Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

PRESENTACIÓN DA IV MOSTRA DE CUARTETOS TRADICIONAIS

AGG / 25.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos presenta ante os medios de comunicación o venres, 26 de Outubro ás 12:00 h. no Museo Municipal Manuel Torres de Marín (Avda. De Ourense,3) a IV Mostra de Cuartetos tradicionais. Esta actividade, promovida pola AGG e patrocinada pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Marín, pretende afondar no coñecemento dunha das formacións máis importantes dentro da nosa música tradicional como é o Cuarteto de dúas gaitas, tambor e bombo. A Mostra inclúe exposicións, debates, conferencias e actuacións musicais, que, no presente ano, xirarán arredor do grupo “Os Tempranos de Eiris”, da Coruña.

Ao acto de presentación asistirán, ademais dun representante da xunta directiva da AGG, a secretaria provincial da consellería de Cultura e Deporte en Pontevedra, Dona Olga Lema Otón, así como a concelleira de cultura do Concello de Marín, Dona Mª Esther Crespo Iglesias.

Entregarase aos asistentes que así o desexen material gráfico e sonoro sobre a mostra en soporte dixital.

Para máis información poden poñerse en contacto coa asociación de Gaiteiros Galegos a través do número de teléfono 986 847 074 ou no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

SUBVENCIÓNS AOS ARTESÁNS TITULARES DE OBRADOIROS ARTESANAIS

Anuncios, subvencións, oposicións... / 25.10.07

Pola Orde do 28 de maio de 2007 aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos artesáns titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2007.

O prazo de solicitude está establecido ata o 30 de Outubro de 2007, polo que todos os interesados todavía están a tempo de solicitalas. Este anuncio foi publicado no DOG do 23 de Outubro de 2007.

Podedes consultar o artigo compreto aquí

PRESENTACIÓN DO NOVO CURSO DA AULA DE ZANFONA EN LUGO

AGG / 24.10.07

O xoves, 25 de Outubro de 2007, iníciase o curso 2007-2008 da Aula de Zanfona na capital Lucense. Deste Xeito dáselle continuidade á actividade que deu comezo no curso pasado, co obxectivo de que se estableza en Galiza un novo lugar onde poder aprender a técnica para tocar a zanfona.

Esta actividade, promovida pola Asociación de Gaiteiros Galegos, está patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

A presentación do curso terá lugar no Complexo Residencial Xuvenil LUG, na Rúa Pintor Corredoira,4 (antigo Eixo Garay) en Lugo, o vindeiro 25 de Outubro de 2007 ás 17:00 horas. Para este acto a Asociación de Gaiteiros Galegos contará coa presencia da Delegada Provincial de Vicepresidencia, Dona Branca Rodríguez Pazos, así como do Xerente do Xacobeo, Don Ignacio Rodríguez Eguíbar. Ademais, tamén asistirán representantes da Xunta Directiva da AGG así como o mestre que impartirá as clases, Luis Correa “O Caruncho”.

Esta aula complementa as existentes no País, afondando no ensino de tocar e cantar con este instrumento, contribuindo deste xeito a popularizar a utilización da zanfona. Ademais de aprender as técnicas para tocar o instrumento, tamén se complementará coa aprendizaxe do canto tradicional con zanfona, romances, coplas, cantigas de cego...

Para máis información poden poñerse en contacto coa asociación de Gaiteiros Galegos a través do número de teléfono 986 847 074 ou no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

IV Encontro de Pandeireta Galega e Asturiana

Cursos / 23.10.07

O colectivo Astur-GalegoTransEu organiza o IV Encontro de Pandeireta Galega e Asturiana. Será o vindeiro sábado 24 de Novembro, no Albergue Campa da Braña de Cervantes, en plenos Ancares lugueses. Unha festa rachada na que se achegarán anacos de cultura entre pobos curmáns, da man das pelicas e ferreñas, dos cantares e dos bailes de entrambos os pobos.

Programa:
-21:00 h Recibimento de todos os participantes no Albergue.
-21:30 h Cea-confraternización a base de productos da Terra.
-Logo da cea, actuación dos grupos de pandereteiras:
-Pandereteres de Vezos (Asturies).
-Polavila (Os Ancares-Galiza).
Ao remate das actuacións haberá unha foliada na que poderán participar todos e todas as asistentes.

Inscricións:
-Enviar datos persoais (nome e apelidos, teléfono, e-mail de contacto) e xeito de pagamento elixido (en conta ou en man o propio día) antes do día 9 de Novembro ao enderezo electrónico:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

Prezos e pagamento:
-Cea, concertos, aloxamento e almorzo: 35 Euros.
-Só cea e concertos: 25 Euros.
Ingreso na conta 2091 0530 38 3000031846-Caixa Galicia. Especificar “Encontro” ou “Alcuentru” e mailo nome do/a pagador/a. Non esquezades traer o resgardo de pagamento o propio día do Encontro.

Contacto: 657 209 731 (Guillerme). Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

MOSTRA DE CUARTETOS

AGG / 19.10.07

"Este ano volta con máis forza a Mostra de Cuartetos, que na súa IV edición vai afondar no estudio do cuarteto "Os Tempranos de Eiris".
As actividades terán lugar en Marín do día 2 ao domingo 18 de novembro, data na que se concentrarán a maioría dos actos. A semana que ven farase a presentación oficial da Mostra e dos participantes deste ano. Aproveitamos para adiantarvos un extracto dun artigo de Pablo Díaz Carro no que se fai unha breve reseña histórica dos compoñentes deste grupo:

O cuarteto enxebre galego “Os Tempranos de Eirís da Cruña” como reza no seu bombo, foi o primeiro grupo de gaiteiros da Coruña e As Mariñas.
No ano 1923 Xosé Temprano e Alejandro Temprano (gaiteiros), xunto con Xosé Castelo “O Betanceiro” (tamboril) e Mourenza (bombo) forman o cuarteto.
Destaca a utilización de instrumentos percutivos con tensores de corda (tamboril e bombo) neste cuarteto, pois nesa época e durante o tempo que tocou o cuarteto xa se viñan empregando caixa e bombo de latón ou bronce por outros grupos que coexistiran no mesmo tempo, como por exemplo, “Os trintas de Trives”. Outro detalle da súa liña enxebre era a utilización do traxe galego acompañado por unha monteira baixa cun pequeno “corno” que era típica da comarca.
No ano 1934 Alejandro marcha a facer o servicio militar á marina, embarcando no “Juan Sebastián El Cano” xunto coa súa gaita, coa que daría a volta ao mundo.
No seu lugar entra no cuarteto, Farruco Paradela, afamado gaiteiro da rúa Falperra, que combina o tocar pechado co aberto, técnicas que utilizaba no cuarteto e que sobresaía pola súa maestría.
Juan “o Pachero” de Eirís, comeza a tocar o bombo, e Alejandro, ao regresar da mili fai parella de gaita con Paradela, pasando Xosé a tocar o tamboril. Alejandro deixa de tocar definitivamente nos anos 50. En sustitución deste entra Fernando Álvarez Pardo. É a finais dos anos 70, cando o cuarteto deixa de tocar
A vivencia musical e histórica dos Tempranos de Eirís continúa na figura de Pepe Temprano que segue en activo como gaiteiro na agrupación “Eidos” da Coruña.

PROXECTO RONSEL

Lume na Palleira / 19.10.07

O Sábado 20 de outubro en "Lume na Palleira" poderemos escoitar unha nova edición do espazo "O recuncho da Palleta" no que colabora a Asociación de Gaiteiros Galegos. Nesta ocasión, Pablo Carpintero será o encargado de traernos novas sobre varios proxectos que se están a levar a cabo en defensa da cultura e tradición Galega.

O Proxecto Ronsel, promovido polas tres Universidades de Galicia e a Xunta de Galicia, na procura da recuperación do patrimonio inmaterial galego, e a Mostra de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués que se celebrará do 7 ao 11 de novembro na Praza da Ferrería en Pontevedra.


Non vos perdades a emisión deste sábado de "Lume na Palleira", de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

IV Encontro Internacional de Pandeiros de Mao

Varios / 17.10.07

A Asociación Folque do Conservatorio de Música Tradicional de Lalín en Pontevedra organiza durante os vindeiros 20 e 21 de outubro o IV encontro Internacional de Pandeiros de Mao.

Haberá neste encontro representación do pandeiro cadrado de Pontevedra, con Maruxa das Cortellas considerada unha virtuosa popular deste instrumento. Desde Portugal, pais que conservou con maior vixencia a tradición dos adufes introducíndoo en espectáculos contemporáneos, contarase coa presencia de Paulo Meirinhos, un bo coñecedor da percusión popular portuguesa que compartirá espazo con Davide Salvado, xoven cantador e músico renovador na pandeireta galega. E para rematar, un cantor do Norte galego, Xabier Díaz presentando o seu novo disco “Coplas para Icia”.


Máis Información e Programa

“PRODUTOS FINANCEIROS E FINANCIAMENTO NA PEME” E “PLANIFICACIÓN EMPRESARIAL"

Cursos / 16.10.07

De acordo cos seus obxectivos de potenciar e incentivar a actividade empresarial no ámbito do teatro, a música e a danza de Galiza, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) mantén a súa colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e BIC-Galicia no desenvolvemento de seminarios dirixidos ás empresas escénicas e musicais, como os dous que se celebrarán o vindeiro mes de novembro en Santiago de Compostela: o curso Produtos Financeiros e Financiamento na Peme e a segunda edición do Seminario de Planificación Empresarial.

Máis información e Inscrición

PRESENTACIÓN DO CANCIONEIRO GALEGO DE TORNER E BAL Y GAY

Lume na Palleira / 11.10.07

O sábado 13 de Outubro, no programa “Lume na Palleira”, terá lugar a presentación da reedición dun dos máis grandes cancioneiros galegos, o Cancioneiro de Torner e Bal y Gay, levada a cabo pola Fundación Pedro Barrié da Maza.

Nesta ocasión, será o catedrático de Música da Universidade de Santiago e autor do estudo científico que deu froito ao tomo do "Cancionero gallego", Carlos Villanueva, o encargado de realizar a presentación. O experto cualificou á iniciativa como un "acerto editorial" posto que se trata dun "material do que non existen antecedentes históricos e que permite unha volta neotradicionalista ao pasado de Galicia”.

O "Cancionero Gallego" supón un importante traballo de investigación e recompilación de arredor de 1.300 melodías da música tradicional de Galicia, na súa meirande parte inéditas, escritas en galego e castelán.

As composicións foron reunidas entre 1928 e 1932 polo musicólogo Jesús Bal y Gay en colaboración co investigador Eduardo Martínez Torner.

Pero teredes ocasión de coñecer máis detalles do Cancioneiro o sábado, de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA". Non vos esquezades.

"PREMIOS OPINIÓN" ADICADOS Á MÚSICA GALEGA

Varios / 09.10.07

O xoves día 11 de outubro ás 20:30 h. celebrarase, no Teatro Colon de A Coruña, a gala de entrega dos prestixiosos "Premios Opinión" adicados á música galega e organizados polo xornal "La Opinión".

Xosé Luís Miguélez será o encargado de abrir a gala nesta sexta edición, cunha presentación do seu novo CD "Esperanza", que sairá á venda coa Editorial Dos Acordes neste mesmo mes de outubro. Estará acompañado ao piano por Pablo Diago e interpretará: "Noite", unha composición do propio autor para gaita solista, e os dous primeiros movementos da obra para Gaita e Piano "Luces do Atlántico" de Ernesto Campos.

A gala completarase coas actuacións de:

Nordestinas: Guadi Galego, voz + Ugia Pedreira, voz e Abe Rábade, piano
Maite Dono, voz + Manuel Gutierrez, piano
Os Cempés.

A entrada é libre ata completar aforo, previo levantamento da invitación na sede do xornal.

Páxina 390 de 438