación da cultura galega dende o ano 1916.

Rubén González López (Xinzo de Limia, 1925) é un gaiteiro feito a si mesmo. Cunhas poucas clases e moitos anos mirando o que facían os demais, conseguiu coñecer o instrumento, convertelo en seu de verdade e mesmo mellorar o seu son, moito despois de compralo por tres pesos cando tiña quince anos. "Hoxe un gaiteiro faise fácil -comenta-, pero daquela non había profesores... alí onde había un gaiteiro estaba eu collendo datos".

Co tempo, Rubén González López converteuse en artesán ademais de músico. Fixéronse famosas as súas palletas -a lámina situada na embocadura da gaita-, que conqueriron mellorar o son, e percorreu gran parte da xeografía española e portuguesa con diferentes grupos, o último o chamado Os Agarimos, co que aínda onte foi tocar ás festas de Santa Lucía en A Cervela, un dos escasos compromisos que Rubén González mantén ós seus 82 anos, excelentemente levados. O seu fillo continúa a tradición como músico e como artesán, unha circunstancia que quizáis leva á nova Gaita de Ouro do Ateneo a ser optimista: "a gaita galega non decae, non se perde; aínda que estiveron metendo outro tipo de gaitas de fóra, que a min non me parece ben".

Rubén González fala con auténtico entusiasmo da música galega e da súa historia de gaiteiro, unha vocación que sempre tivo que conciliar co seu traballo de ferreiro. "Coñecín a Faustino Santalices e regaloume un libro da montaxe da gaita que para min é unha xoia", conta. "Onde hai un gaiteiro hai un amigo", resume a súa filosofía de vida.

O artesán, afincado desde hai máis de sesenta anos na localidade de Somoza, no Incio (Lugo), mostrouse moi agradecido e decidido a ir o venres 31 de Agosto a Ferrol, para recoller o premio que lle brinda o Ateneo Ferrolán."

O GRUPO "CREMA DE GAITA" ESTREA WEB

Prensa / 28.08.07

Crema de gaita é un grupo folk con insignia distintiva que abraza formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova, xa que entende que Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega.

Nembargante, Crema de gaita non rexeita as influencias euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos.

Crema de gaita aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade.

Os músicos que forman Crema de gaita son:
 
Diego Mariño (gaitas e frautas)
Marcos Campos (gaitas e frautas)
Xose M. López "Josele" (clarinete, saxo e gaita)
Cris Macías (teclados e voz)
Ernesto Campos (guitarra e serrucho musical)
Judith Alonso (baixo eléctrico)
Xosé C. Villar "Bouza" (percusións latinas e tradicionais)
Suso "Feixón" Alonso (batería e percusións)

Na nova páxina web do grupo, www.cremadegaita.com, encontraredes mais información sobre concertos, galería de fotos, discografía, etc.

UN BLOGUE INTERESANTE

Varios / 27.08.07


Dende a comunidade escolar do C.E.P. Brea Segade invítannos a visitar este blogue, www.blogoteca.com/educaldea , no que se ofrece un bó arquivo de partituras de gaiteiros e músicos do Concello de Rianxo, así como unha boa galería de fotos.

Nel xa está a disposición, para uso público, todo o material que están a recoller no seu traballo de campo. Eles consideran que as recollas só serven se as devolven ao seu único dono, o pobo..

Tamén crearon neste centro escolar, un museo, o Museo Pedagóxico Castelao, onde contan con moita música impresa para banda, instrumentos musicais, fotografías e ata o traxe orixinal (anos 40) do Ramón Carou, gaiteiro de Airiños da Nosa Terra de Asados.

Calquera suxerencia sobre a música en Rianxo, será ben recibida por esta comunidade escolar que traballa por dar a coñecer un pouco mais a nosa música tradicional.

Páxina 393 de 438