Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

COMUNICACIÓNS PARA O II CONGRESO DE ENSINANTES

AGG / 09.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela.

O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música galega que teñan interés en profundizar na aprendizaxe dunha parte tan importante da nosa cultura.

Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. Toda persoa que queira expoñer algún tema relacionado co ensino da música tradicional poderá escribir unha comunicación e presentala no Congreso, despois da correspondente selección por parte do Comité Científico.

Para isto é necesario seguir unhas normas que podedes consultar a continuación. Esperamos contar coa vosa colaboración e que asistades a este importante evento relacionado co ensino e conservación do patrimonio cultural galego.

Normas para envio de comunicacións

XIX HOMENAXE AO GAITEIRO

Varios / 08.10.07

O sábado 13 de Outubro, ás 19:30 horas, no Teatro Sala de Concertos Caixa Nova en Vigo, terá lugar a XIX HOMENAXE AO GAITEIRO 2007 organizada por "A Buxaina" e o C.R.A.C. de Coruxo.

Este ano os homenaxeados son Manolo Viqueira e Marcelino e Pepe da Gaita de Sarandón, figuras senlleiras da nosa música tradicional que seguen transmitindo os seus coñecementos de xeración en xeración.

O evento estará presentado por Pepo Suevos e nel actuarán:

- Anacos de Buxo
- Agrupación Folclórica Trompos Os Pes
- Quempallou

Non esquezades que dende o 6 de Outubro xa podedes recoller as vosas invitacions para asistir á Homenaxe. Podedes facelo no C.R.A.C. de Coruxo (Vigo) en horario de luns a venres de 20:15 a 22:00 horas.

INICIO DE ACTIVIDADES NO OBRADOIRO DE CULTURA TRADICIONAL "ULTREIA"

Cursos / 08.10.07

O Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA, inicia as actividades da súa escola de folclore coa seguinte oferta:

-Clase de baile tradicional para nenas e nenos, impartidas por Gustavo Couto e Edith Cotilla.
- Clase de gaita e percusión tradicional, impartidas por Emilio Lois.
-Clase de pandeireta para nenos e nenas, impartidas por Rosa Sánchez.
-Clase de acordeón, en grupo ou individuais, para nenos ou adultos, impartidas por Emilio Lois.

Os interesados poden informarse nos teléfonos: 626588381 (Rosa Sánchez), 609203385 (Gustavo Couto) ou 696740502 (Emilio Lois)

O GRUPO "TROULA" DE MADRID

Lume na Palleira / 05.10.07

O sábado 6 de Outubro compartiremos o "recuncho da palleta" co grupo Troula de Madrid. Este grupo é un exemplo paradigmático da importancia histórica da música patrimonial galega na emigración, neste caso dentro do Estado español.

O seu funcionamento durante unha década na que amenizaba festas de todo tipo en Madrid e arredores, a participación no grupo de xente significativa da música tradicional galega, que estudiaba ou traballaba neses tempos na capital, e a súa gravación(inédita) xunto coa participación estelar nun programa televisivo de ámbito nacional no ano 1991, serven de excusa perfecta para recuperar para a memoria colectiva este grupo, en representación seguramente de multitude de grupos inéditos que mantiveron a Galicia cultural viva a pesares da distancia.

No programa do día seis haberá entrevistas con moitos membros do grupo,audicións inéditas e algunha sorpresa...

Lembrade ademais que os novos horarios do programa Lume na Palleira son:

-Os sábados de 16:00 a 18:00 na RADIO GALEGA MÚSICA con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na RADIO GALEGA
-Os domingos de 15:00 a 16:00 na RADIO GALEGA MÚSICA

CONCURSO DE CUARTETOS TRADICIONAIS ORGANIZADO POLA A.C.A MÁMOA

Concursos e Certames / 04.10.07

Con motivo da celebración do seu XXV aniversario, a Asociación Cultural A Mámoa organiza o 21 de Outubro de 2007 un concurso de Cuartetos Tradicionais no local social de Luou (Teo).

Poderán participar cuartetos tradicionais compostos por unicamente dúas gaitas, tamboril e bombo. Ademáis todos os grupos participantes deberán ir vestidos co traxe tradicional.

A organización establece tres premios:

- 1º Premio: 1000 € mais agasallo conmemorativo
- 2º Premio: 600 € mais agasallo conmemorativo
- 3º Premio: 400 € mais agasallo conmemorativo

A data límite para inscribirse no concurso é o 15 de Outubro de 2007 . Para participar é necesario enviar a folla de inscrición debidamente cuberta antes de esa data. Aquí podedes consultar as bases completas e descargar a folla de inscrición.

Bases do concurso e folla de inscrición

ABERTA A MATRÍCULA DA AULA DE ZANFONA DE LUGO

AGG / 03.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos pon en marcha, un ano máis, a AULA DE ZANFONA na cidade de Lugo. Esta actividade vaise a levar a cabo dende o vindeiro 25 de outubro de 2007 ata Xuño de 2008, todos os xoves de cada mes, no Complexo Residencial Xuvenil LUG, dependente da Delegación Provincial de Lugo da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.

Luis Correa “O Caruncho”, unha das referencias fundamentais na música tradicional galega, será o mestre encargado de impartir as clases coas que se pretende reivindicar este instrumento tradicional galego, que presenta unhas características culturais, sonoras, técnicas e temáticas que fan moi interesante o seu coñecemento.

A matrícula formalizarase o mesmo día do comezo do curso, ainda que deberá realizarse unha reserva de praza antes do 25 de outubro, a través do correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben no teléfono 986 847 074 (Roi ou Patri).

PRESENTACIÓN DAS ACTIVIDADES DA AOFT

Cursos / 03.10.07

Este mes de Outubro comezan as actividades da AOFT, (Asociación Ourensá de Folclore Tradicional), nas diferentes escolas, concellos e asociacións onde imparten clases.

Este ano ofertan: Gaita, (Iniciación e perfeccionamento), Percusión, (enfocado o acompañamento Instrumental), Canto e Pandeireta, e Acordeón, (na escola de Música tradicional do Concello de Allariz).

No que corresponde a EMT, (Escola de Música Tradicional de Ourense) o mércores, día 10 de Outubro, de 20:00 a 21:00h, no local da escola en Barrocás, realizarán a presentación das súas actividades, presentación dos mestres e posta dos horarios.

Ese día poden acudir todos os interesados en ter algo de información sobre os lugares, clases, horarios ou en facer calquer proposta. Tedes máis información na páxina web da AOFT .

FINALIZA A EDICION 2007 DO PROGRAMA "VAI DE CAMIÑO"

Varios / 02.10.07

O pasado sábado 29 de Setembro, rematou a segunda edición do programa Vai de Camiño, organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellaría de Innovación e Industria, que levou diversos tipos de espectáculos a un gran número de vilas e pobos de toda Galiza.

Nesta edición do 2007, A Asociación de Gaiteiros Galegos encargouse de xestionar a participación de 74 agrupacións de música e baile tradicional integradas por un total de 503 compoñentes.

Dende formacións máis pequenas como a do gaiteiro solista, ou os regueifeiros, ata bandas de gaitas tradicionais douse un repaso polas diversas formas de música tradicional que existen en Galiza e forman parte dunha cultura cunha riqueza e variedade extraordinaria.

A AGG quere agradecer a todos os participantes a contribución que realizaron coas súas actuacións para dar a coñecer a nosa cultura.

GRAN NÚMERO DE ASISTENTES ÁS XORNADAS FISCAIS ORGANIZADAS POLA AGG

AGG / 01.10.07


O pasado sábado 29 de setembro tiveron lugar en Santiago, as "Xornadas sobre o réxime xurídico e fiscal para actividades artísticas" organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos e impartidas por un dos profesionais de Algalia, consultoría especializada neste tipo de temas.


A partir das 10:00 h., o gran número de asistentes ás xornadas, estiveron atentos ás explicacións que sobre diversos temas do programa foron dadas. Comezou o curso cunha explicación sobre conceptos como "contabilidade", "elaboración de contas anuais", "xestión económica", etc.


Foron moitos os participantes que quixeron plantexar as dúbidas que sobre estos temas xurdían, sobre todo en canto á definición de actividades económicas, a exención do IVE, ou o tipo de réxime laboral das actividades artísticas.


O curso rematou cunha pequeno resume sobre elaboración de facturas, contratos tipo e formas empresariais.

PARADA DA ETNOGRAFÍA MUSICAL GALEGA

Varios / 28.09.07

A Parada da Etnografía Musical Galega é unha acción comunitaria de divulgación e educación popular sobre o patrimonio cultural galiciano, no eido temático da etnografía musical e o seu contexto interpretativo de relación: as persoas, a comunidade, a artesanía, a danza, a cantiga, os instrumentos, os materiais, a artesanía, os oficios, os espazos antropolóxicos, e a súa evolución ata a actualidade.

Esta Iª Parada da Etnográfía Musical de Galicia conta cos seguintes contidos: un museo vivo, seminarios formativos (que terán lugar o sábado 29 de setembro e o sábado 6 de outubro), un encontro de entidades e grupos folclóricos, obradoiros, mostras, etc.

Do 24 de setembro, ao 11 de Outubro, no Centro Cívico Social de S. Xiao de Narón, tedes a oportunidade de coñecer un pouco mais sobre a Etnografía musical do noso pobo.

Consulta aquí o programa

Páxina 391 de 438