Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

O ENTROIDO NO RECUNCHO DA PALLETA

Lume na Palleira / 25.01.08

O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e paganos, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego.

A música é tamén unha parte importante desta celebración. Temos dende as comparsas que acompañan ás máscaras, sobre todo cando van visitar pobos forasteiros, que tocan e cantan pezas compostas especialmente para o caso, ata as coplas de entroido e cancións de baile propias de zonas como o Val da Ulla.

De todo esto, Pablo Carpintero falaranos o sábado 26 de Xaneiro no "Recuncho da Palleta" que podemos escoitar dentro do programa "Lume na Palleira" os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

FIN DE SEMANA DOS MOXENAS

Varios / 24.01.08

Esta fin de semana Moxenas é o protagonista na Galiza sur, pois o sábado 26 de Xaneiro, ás 18:00 horas celébrase no Centro Cultural de Valadares, en Vigo, o primeiro concurso co seu nome, que sen dúbida será un gran evento, dado o nivel da maior parte dos concursantes presentados e máis do xurado escollido, formado por Manuel Alonso, Ivan Costa e Diego González.

Os concursantes farán unha 1ª interpretación libre onde poderán interpretar unha ou varias pezas galegas, recollidas ou de autor. Os cinco mellores clasificados no apartado libre terán que facer unha segunda intervención cunha peza obrigada, “O San Campio é noso” de Nazario Gonzalez “Moxenas”, e coa suma destes dous apartados tomarase a decisión final do concurso. Os participantes son: Agarimos, Anacos de Buxo, Contracocheno, Picuiña, Os Chupacabras, Os Rolling Pallóns, Os Fonte Suairas e Abelente.

E o domingo 27 de Xaneiro, á mesma hora, no Centro Goianés en Tomiño, poderemos disfrutar cun concerto de "Moxenas Musical Galego" tras voltar estes mesmos días dun concerto en Aragón.

Ficades todos convidados a participar destas actividades que sen dúbida serán moi interesantes.

PREMIO "CIDADE DE PONTEVEDRA" PARA O GRUPO "OS ALEGRES"

Varios / 23.01.08

A agrupación "Os Alegres" atribuíu o seu nomeamento ao traballo realizado desde 1939 en favor da cultura tradicional galega e a súa cultura musical, mediante a recuperación de partituras, vestiario e instrumentos.

O director do grupo, Dionisio Aboal, anunciou que con motivo deste galardón "Os Alegres" van organizar anualmente en Pontevedra un festival para mostrar o resultado do seu traballo. Aboal prevé que a partir do próximo mes de febreiro xa saia á venda o sétimo disco da agrupación, a modo de homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela e no que participaron músicos de toda a comarca.

Ao longo da súa traxectoria, "Os Alegres" actuaron en localidades de toda Galicia, España e en centros galegos no exterior, ademais de colaborar con outros artistas como Carlos Núñez.

A candidatura de "Os Alegres" foi presentada polo grupo "Os Chichisos".

"MOSTRA DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS"

ALALA / 22.01.08

O programa do Alalá do martes 22 de Xaneiro, é todo un curso sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. Trátase do Proxecto Ronsel, unha iniciativa das tres Universidades galegas que se botaron ás aldeas para estudar e pór en valor o patrimonio cultural inmaterial. Un programa que amais vai ser un curso acelerado sobre os galegos: "Un Alalá sobre a Universidade da Vida".

Galicia vive no século das cidades, da tecnoloxía, das grandes empresas... Nun presente tan obsesionado con saber cara a onde imos que comete o erro de esquecerse de onde vimos. Factores como esta mentalidade ou o paso do tempo fixeron que os galegos perderamos boa parte do noso patrimonio cultural, o que significa rexeitar de nós mesmos. Por iso é necesario revitalizar a tradición, pero facelo ben, partindo da recompilación e do estudo, que son dúas das bases do "Proxecto Ronsel", unha iniciativa das tres universidades de Galicia e outros organismos que se lanzaron ás aldeas para estudar e revitalizar o chamado patrimonio cultural inmaterial.

Coa intención de concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o "Proxecto Ronsel", organizou a "Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués" na cidade de Pontevedra, que pretende reflectir a diversidade patrimonial inmaterial poñendo ao alcance de todos os coñecementos tradicionais para entender que se poden adaptar e vivir con eles na sociedade actual.

UN NOVO CERTAME DE CREACIÓN DE CANCIÓN POPULAR, "ACORUÑASON"

Concursos e Certames / 21.01.08

ACoruñaSon é un certame de creación de canción popular organizado polas concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña. Este certame, que ten como obxectivo fomentar, descubrir e promover a novos autores e autoras de canción popular en galego, ábrese coa selección de dez autores. Os dez terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular dunha semana de duración impartido por Santiago Auserón, primeira figura da creación, a interpretación e o estudo da música popular peninsular, onde traballarán as súas propias composicións.

A actividade final do obradoiro será a gravación dun disco colectivo durante un concerto ao que serán convidados representantes de todos os sectores da industria musical galega. Os autores que non foren seleccionados entre os dez participantes do obradoiro, así como outras persoas interesadas en asistiren ao Obradoiro de Canción Popular que será impartido por Santiago Auserón do 24 ao 28 de marzo na Coruña, teñen a posibilidade de se matricularen en calidade de alumnos oíntes.

Para formalizaren a matrícula, deberán seguir o proceso que se indicará proximamente na web do certame http://acorunason.eu

Podedes consultar as bases do certame aquí

CONTINUACIÓN DOS CICLOS DE CANTO EN "O RECUNCHO DA PALLETA"

Lume na Palleira / 18.01.08

O Sábado 19 de Xaneiro, no Recuncho da Palleta, Pablo Díaz Carro vai a seguir co seu ciclo adicado ó canto en cada unha das catro provincias galegas, centrándose esta vez no canto con e sen acompañamento percutivo na provincia de Ourense.

Visitaremos musicalmente concellos como: A Bola, Lobios, Bande, Calvos de Randín, O riós...e analizaremos os acompañamentos percutivos desta provincia como a lata de pimentón (antigamente de gas de carburo), a cazola (tixola de rabo longo tanxida cunha chave de grandes dimensions), cunchas, culleres e como non a pandeireta, así como os diversos ritmos e xeitos interpretativos no canto.

Con este ciclo de programas, tratase de amosar as letras das cantigas, os sons, e formas de tocar e cantar que hoxe en día se conservan en distintas zonas de Galicia co obxectivo de que non se perda nada do noso patrimonio cultural.

Lembrade que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

CONTINÚAN AS PRESENTACIÓNS DO "PELO GATO 24"

Entrevistas / 16.01.08

O pasado domingo 13 de Xaneiro, publicouse no "Correo Galego" unha entrevista con Paulo e Magoia, os responsables da direción musical e da produción artística do novo traballo audiovisual da Asociación de Gaiteiros Galegos, o "Pelo Gato 24". Continúan así as presentacións por toda Galicia deste DVD-libro e CD de cantigas e xogos para nenos, co que a AGG tenta de difundir a nosa cultura e música tradicional.

Aquí tedes a entrevista completa publicada o 13/01/08 no "Correo Galego" e realizada por Emilio Españadero.

- Empeñada na defensa e difusión da tradición musical galega, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) publica de novo un traballo discográfico, ‘Pelogato 24’, no que as protagonistas son as cantigas e os xogos para os pequenos da casa. Os responsables da direción musical e da produción artística do proxecto foron, de novo, Magoia Bodega e Paulo Nogueira. Eles mesmos presentan para GH esta nova aventura musical dirixida aos que son a semente de futuro deste país: aos seus nen@s

A primeira aventura discográfica impulsada pola AGG foi ‘O Quiquiriquí’, un ano despois da súa publicación ¿que valoración facedes dos seus resultados?

PM- Moi positiva. Os sectores aos que ía dirixido o traballo (nenos e nenas, mundo do ensino, familias, etc.) recibiron o traballo con entusiasmo e nos consta que o están a empregar.

A idea do ‘Pelogato 24’ ¿como naceu?

PM- Pola nosa profesión de mestres somos sabedores da necesidade que existe nos centros de ensino de materiais didácticos que versen sobre a música e cultura tradicional dun xeito atractivo e actualizado para os rapaces. A partires desta premisa xorde a idea dun traballo que aglutine dúas das lerias máis significativas para os cativos: as cantigas e os xogos.

Continuación da entrevista

A TABERNA DO LORENZO NO ALALÁ

ALALA / 15.01.08

O martes 15 de Xaneiro, o programa Alalá, que acaba de recibir un Premio Galicia de Comunicación, vai tomar unhas cuncas e escoitar unhas pezas nunha taberna tradicional de Vigo. Un lugar máxico onde os espectadores coñecerán varios prismas da época do crecemento desta cidade nos anos 50. O Vigo industrial. O Vigo musical. O Vigo tradicional e o Vigo suburbano. Todo nunha taberna que ten tenda, viño de barril e música, a Taberna do Lorenzo.

A Taberna do Lorenzo é unha tasca tradicional onde aínda se conserva parte daquel pasado cantarín e musical que tiñan as grandes cidades de Galicia. Onde cando remataban as xornadas nos estaleiros, nas conserveiras, ou nas fábricas, se un quería oír unha peciña ía ás tabernas: algunhas tan míticas coma o Pozo Negro, onde se xuntaban músicos e gaiteiros como Moxenas ou Ricardo Portela e nas que un cantaba ata que se decataba que ao día seguinte había que traballar. Así pois, o Alalá desta noite coñecerá o ambiente máis popular e tradicional de Vigo, a tan só 5 minutos do centro, na Taberna do Lorenzo.

Ademais o programa compartirá mesa cos integrantes do grupo Os Infortunados, que cantarán pezas tradicionais da zona de Vigo. A gran maioría dos compoñentes do grupo son xubilados ou prexubilados do sector naval, o que é unha proba da pegada que tivo e ten a industria naval en Vigo e arredores.

IGAEM E DOS ACORDES LANZAN A COLECCIÓN DE PARTITURAS “PEL E MADEIRA”

Publicacións / 14.01.08

O IGAEM e a casa editora Dos Acordes veñen de poñer en marcha unha nova colección de partituras que, baixo o título “Pel e madeira”, recollerá o repertorio básico para gaita e percusión galegas. Baixo a dirección artistica do gaiteiro Suso Vaamonde e do percusionista Xosé Lois Romero, que levan traballando dende hai anos nesta iniciativa; e a dirección editorial de Javier Jurado, o proxecto está concibido inicialmente como a publicación periódica de cadernos de partituras de música tradicional e popular galega, arranxada para formato de cuarteto tradicional (dúas gaitas, tambor e bombo) e cunha clara finalidade didáctica.

Preténdese, deste xeito, crear un fondo documental que compile o repertorio máis común entre os gaiteiros, e, sobre todo, producir material gráfico que incentive o desenvolvemento técnico e estético da percusión tradicional galega. Con este obxectivo, a selección de partituras abrangue todos os niveis de dificultade, dende o de iniciación ata o de perfeccionamento.

Pero o novo desta proposta está no dobre CD que acompaña a edición das partituras. Neles, o oínte poderá substituír calquera dos catro instrumentos que soan na gravación (executados polos propios autores) pola súa propia interpretación en vivo, usando para iso o selector de balance L-R que posúe calquera equipo de audio. Isto permitiralle practicar individualmente o seu propio instrumento formando parte dun “cuarteto virtual” (na xerga anglosaxona, play-a-long). As principais vantaxes deste sistema son o desenvolvemento da percepción auditiva e da capacidade de imitación do oínte, alicerces fundamentais da cultura tradicional, e a súa correspondente representación na escrita.

A produción da colección, que sairá á luz en primavera de 2008, conta coa colaboración da Radio Galega, xa que nos seus estudos gravaranse os masters que a compoñen. A periodicidade prevista é dun volume anual, cunha tiraxe de 400 exemplares. Cada copia irá presentada nunha carpeta que incluirá o libreto xeral de música impresa máis catro caderniños coas partes (gaita primeira, gaita segunda, tambor e bombo), así como os dous CD de audio (gaitas e percusión).

AS PIRUSALDAS NO RECUNCHO DA PALLETA

Lume na Palleira / 11.01.08

O sábado 12 de Xaneiro, dentro do espazo "O Recuncho da Palleta", no programa "Lume na Palleira", teremos a oportunidade de coñecer mellor as pirusaldas.

Pablo Carpintero será o encargado de mostrarnos o que é , probablemente, un xénero bailable dos máis antigos cos que contamos en Galicia, seguramente tanto ou máis que as alboradas coas que comparten algúns aspectos.

Nesta ocasión escoitarenos pirusaldas de diferentes lugares de Galicia, Portugal e Asturias, tanto en directo como de gravacións de campo.

Non vos esquezades que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

Páxina 385 de 438