Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

PREMIO " O RECUNCHO DA PALLETA"

Lume na Palleira / 08.02.08

O sábado 9 de Febreiro, imos a ter a oportunidade de escoitar un programa especial do recuncho, xa que terá lugar a entrega do premio "O Recuncho da palleta". Ao longo do ano foron moitos os candidatos a este premio, que pasaron polo espacio radiofónico que cada sábado achéganos un pouco mais a nosa música tradicional.

Dende a banda de gaitas Raigames de Enrique Covelo, pasando polos especiales da IV Mostra de Cuartetos de Marín ou o Proxecto Ronsel promovido polas tres Universidades de Galicia, ata o grupo "Troula" de Madrid, todos eles xa forman parte do recuncho da palleta.

O gañador engadirase á lista formada pola Editorial Ouvirmos e o Concello de Pontevedra (ano 2004), ao concello de Vilar de Santos polo seu apoio á publicación do catálogo de músicos da Limia (ano 2005) ou o programa "Alalá" pola súa axuda á difusión e coñecemento da cultura do noso país (ano 2006).

Non vos esquezades que o programa "Lume na Palleira" emítese os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

ENTREVISTA A XOSÉ LUIS MIGUÉLEZ

Prensa / 07.02.08

Aquí tedes a entrevista que Emilio Españadero lle fixo a Xosé Luis Miguélez con motivo da publicación do seu novo traballo discográfico, "Esperanza". Foi publicada no "Correo Gallego" o 03/02/08.

"Falamos con Xosé Luis Miguélez da súa andaina musical, desde as primeiras clases sendo moi neno ata lograr esa titulación superior, e da grande importancia do obxectivo por fin acadado.

E.E. - As primeiras clases de gaita ¿cando e de quen as recibiches?

X.M. - Os meus pais leváronme a clases de gaita cando tiña seis anos nunha das primeiras escolas que houbo en Galicia, a “Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”. Lembro que o primeiro día non parei de chorar porque non quería ir pero despois de escoitar as gaitas o que non quería era voltar para casa. O meu primeiro mestre foi Manolo Brañas e aínda continúo a ter unha moi boa relación con él, débolle moito. Cando tiña 11 anos levóume ao Festival Intercéltico de Lorient en Francia, era o músico máis xoven de todo o festival e a xente parábame pola rúa para sacarse fotos comigo.

E.E - E o teu primeiro instrumento ¿cando o tiveches?

Pois cando levaba uns meses indo a clases o meu pai mercoume unha, debeu ser no ano 1980 ou 1981, non me lembro moi ben. Era unha gaita de pau santo afinada en Do e feita por Manolo Brañas, que tamén é construtor. Non a conservo enteira pero si algunha peza solta.

E.E - Cóntanos como foi todo o proceso para chegar, desde ese inicial interese pola gaita a converterte no primeiro Titulado Superior no instrumento.

X.M. - No ano 1990 gañei un importante concurso para gaiteiros solistas e foi aí cando comecei a pensar en adicarme profesionalmente á música no futuro; así que me interesei polos estudos oficiais que, por aquel entón, so se impartían en Vigo. O mestre daquela era Carlos Núñez e falei con el para facer os exames dos catro cursos que existían no plan de estudos do 66. Facilitoume moito as cousas e fixen os exames por libre acadando o “Diploma en Gaita Galega”, que foi o primeiro título recoñecido do instrumento. Despois diso tiven que continuar os meus estudos musicais coa frauta traveseira xa que a gaita non tiña máis graos recoñecidos. A finais dos 90, coa incorporación da Loxse, por fin se instaurou o grao profesional; remateino en 2001 no “Conservatorio Mayeusis de Vigo” co mestre Ernesto Campos, un grande compositor para o instrumento e moi bo amigo, que me acolleu cos brazos abertos e que me ensinou moitísima música. Un ano despois comezou o grao superior en música tradicional galega no “Conservatorio Superior de Música de Vigo”, presenteime ás probas de acceso e conseguín unha praza; catro anos máis tarde, en novembro de 2006, fixen o concerto de fin de carreira e, por fin, se completaron todos os ciclos de ensino de música tradicional en Galicia.

Continuación da entrevista

XOSÉ, "O GHAITEIRO DE PIÑEIRO"

ALALA / 05.02.08

Despois dunha operación complicada en que perdeu un anaco de pulmón, a Xosé véuselle o mundo enriba pensando que non volvería tocar a gaita. Unha semana despois só un milagre puido explicar como o corazón de Xosé, "O ghaiteiro de Piñeiro", seguía bombeando notas e repenicados por cada recuncho do Morrazo. O martes 5 de Febreiro, Alalá, da man da súa presentadora Pilar G. Rego, vai poñer o público en contacto con unha historia de superación persoal, todo un manual sobre a filosofía do ser gaiteiro por riba da vida e da morte, escrito cos contos e a graza de Xosé, "O ghaiteiro de Piñeiro".

Xosé Fernández viviu toda a vida no seu querido barrio do Piñeiro, en Aldán, onde é o gaiteiro oficial e imprescindible en cada celebración e iso non se consegue en dous días. Leva toda a vida tocando nos entroidos da súa vila con centos de gaiteiros, de aí que fora acumulando na memoria máis de 200 pezas.

Con tanta sabedoría ten repertorio para tocar nos entroidos, nas festas parroquiais, nas foliadas, nas procesións, ata nas inauguracións das rúas o recordan tocando os veciños! Gaiteiro para todo e infatigable, desde o domingo de entroido ata o mércores de cinza o equipo do Alalá puido comprobar que durmiu 7 horas! E é que a Xosé, "O ghaiteiro do Piñeiro", antes ca os dentes xa lle naceran as ganas de ser ghaiteiro.

VII PREMIOS OPINION DA CORUÑA

Prensa / 04.02.08

Artigo escrito por Oscar Losada para o xornal "A Opinión" da Coruña o 04/02/08

"Nesta sétima edición dos premios o voto do xurado estivo máis dividido que nunca e iso provocu que doce artistas tivesen algunha mención, a cantidade máis grande na historia deste galardón. Iso indica o eclecticismo dos xornalistas encargados de elexir aos gañadores e que, nesta edición, as propostas artísticas amosaron un alto nivel que complicou a decisión dos compoñentes do xurado.

Xosé Manuel Budiño foi quen de aparecer votado por seis xurados e iso levouno a acadar o primeiro lugar, que coloca ao seu traballo "Home" como mellor disco folk galego do 2007. É a primeira vez que un músico repite como gañador de mellor álbum nos PREMIOS OPINIÓN. O artista xa vencera na cuarta edición con Zume de Terra, aínda que naquela ocasión houbera moita máis diferenza de votos co artista que acadou a segunda posición.

Foi tal a variedade de propostas elexidas polos membros do xurado nesta edición 2007, que o trío Entre Trastes logrou o segundo posto contando só co apoio de dous xornalistas, que decidiron mencionalos como a súa primeira escolla, sendo a terceira posición para o grupo Fía na Roca."

PRESENTACIÓN DO LIBRO "EL ROMANCERO DE LA GALICIA EXTERIOR"

Publicacións / 04.02.08

O martes 5 de febreiro, ás 20.00 horas, presentarase no local da asociación de veciños de San Roque o libro "El romancero de la Galicia exterior. Cala de la colectividad gallega de la Argentina", escrito por Norberto Pablo Cirio e editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra dentro da colección “Etnografía. Socioloxía. Antropoloxía”.

Á presentación asistirá o deputado de Cultura, José Juan Durán Hermida, o presidente da asociación de veciños de San Roque, Sabino Martínez Fontán, e o especialista en música tradicional galega Oscar Ibáñez García.

Como contribución ós estudos sobre o romanceiro galego, neste libro o autor, dá a coñecer un pequeno corpus romancístico recompilado dos membros da colectividade galega na Arxentina, no marco da súa investigación “La música tradicional gallega en la Argentina. Permanencia y proceso de cambio a partir del proceso migratorio”. O autor tamén integra neste traballo catro romances inéditos recompilados por outras persoas.

Deste xeito, o corpus analizado componse de 68 versións de texto e 58 versións de música pertencentes a 34 tipos. Foi conformado a través de entrevistas a emigrantes galegos e ós seus descendentes nalgunhas cidades arxentinas: Avellaneda, La Lucila del Mar, Lanús, Lomas de Zamora, Mar del Plata, Quilmes, San Martín (Bos Aires), Río Gallegos (Santa Cruz) e a cidade de Bos Aires entre 1996 e 2005. Os romances recompilados por terceiros foron recollidos en Lomas de Zamora (Bos Aires) en 1980 e en Bos Aires en 1993.

"O RECUNCHO DA PALLETA" ADICADO Á ZONA DE CANCES, EN CARBALLO

Lume na Palleira / 01.02.08

O sábado 2 de Febreiro poderemos escoitar unha nova edición do "Recuncho da Palleta", no que Pablo Díaz achegaranos unha vez mais unha parte importante da nosa música tradicional, viaxando a través das ondas, a distintas zonas de Galicia.

O programa adicarase ao cuarteto de gaitas de CANCES (Carballo), farase unha semblaza do grupo, e falarase doutros grupos de gaiteros da zona analizando o seu repertorio.

"O Recuncho da Palleta" emítese dentro de "Lume na Palleira", unha proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas, que trata de que a música folk e tradicional teña a presencia que merece dentro do noso país.

Podedes escoitar o programa os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

PRESENTACIÓN DA EDICIÓN CRÍTICA DO "CANCIONEIRO MUSICAL DE GALICIA"

Publicacións / 31.01.08

A Fundación Pedro Barrié de la Maza presentou a reedición crítica do Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar, unha facsímile da obra editada en 1982 pola mesma fundación, con textos do Xosé Filgueira Valverde.

Nesta nova edición de 2008, a publicación inclúe unha serie de estudos críticos coordinados polo catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Villanueva, e realizados por expertos como Luis Costa, Xavier Goba e José Carlos Valle.

O cancioneiro consta dun total de 652 páxinas nas que se recompilan 509 pezas musicais con partitura, reunidas por Casto Sampedro e a súa rede de informantes, entre os que destacaron Víctor Said Armesto, Ramón de Arana ou Santiago Tafall. O estudo abrangueu case un centenar de municipios da comunidade, e baseouse no contacto con colectivos sociais como "xente do mar, grupos de baile e aldeás," segundo destacou Villanueva.

As transcricións musicais teñen a peculiaridade de efectuarse, na maioría dos casos, de memoria ou mesmo en directo. Por iso, algunhas das partituras eran até agora inéditas.

O catedrático de Música Carlos Villanueva destacou que o cancioneiro é "unha mostra do recompilado por Filgueira Valverde" sobre o traballo de Casto Sampedro e explicou que estas investigacións "deixaron abertas unha serie de posibilidades" para continuar investigando no futuro. Afirmou que, esta publicación, xunto aos cancioneiros de Torner-Bal e Gay (tamén editada pola Fundación Barrié en 1972 e reeditado en 2007) e o de Schubart-Santamarina forman "o fondo editorial peninsular máis importante" na materia.

A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS CONMEMORARÁ ESTE ANO O SEU 20 ANIVERSARIO

AGG / 30.01.08

A xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou, o pasado 27 de Xaneiro en Pontevedra unha xuntanza para pechar o programa de actividades que conmemorarán, ao longo deste ano 2008, os 20 anos de vida desta asociación. Os actos de celebración destes 20 anos de existencia da AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos) terán como obxectivo fundamental achegar á sociedade a música tradicional galega e poñer en valor a figura do músicos, bailaríns, artesáns e demais persoas que durante decenas de anos mantiveron viva esta expresión da nosa cultura que é, sen dúbida, unha das máis ricas de Europa.

Ao longo deste ano 2008 a AGG levará a cabo algunhas actividades especialmente deseñadas para conmemorar o seu 20 aniversario. Estas actividades completarán a actividade anual que a AGG ven programando de xeito periódico para a difusión, formación e promoción no eido da música tradicional galega, é de destacar a organización de mostras de artesáns como as de Pontevedra ou Pardiñas (Guitiriz), a edición de libros-cd como O Quiquiriquí ou o Pelogato 24, a realización anual dun Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, edición dun boletín trimestral Aturuxo, a participación no espazo O Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira da Radio Galega, a xestión de unha aula de Zanfona na cidade de Lugo, a organización do Encontro de Tocadores de Trompa na Fonsagrada e do Seminario sobre a Palleta en Melide.

A AGG conta neste momento con máis de 600 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados, ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país. A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza ademais de ser a única asociación de ámbito autonómico e cun proxecto de organización con visión de País.

Segundo o presidente da AGG, Santiago Caneiro Aneiros, “é para nos unha responsabilidade facer que todas as persoas que teñan algo que dicir sobre a nosa música tradicional, en todas as súas vertentes, participen activamente na consolidación deste proxecto asociativo”. Con estas declaracións Santiago Caneiro fixo referencia ao empeño que a AGG ten en abrir as súas portas a todos aqueles músicos, artesáns, bailaríns, e demais persoas vencelladas á música tradicional galega.

OS TERRIBLES DE DONAS

ALALA / 29.01.08

O martes 29 de Xaneiro, o Alalá visita Donas en Gondomar para resolver o misterio dos Terribles de Donas. Un grupo creado en 1937 por e para a festa que mantén intacta a súa memoria entre a xente do lugar. De feito nos anos 40 xa tiña club de fans, feito a base de tocar por todas as festas do sur de Galicia e do norte de Portugal nos veráns. Organizaba bailes en que cobraba nos despachos de billetes e ata tiña unha copla que indicaba a súa chegada á festa...

Ao longo do século XX, os Terribles de Donas tocaron por todas as festas do sur de Galicia e norte de Portugal. Comezaron como cuarteto tradicional, pero foron evolucionando incorporando saxos, clarinetes e o que fixera falla, porque os Terribles eran músicos de oído que tocaban para divertir e divertirse. Muiñeiras, xotas, pero tamén rumbas, pasodobres ou habaneras... Nos anos 70 desapareceron substituídos polas grandes orquestras, pero o Alalá será o encargado de rescatalos para o público. Non volo perdades.

COMEZAN DE NOVO OS "VENRESPIRAR" EN OURENSE

Festivais, Foliadas, Romarías / 28.01.08

Xa están aquí de novo as festas itinerantes de música e baile, organizadas por "Algaravía" e "Aoft Gomes Mouro". Realízanse en diferentes locais da cidade de Ourense, en horario de 22:00 horas a 1:30 horas. Coinciden sempre o primeiro venres de cada mes, salvo en Maio, que será o segundo.

Aquí tedes as datas e lugares:

1 de febreiro de 2008......Liceo
7 de marzo de 2008........Efémera
4 de abril de 2008...........Foula
9 de maio de 2008..........Don Gaetano
6 de xuño de 2008..........Ollo Ledo

Estas festas están abertas a toda a xente que queira ir e participar, xa sexa tocando, bailando, cantando ou simplemente tomando algo e disfrutando do ambiente.

Podedes atopar mais información no espacio da AOFT: http://aoftou.spaces.live.com/ . Quedades todos convidados a ir e a participar. Non vos esquezades

Páxina 384 de 438