Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Programación Forum Metropolitano

Concertos / 18.09.08


O Forum Metropolitano da Coruña ven de presentar en rolda de prensa un novo espazo dedicado á música folk e tradicional. Trátase dun ciclo de carácter continuo que incluirá concertos en directo, presentacións discográficas e mesas de debate. As actividades desenvolveranse o cuarto luns de cada mes a partires das 21h.


Xa podedes consultar a programación do ciclo Outono-Inverno, que inclúe as actuacións de Lizagairo, Lulavai e Sobre Rodas entre outros, no seguinte enlace:


Programación

XX Xuntanza de Gaiteiros en Fene

Concertos / 17.09.08

O sábado 27 de Setembro de 2008, a partires das 20.00 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene), a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XX Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organiza tódolos anos dende 1988. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracteriza por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música.

Este ano a homenaxe vai dedicada ao grupo “Leilía”.

Leilía e un grupo que se pode considerar case que imprescindible, non so na preservación das esencias da tradición cantada, senón tamén na súa faceta de recolleita, a pé de campo, do repertorio tradicional. Foron as primeiras pandeireteiras ou cantareiras en gravar e tamén en normalizar (no que a recoñecemento, difusión e equiparación co resto da nosa música se refire) esa tradición oral transmitida de xeración en xeración.

Nesta XX Xuntanza de Gaiteiros participarán: “Treixadura Gaiteiros e Orfeón”, “Pradairo”, “Leilía” e a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”. A Xuntanza será presentada por Quico Cadaval.

Esta noite hai unha fía

Varios / 16.09.08








Gala 10º aniversario de O Fiadeiro en Redondela.
Espectáculo de baile e música tradicional.
Sábado 20 de setembro de 2008, na Pista da Xunqueira ás 21:00

CURSOS 2008-2009 A.C. ROSALÍA DE CASTRO

Cursos / 12.09.08

A Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras ten aberto o prazo de matrícula para as actividades do curso 2008 – 2009: Baile Tradicional (nenos e adultos), Pandeireta (nenos e adultos), Gaita (nenos e adultos), Acordeón, Curso de Manualidades, Curso de Bordado, Arte Floral, Bailes de Salón, Cociña, Kárate, Cestería, Debuxo e Pintura, Ximnasia de mantemento, Pilates, Ioga, Tai Chi, etc.

A Escola de Baile e Música Tradicional da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (dirixida a nenos e nenas dende 3 anos ata os 18anos), presentará o novo curso o Sábado 13 de setembro a partir das 10:30 h da mañán.

Para inscribirse ou obter máis información, os interesados poden dirixirse ó local da Asociación Cultural Rosalía de Castro en Cacheiras, xunto ó campo de fútbol da S. D. Cacheiras no concello de Teo, ou ben chamar ó seguinte teléfono 981 80 60 91 en horario de 20:30 a 22 h de luns a venres.

III SERÁN DAS TARAMBAINAS

Concertos / 10.09.08


O día 13 de Setembro está programada unha nova edición do "Serán das Tarambainas". Será a partires das 21:30 no entorno do local da AVCD de Lavadores (Ramón Nieto, 302 preto do antigo cuartel de Barreiro).


Esta é a terceira edición do Serán, para a que está previsto un emplazamento alternativo en caso de choiva, xa que os organizadores teñen preparado o salón principal dentro do local da asociación.






60 ANIVERSARIO DA ASOCIACIÓN CULTURAL CÁNTIGAS E FRORES

Varios / 05.09.08


O sábado 6 de Setembro a partires das 20.00h. terá lugar o acto principal da celebración das 6 décadas de existencia da Asociación Cultural Cántigas e Frores. Este acto consistirá na celebración dunha gala na que se verán reflexadas as distintas épocas polas que pasou a asociación. Nesta gala, que pretende ser unha homenaxe a toda a xente que nalgún momento formou parte deste colectivo. Terán cabida as actuacións de membros históricos da asociación, que interpretarán pezas que formaban parte do repertorio da Asociación nas décadas dos 50, 60, 70…, así como da actual Banda de Gaitas, Grupo de Baile e Cantareiras. Na gala farase un pequeño repaso da historia de Cántigas e Frores, acompañado de material audiovisual. Posteriormente, ás 22.30 h. terá lugar unha cea no Restaurante Manuel Manuel.


A asociación Cultural Cántigas e Frores leva realizando distintos actos co motivo do seu 60 aniversario ao longo de todo o ano. Compre destacar a Homenaxe ao Grupo Os Montes, de Lugo, o encontro de Corais, o ciclo de conferencias relacionadas coa cultura tradicional galega, as distintas actuacións realizadas en centros de maiores, o Festival Provincial de Escolas, actuacións polas rúas de Lugo…


A Asociación ten previsto realizar neste ano, a organización do VI Festival de Cultura Tradicional do San Froilán, exposicións de fotografías e traxes…e a grabación de un CD-DVD no que queden reflexadas as actuais seccións de Cántigas e Frores.

REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO 2009

Anuncios, subvencións, oposicións... / 04.09.08

Dende o 1 ao 30 de setembro está aberto o prazo de inscrición para a Rede Galega de Música ao Vivo 2009. Esta programación musical xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturaia (AGADIC) levarase a cabo durante todo o 2009, exceptuando os meses de xullo e agosto, en salas de todo o país. Pretende impulsar a actividade dos grupos de diferentes estilos mediante a financiación de ata un 90% do caché dos mesmos, que non pode superar, en todo caso, os 800 euros por artista e concerto.

Podedes descargar os pdf coa convocatoria e regulamento de funcionamento nos seguintes enlaces:

Convocatoria

Regulamento

Festa dos axóuxeres

Festivais, Foliadas, Romarías / 02.09.08



As primeiras palabras que pronunciamos son a chave para abrir unha porta cara a nosa lingua e a nosa cultura. As Festas dos Axóuxeres son un espectáculo para o teu bebé e para toda a familia. Celébranse no mes de setembro e a entrada é de balde.
Axóuxeres é unha proposta para beber cantigas, brincadeiras e aloumiños, metelos nos petos e levalos para a casa, para que o galego siga pasando de pais e nais a fillas e a fillos. Ver, cheirar, gustar, tocar, escoitar, falar con todos os nosos sentidos, isto son as festas e os encontros dos Axóuxeres.

Axóuxeres é un espectáculo de palabras, arrolos, música, poesía, teatro…, un encontro para festexar a lingua galega.

Terá lugar nas seguintes datas e lugares:

Lugo: 6 de setembro (sábado), na Praza de Sta. María as 12 da mañá
A Coruña: 7 de setembro (domingo), nos Xardíns de Méndez Núñez, as 12:00 da mañá.
Ourense: 13 de setembro (sábado), no Parque da Barbaña, ás 12h
Vigo: 14 de setembro (domingo), na Praza do Rei, as 12 da mañá
Santiago: 20 de setembro (sábado), na Alameda, as 12 h.


Premios XVIII Concurso De Gaita Galega “Constantino Bellón” - Ano 2008

Concursos e Certames / 01.09.08

O 31 de agosto de 2008, no Teatro Jofre de Ferrol, o xurado cualificador do 18º Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”, integrado por :
* Víctor Fernández Gabeiras
* Xabier Rodríguez Fariñas
* Pablo López Torneiro
* Xoán Rodríguez Silvar
* Xesús Vaamonde Manteiga
e actuando como secretaria sen voto, Cristina Meizoso Alonso, unha vez escoitadas e valoradas a totalidade das pezas presentadas á final do Concurso, así como a interpretación de tódolos gaiteiros finalistas, acordaron outorgar o Premio SEIVANE, que consiste nunha gaita feita e personalizada especialmente para esta edición (punto g) correspondente ao “Gaiteiro de Soutelo” a :

Santiago Agustín Molina

Así como dous accésit de 1.000 € cada un a:

Gonzalo Manuel Abelairas Lemos
Bruno Villamor Gay

Asemade acordou por unanimidade, concederlle o premio único de 3.000 € do 18º Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón” a:

Pablo Devigo Vázquez.

Festival Folc Vila de Covas

Concertos / 01.09.08

A Escola de Gaitas Cacharela de Covas organiza a sexta edición do Festival Folc Vila de Covas, que se celebrará o día 6 de Setembro. Despois de un parón de seis anos nos que non se levou a cabo o festival, éste volta con máis forza que nunca cun cartel repleto de actividades todo o día, no que a música tradicional ten un papel fundamental.

PROGRAMA

12:00 h. PASARRÚAS Os Tarabelos, Non cho digo.
17:00 h. PASARRÚAS Grupos participantes no festival.
18:00 h. FESTIVAL TRADICIONAL
-Escola de Gaitas Santa Marta de Ortigueira
-A.C. Arco Dabella
-As Cantareiras de Alende
-Escola de Gaitas Cacharela
22:30 h. FESTIVAL FOLC
-Os Tarabelos
-Zarambeques Ortegal Folc
-Quempallou

Páxina 371 de 438