Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Fondo pesar polo pasamento de Gabi, gaiteiro referente en grupos imprescindibles dos anos 90.

Varios / 18.09.23

376636943 10226882846048917_4302284917888952876_nUnha triste nova para o noso colectivo, finou "Gabi, gaiteiro referente en grupos imprescindibles na evolución e na actualización na música de gaita nos anos 90 do pasado século, Gabi formou parte da agrupación folclórica Brisas da Terra, e deixanos a súa interpretación en discos como o de "Durindaina" e os de "Pallamallada"; lembramos o seu paso amenizando o "Domingo das mozas en Lugo", pero sobor de todo temos presente a súa labor como mestre en asociacións e que formou a moitos nenos e nenas que hoxe son gaiteiros.
Temos moito pesar pola súa perda, compartimos a dor da súa familia e choramos a súa ausencia, levarémolo na memoria sempre, como un referente que sempre foi para todos nós.
*Fotografía de Carlos Peixoto

XI Xornadas arredor da música tradicional

Varios / 13.09.23

xarredor2023 cartel_webA AGG organiza o vindeiro 23 de setembro, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a que será a undécima edición das Xornadas arredor da música tradicional e que se celebrarán na Casa da Gaita (Viascón).

Esta cita anual, que pon de relevo a importancia dos traballos de investigación, está destinada non só as persoas que traballan no eido da música tradicional, senon tamén a todas aquelas que queiran saber máis tanto das nosas tradicións, como das de outros lugares, xa que ao igual que nas pasadas edicións, amosaranse outras culturas tradicionais, creando un punto de encontro no que coñecer, afondar e transmitir as tradicións e no que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta ao poder participar de xeito activo nas diversas ponencias, contribuindo e potenciando deste xeito a divulgación da música tradicional e a súa conservación.

PROGRAMA:

10.15 - Apertura

10.30 - Relatorio I : “A música da Farsa do Carril. Unha danza de espadas histórica”.  Cristian Silva

            11.20  Quenda de preguntas

11.30 - Relatorio II : “Arredor do patrimonio cultural inmaterial colectivo. Viaxe a unha declaración BIC”.  Beatriz Busto

            12.20  Quenda de preguntas

12.30 - Descanso

12.45 - Presentacións de publicacións

13.30 - Xantar

16.30 - Relatorio III : “Os Zés Pereiras: uma cultura musical do Entre Douro e Minho”.  Napoleão Ribeiro

            17.20  Quenda de preguntas

17.30 - Presentación do documental “Labrando músicas”.

            17.55  Coloquio con Xaneco Tubío e Alejandro Gándara. Modera Susana Rois

18.30 - Descanso

19.00 - Relatorio IV : “O folión de Mormentelos. O Entroido na aldea de Mormentelos e os elementos que o compoñen”. Álvaro Rúa

            19.50  Quenda de preguntas

A participación nas mesmas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG,  que disporán ata o domingo día 17 de setembro para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

LUGAR: Casa da Gaita  – Viascón (Cerdedo-Cotobade) e en liña

DATA: Sábado 23 de setembro 

INSCRICIÓNS: Poderán faderse nos teléfonos 986.847.074 – 982.229.966 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.

Adeús a musicóloga Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro Popular Galego

Varios / 08.09.23

dorotheschubarthO mundo a música tradicional está de loito, onte falecía en Basilea, Dorothé Schubarth, un dos nomes imprescindibles cando falamos do noso patrimonio sonoro. Autora, xunto con Antón Santamarina do Cancioneiro Popular Galego, obra básica no estudo do noso folclore que aínda hoxe supón o referente para coñecer parte da nosa tradición músical.

Dorothé Shubarth chegaba a Galicia en 1978 durante unhas vacacións, para coñecer o noso folclore, alguén lle falara da súa riqueza, e a que ía ser unha breve estadía converteuse en anos de pescudas, entrevistas con informantes por toda a xeografía galega e centos de gravacións, que deron, despois dun intenso traballo de recollida, análise, clasificación e estudo dese material, a publicación en 1984 do Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, nunha edición publicada pola Fundación Barrié, considerado o máis amplo repertorio da musica popular de tradición oral galega.

Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propoñendo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia.

No ano 2014 doou os seus rexistros sonoros, 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia.

Dende a Asociación de Gaiteiras Galegas lamentamos profundamente a perda dunha persoa tan importante e que tanto fixo pola música da nosa tradición oral.

LV Concurso de Gaitas do País - Ponteareas 2023

Varios / 01.09.23

concurso ponteareasO Concello de Ponteareas, no seu afán por promover e difundir a música tradicional galega, convoca para o vindeiro sábado 23 de setembro de 2023 a LV EDICIÓN DO CONCURSO DE GAITAS DO PAÍS, consolidándose coma a festa musical da súa especialidade máis antiga de Galiza e colocando a Ponteareas como referente no panorama da música tradicional galega.

Poderán participar no concurso ata un máximo de vinte grupos de gaitas que toquen con instrumentos tradicionais galegos, sen modificación de ningún tipo. Pódense presentar tanto persoas físicas como xurídicas. 

Os grupos participantes interpretarán dúas pezas de libre elección, de raíz melódica galega.

O prazo de admisión de solicitudes remata o día 15 de setembro de 2023. Os grupos interesados podedes ver as bases no seguinte enlace: http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2023/07/BASES-ASINADAS-CONCURSO-DE-GAITAS-2023.pdf

RELACIÓN DE PREMIOS:

  • 1º premio 2.000,00 €
  • 2º premio 1.500,00 € 
  • 3º premio 1.000,00 €  
  • 4º premio 600,00 € 

A fundación pública Artesanía de Galicia, obsequiará aos gañadores do primeiro premio cunha gaita tradicional galega e un tamboril.

O Concello de Ponteareas outorgará unha gratificación de 400,00 euros aos grupos en concepto de participación, agás o 1º premio, o 2º premio, o 3º premio e o 4º premio, conforme a das Bases de Execución do Orzamento Municipal.

Toda a información, bases completas e anexos para as inscricións no seguinte enlace: http://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/

Fondo pesar polo pasamento de "SITO", tamborileiro de "Duos Pontes" e de "Marmurios de Leucoiña"

Varios / 08.08.23

whatsapp image 2023-08-08 at 10.09.19IN MEMORIAM

JOSE LUIS ARGIBAY GARCÍA “SITO” ( D.E.P.)

Onte día 7 de Agosto, falecía en Pontevedra, José Luis Argibay García, aos 61 anos de idade. Tamborilero coñecido por “Sito”, e que fixo toda a súa traxectoria musical -de 42 anos – nos grupos “Duos Pontes” e “Marmurios de Leucoiña”, dos que é compoñente fundador.

Na súa dilatada traxectoria musical, que compaxinou con diferentes actividades profesionais, fixo sempre gala dun gran corazón, sinxelo trato, gran simpatía e retranca, que lle acompañaron ata os últimos momentos.

Representou a Galicia en diversos escenarios nacionais e internacionais, intervindo en moitos programas de televisión. Colaborou na divulgación do “toque pechado”; e na recuperación de moitas festas tradicionais, que hoxe gozan de gran prestixio. Participou como percusionista na gravación do disco homenaxe a Ricardo Portela , no disco “Festas en Poio” e en moitas gravacións didácticas e de base musical para grupos de baile (a moitos os acompañou nas súas actuacións).

Deixa un grato recordo, e unha gran familia da que gozaba e á que facía gozar cando as súas obrigacións profesionais permitíanllo. Á súa muller Rosa, ás súas fillas Rosa María e Jessica, ás súas netas, irmáns e demais familia, acompañámoslles no sentimento.

O funeral celebrarase hoxe martes, ás 16:00 horas, na Igrexa de Santiaguiño do barrio do Burgo (Pontevedra). 

Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente o pasamento de Sito. DEP.

Toda a programación, artesáns e artesás na 30 Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas

AGG / 21.07.23

cartel-baixa web2O universo dos instrumentos de música tradicional galega é amplo e excepcional: gaitas, si, pero tamén zanfonas, pandeiretas, pandeiros, birimbaos e frautas, tambores, cordas e ventos, etc. Sábeno ben na Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas que festexa en 2023 o seu trinta aniversario. Estamos ante unha das mostras de luthería máis antigas da península ibérica na que participan milleiros de persoas cada ano e que se celebra no marco do Festival de Pardiñas (Guitiriz). Desde a directiva da Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG), promotora da Mostra, falan dun momento excepcional na lutheria tradicional de Galicia. O programa do 30ª aniversario da Mostra foi presentado o venres 21 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, nunha rolda de prensa na que interviron os artesáns Xaneco Tubío, Oli Xiráldez e Xosé Tunhas -presidente, vicepresidente e vogal da AGG- e, tamén, Alfonso Blanco Torrado, coordinador da Asociación Xermolos, organizadora do Festival de Pardiñas. Máis de trinta artesáns reservaron o seu stand para a 30ª Mostra de Instrumentos de Música Tradicional.

Na presentación do 30 aniversario da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, no Museo do Pobo, presentouse o trailer do documental “Labrando músicas”. Este é un traballo producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara que, ademais, é o director artístico do mesmo; un filme documental que se suma á conmemoración de AGG, que narra a historia e intrahistoria da Mostra apoiándose en gravacións de arquivo pero, ademais, configura unha panorámica do traballo dos artesáns da música tradicional aquí e agora.

PROGRAMACIÓN 30ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL

Sábado 5 agosto

11.30 Apertura da mostra

13.00 Sesión vermú: Concerto Xirolarrua, as gaitas de fol na costa vasca - Juan Mari Beltrán Argiñena, Fernando Jalón Jadraque.

14.00 Xantar

17.00 Pregón: Xaneco Tubío

18.00 Obradoiro de txalaparta: Juan Mari Beltrán Argiñena.

19.30 Concerto: Pandereteiras de Brincadeira

21:30. Peche da Mostra

Domingo 6 agosto

11.30 Apertura da mostra

12.00 Obradoiro de xogos bailados: Luis Prego

13.00 Sesión vermú: Concerto Cançons de Festa Major - Xavi Macaya i Jordi Aixalà

14.00 Xantar

17.00 Obradoiro de baile: Montse Rivera

18.00 Concerto: Os Carunchos

20.00 Sorteo (bases)

21.30 Peche da mostra.

*Durante a mostra haberá demostracións de construción de palletas e pallóns a cargo de Jaime Pena.

ARTESÁNS E ARTESÁS NA 30ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL

  • AGG / Asociación do baile e a música de tradición galega
  • Adrián Pereiro / Luthier de corda frotada violín, viola e violonchelo / Cambre
  • Alberto Pires / Gaitas / Pontesampaio
  • Alfonso García-Oliva / Instrumentos musicais históricos e tradicionais / Navajeda - Cantabria
  • Aragón y Parrado / Gaita irlandesa - Uilleann pipe / Guadarrama – Madrid
  • Artesanía JMR / Instrumentos de percusión e accesorios musicais / O Pino
  • Che Vázquez / Birimbaos, Trompas, Frautas e Instrumentos tradicionais / Brión
  • DJB e Filla / Instrumentos de corda / Soutomaior
  • Earan / Luthier / Pontevedra
  • Fernando Meireles /Corda portuguesa e zanfonas /Coimbra
  • Ferreiros de Mazonovo / Birimbaos e instrumentos de metal tradicionais / Santa Eulalia de Oscos
  • Iago Salgado / Instrumentos tradicionais / Teo
  • Jaime Pena / Artesán Palleteiro / As Pontes
  • Jordi Aixalà Basora / Artesà d'instruments de música tradicional de catalunya / Tarragona
  • José Catoira / Luthier / A Coruña
  • Kepa Rubio / Luthier / Álava
  • Lorena Reinaldo /Instrumentos de corda / Soutomaior
  • Luís Martíns / Arpas / Soutomaior
  • Manels Percusión / Percusión tradicional / Ordes
  • Nebra / Gaitas e zanfonas / Porto do Son
  • O Reberete / Vento e percusión tradicional / San Cristovo de Cea - Ourense
  • Obradoiro Barciela /Gaitas/Carballal - Vigo
  • Ocarinas Paparolo / Fabricación artesanal de ocarinas e asubios / Santiago de Compostela
  • Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Calo - Teo
  • Pablo Sánchez Otero / Construtor de Guitarras e outros Instrumentos de Corda pulsada / A Coruña
  • Queima / Instrumentos tradicionais de vento e percusión / Redondela
  • Serán Luthier / Luthier de zanfonas / Ferrol
  • Suso Gestal / Instrumentos de vento / Abellá
  • Tunhas / Percusión / Ames
  • Txun-Txun / Instrumentos na música tradicional vasca / Euskal Herria
  • V. Martín González / Luthier - Construción e restauración de instrumentos de corda / Vilaboa
  • Xaneco / Percusión e zanfonas / Outeiro de Rei
  • Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria

XXIV edición do Memorial Ricardo Portela.

Varios / 03.07.23

cartaz memorial_ricardo_portela_2023_page-0001 002 -pqXa tes plan para os días 14, 15 e 16 de xullo?? Pois apunta a data porque promete!! esa fin de semana tes unha cita coa XXIV edición do Memorial #RicardoPortela.

Nas inmediacións da praza da Ferrería de Pontevedra, contaremos durante os tres días coa #mostra de instrumentos de #musicatradicional, con #pasarrúas que encherán a #BoaVila co característico estilo interpretativo do Mestre Portela, a homenaxe a Concha de Luneda e tamén poderás gozar cos concertos de #Lagharteiras, #XistradeCoruxo e #OsFolieiros!!! Todo esto, nunha fin de semana que coma cada ano acolle o Memorial Ricardo Portela que organizamos a Asociación de Gaiteirxs Galegxs - AGG en colaboración co Concello de Pontevedra. Esperámoste!!!

#MemorialRicardoPortela #ConcelloDePontevedra #Pontevedra #instrumentostradicionais #gaiteirosgalegos #agg

A TRADESCOLA ORGANIZA DOUS NOVOS CONCERTOS DIDÁCTICOS DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE LUGO.

Varios / 06.06.23

cartaz cdtrad_xuo - as gandaras - a ponteA Tradescola, escola de música ebaile tradicional galego que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará mañá unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional. Concretamente, achegarase ata os CEIP As Gándaras e CEIP A Ponte de Lugo, para impartir dous concertos didácticos de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Realizaranse  dous concertos didácticos, que estarán impartidos polos mestres da Tradescola, Bruno Villamor, Germán Díaz, Roberto Rodríguez, Míguel Anxo López, Alberte Núñez e Jose Manuel López no que lles amosarán aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.

“Sons de Maio para Francisco Fernández del Riego” ciclo de actuacións diante da Deputación de Lugo das aulas de música e baile tradicional da Tradescola.

Varios / 16.05.23

tradescola sonsmaio2023_web - pqA vindeira semana iniciarase o ciclo “Sons de Maio para Francisco Fernández del Riego” con actuacións diante da Deputación de Lugo das aulas de música e baile tradicional da Tradescola. 

Aproveitando a celebración das Letras Galegas adicadas a Francisco Fernández del Riego, a Tradescola ofrecerá distintas audicións na praza de San Marcos (Lugo) nos vindeiros días. Esta nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo (Vicepresidencia).

Con estos concertos, a Tradescola quere sumarse ós distintos actos en homenaxe a Francisco Fernández del Riego no día das nosas letras, e nos mesmos, poderemos gozar de numeroso repertorio tradicional, interpretado por alumn@s e mestres da Tradescola onde non faltarán gaitas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareir@s e por suposto bailadores e bailadoras. Esperámosvos!!

Concerto didáctico da Tradescola en Antas de Ulla

Varios / 16.05.23

cartaz cdtrad_maio - pqA Tradescola realizará o vindeiro venres unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o día 19 de maio achegarase ata Antas de Ulla, concretamente ao CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola Lucía Eiros, Branca Villares e Alberte Núñez, no que lles amosarán aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.

Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.

Páxina 3 de 438