Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Xornadas de baile tradicional da AGG - 12 decembro - Vedra

Varios / 01.12.21

cartaz xbaile_2021_web2A AGG organiza o domingo 12 de decembro, unha nova edición de xornadas de baile tradicional. Nelas contaremos con relatorios-obradoiros guiados por Montse Rivera, Pichi Abollado, David A. Cárcamo “Oumaña” e Denise Silva.

Os obradoiros destas xornadas, subvencionadas pola Deputación de A Coruña e coa colaboración do Concello de Vedra, están pensadas tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile tradicional, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición. 

PROGRAMA:

10.15 - Apertura

10.30 – Relatorio - Obradoiro I: “O bailar na Limia e a Baixa Limia, muiñeira e xota” - Montse Rivera

12.00 – Descanso

12.15 - Relatorio – Obradoiro II: “Unha achega ó baile solto en Ameixenda de Cee” - Pichi Abollado.

13.45 – Remate sesión da mañá

16.30 - Relatorio – Obradoiro III: “O baile no Val de Ancares e arredores” - David A. Cárcamo “Oumaña” e Denise Silva

 DATA: Domingo 12 de novembro

LUGAR: Nave da Estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra.

INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

* Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo 5 para inscribirse, e partir desa data si quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de non soci@s, por orde de chegada.

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.

A ASOCIACIÓN DE GAITEIRAS GALEGAS ORGANIZA EN LUGO UNHA XORNADA SOBRE PERCUSIÓN TRADICIONAL

Varios / 26.11.21

cartel obradoirospercusion_peq - copiaA AGG organiza o vindeiro domingo 28 de novembro, en colaboración coa área de cultura do Concello de Lugo, unhas  Xornadas adicada á percusión tradicional, con obradoiros de pandeira, e toque de lata de pementón, ao que asistirán persoas chegadas de distintos lugares de Galicia.

Ás 16.00 horas, Branca Villares impartirá un obradoiro de pandeira, no que amosá a todos os asistentes, distintas técnicas e posibilidades deste instrumento tan caracteristico da comarca da montaña, así como repertorio característico desta zona.

As 18.00 horas, Roberto Rodríguez impartirá un obradoiro de iniciacion ao toque coa lata de pementón no que fará un achegamento inicial ao emprego da lata de pementón no repertorio de cantares para o baile solto e agarrado en Galicia.

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19. A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo. Dende a AGG coidamos imprescindible e necesaria esta cita, xa que calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza na sociedade, e transmitir a súa historia e costumes.

 

Mulleres relevandes da nosa música tradicional no vindeiro Recuncho da Palleta

Varios / 26.11.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Carme López Fernández que nos traerá un novo espazo no que, baixo o nome de referentAs, presentará a mulleres relevantes dentro da música de tradicional.

Este domingo comezaremos con dúas das voces máis recoñecibles das informantes galegas....

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

“ DO TRADI AO TRAP... BAILA MORENA” - Charla - Obradoiro de sensibilización contra a violencia de xénero a cargo de Branca Villares

Varios / 24.11.21

25n 2021-2022_violencia-de-xenero_peq - copiaA Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, organiza para mañá xoves 25 de Novembro ás 19.30 horas no Centrad (Lugo) unha actividade de sensibilización contra a violencia de xénero consistente na charla – concerto que leva por título “ DO TRADI AO TRAP... BAILA MORENA” que estará impartida por Branca Villares e que conta coa axuda da area de Cultura do Concello de Lugo.

Na música tradicional galega, un nutrido grupo de mulleres ten iniciado un proceso de revisión do noso cancioneiro popular. Querendo avanzar na igualdade e na loita contra as violencias, abordan dende o concreto do seu ámbito a seguinte cuestión: “sobre qué estamos a cantar?”

Determinadas mensaxes agresivas son moitas veces naturalizadas, cántanse toleradas coa aura doutro tempo. Ante a necesidade de entendelas no seu contexto, xorde tamén a dúbida sobre a pertinencia de seguirmos interpretando hoxe esas cantigas, lanzando esas mesmas mensaxes.

Este traballo vai polo seu cuarto ano de andaina, e o proceso de debate está a ser un valor en sí mesmo. Entender a historia das desigualdades que sufriron as mulleres que nos precederon a través dos cantos que delas aprendimos é unha lección de vida.

Branca Villares, mestra de música tradicional que ten iniciado co alumnado estes grupos de reflexión colectiva, plantéxase novos xeitos pra extender e propiciar o debate, visibilizar a problemática, e que outros ámbitos se poidan nutrir da experiencia destes grupos de mulleres.

Con mais de 15 anos de experiencia na docencia musical con rapaces e rapazas, Branca Villares plantexa trasladar este debate a toda a sociedade poñendo en valor o relato dos procesos de reflexión das mulleres da música galega e convidar á rapazada a confrontar os contidos dos seus referentes nas músicas urbanas actuais e a sua expresión nas redes. Teñen tamén o pouso da violencia contra as mulleres??

Artellando estes foros de interacción e cuestionamento en espazos tanxibles é onde podemos fomentar o espírito crítico, o consumo responsable ou a asertividade entre os nosos mozos e mozas.

Para esta ocasión, Branca Villares estará acompañada no seu relatorio por alumnado da Tradescola, concretamente por aulas de perfeccionamento de canto tradicional e de pandeira que poñerán a nota musical da actividade.

Esta actividade organízase co obxectivo de promover e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

O aforo é limitado, e accederase por orde de chegada.

"O Toque Pechado" no Recuncho da Palleta deste domingo

Varios / 19.11.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto e a visita de Pablo Seoane para falarnos do seu libro "O Toque Pechado".

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

Gravacións a músicos tradicionais realizadas por Pablo Barreiro, "Premio Honorífico Martín Códax Da Música 2021", no vindeiro Recuncho da Palleta

Varios / 12.11.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con con Gustavo Couto lembrando algunhas das moitísimas e imprescindibles gravacións a músicos tradicionais realizadas, ao longo da súa dilatada traxectoria profesional, por Pablo Barreiro "Premio Honorífico Martín Códax Da Música 2021".

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

A AGG organiza o vindeiro sábado 20 un novo encontro coa "Tradición en Feminino"

Varios / 08.11.21

tradfeminino cartel2021_web0A Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) organiza o vindeiro sábado 20 de Novembro no Auditorio da Baña, unha nova edición do Encontro “Tradición en Feminino”, unha xornada subvencionada pola Deputación de A Coruña que busca visibilizar e reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural.

Para iniciar a xornadas contaremos co relatorio-obradoiro “Foliada na fábrica: as latas de conserva de peixe na música das traballadoras dunha conserveira galega” no que Marilú Campos fará unha breve introdución sobre a situación da muller na industria conserveira galega. Da súa man coñeceremos tamén o traballo de campo a partir do cal reconstruímos o uso das latas de conserva de peixe como instrumentos acompañantes do canto e do baile nas foliadas das traballadoras das fábricas. E a continuación pasaremos a experimentar coas posibilidades sonoras, musicais e artísticas destes instrumentos.

De seguido poderemos asistir ao coloquio “Propostas para a promoción da muller na docencia e interpretación da música tradicional” no que da man de Marina F. Vigo, conversaremos con Marilú Campos, Sara Diz e Carme López.

Xa pola tarde, a xornada continuará co relatorio “A presenza das mulleres nas gravacións da música tradicional galega” da man de Sara Diz, que a través da musicoloxía feminista, falaranos da presenza das mulleres gaiteiras e das mulleres en xeral nas gravacións da música galega. Fará unha análise dos datos obtidos, pasando polos por ques, que factores sociolóxicos e musicolóxicos inflúen nos resultados e de que maneira se van transformando no tempo eses datos.

O peche do encontro correrá a cargo de Carme López e o relatorio “REPENSANDO A TRADICIÓN: Análise dos roles de xénero na música de tradición oral”, no que expoñerá unha serie de feitos concretos relacionados coa música de tradición oral que presentan claras diferenzas no seu desenvolvemento por parte de homes e mulleres. Tratará de identificar, polo tanto, unha realidade que conta con dous eixos diferenciados en canto aos xéneros e conectala con hipóteses que nos aporten un sustento teórico sobre esta cuestión. O obxecto de interese desta charla enfocarase na música de tradición oral e maioritariamente tomando como base informacións encadradas no s. XX, aínda que tamén relacionará certos aspectos con feitos actuais. A ponencia basearase por unha banda na investigación bibliográfica en relación á tradición galega e á perspectiva de xénero e, por outro lado, beberá das experiencias de compiladoras de música de tradición oral recollidas nunha serie de entrevistas. Sendo o obxectivo expoñer unha serie de teorías sobre a existencia e permanencia de roles de xénero en relación á música galega e ofrecer un espazo de debate e comunicación co público.

PROGRAMA:

10.45 – Apertura
11.00 – Relatorio-obradoiro “Foliada na fábrica: as latas de conserva de peixe na música das traballadoras dunha conserveira galega”. Marilú Campos
11.50 Quenda de preguntas
12.00 – Descanso
12.30 – Coloquio “Propostas para a promoción da muller na docencia e interpretación da música tradicional”. Con Marilú Campos, Sara Diz, Carme López. Moderada por Marina F. Vigo

13.30 – Descanso para xantar

16.30 – Relatorio “A presenza das mulleres nas gravacións da música tradicional galega”. Sara Diz
17.20 Quenda de preguntas
17.30 – Descanso
18.00 – Relatorio “REPENSANDO A TRADICIÓN: Análise dos roles de xénero na música de tradición oral”. Carme López
18.50 Quenda de preguntas

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán para inscribirse ata o domingo día 14 de novembro.
A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Para poder chegar a mais público, as xornadas tamén serán retransmitidas en liña na nosa páxina de facebook https://www.facebook.com/aggtradiciongalega onde quedará ademais a publicación compartida unha vez remate o encontro.
Para máis información: Asociación de Gaiteiras Galegas - 986847074/982229966

"De Monterrei A Sarasate: Muiñeiras De Concerto II" no vindeiro Recuncho da Palleta

Varios / 05.11.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez, que nos ofrecerá "De Monterrei A Sarasate: Muiñeiras De Concerto II".

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro unha nova edición das xornadas de percusión tradicional

Varios / 29.10.21

cartaz x.percu2021A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación do Concello de Mesía, unha nova edición das Xornadas de percusión tradicional, con obradoiros de trompa galega, pandeiro, tamboril e pandeireta.

O primeiro dos obradoiros “Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”, a cargo de Francis Olivier, tentará achegar ós participantes a este máxico instrumento e facilitar dun xeito sinxelo, a técnica de percusión e recursos, en diferentes ritmos da nosa música. Descubrindo outra maneira de coñecer a potencialidade armónica que existe no interior da cavidade bucal, grazas a estes “ferriños que tocan”.

De seguido, teremos o obradoiro "'Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man': Introdución á técnica do pandeiro cadrado” a cargo de Noemi Basanta. Este curso procurará realizar un achegamento ao pandeiro cadrado desde diferentes perspectivas. Reflexionaremos sobre a morfoloxía e tipoloxía do instrumento, coa vontade de que os/as asistentes poidan valorar diferentes sonoridades. Alén diso, faremos un percorrido por diferentes ritmos e melodías, ofrecendo recursos técnicos que axuden a resolver posíbeis problemas. A finalidade última é fomentar a autonomía do alumnado e mellorar o seu xeito de tocar. Por ese motivo, as directrices estarán ao servizo do repertorio tradicional mais colocando en primeiro plano, por enriba das peculiaridades de cada zona ou informante, a destreza e a solvencia co instrumento.

Xa pola tarde, abriremos a sesión co “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’” a cargo de Arantza Alfaia no que poderemos ver: _Breve exposición das características do tambor (morfoloxía, afinación e tensado, mantemento e coidados) e baquetas. _Mostra da representación escrita a través da linguaxe musical e/ou outros métodos (fórmulas rítmicas, silábicos…) _Os agarres. Movementos do pulso, utilización de dedos, antebrazo… _Breve mostra de exercicios para construír unha técnica; tipos de golpes e rudimentos. A importancia dos acentos e as dinámicas… Diferentes intensidades e sonoridades asociadas á melodía e ao contexto instrumental. _Padróns para os diferentes ritmos atendendo ás dinámicas e á acentuación e práctica a través de pezas concretas. _Outros padróns con rítmicas diversas para os diferentes ritmos e práctica a través de pezas concretas. _Outros arranxos para os padróns estudados: entradas, saídas, cortes, dinámicas, acentuacións... _Reflexións sobre o traballado.

E para pechar a xornada teremos o obradoiro “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega” a cargo de Guillerme Inácio no que poderemos: _Realizar un achegamento ás variantes do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta, a través da análise de mostras recollidas da nosa tradición oral. _Practicar os diversos toques de muiñeira vella a man aberta que atopamos na nosa tradición, acompañando algúns cantares aprendidos directamente das nosas mestras das aldeas. Aprenderemos: _Toques base para a muiñeira: muiñeira nova VS muiñeira vella. _Muiñeira vella a man aberta: riscado e sen riscar; xeito ibérico e xeito galego. _Exemplos de pandeireteiras que empregan o toque de muiñeira vella a man aberta: parroquias da Ameixenda (Cee), Caldebarcos (Carnota), Carcasía (Padrón), Oín e Seira (Rois),Dimo (Catoira) e Prado de Paradiñas (Vilafranca do Bierzo), entre outras. _Repertorio vocal recollido de informantes dos lugares citados, acompañado do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta. 

A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG e asociacións do Concello de Mesía, que terán preferencia nas inscricións ata o domingo día 7 de novembro, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

PROGRAMA:

10.15 - Apertura

10.30 - Obradoiro I:“Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”. Francis Olivier

12.00 – Descanso

12.30 - Obradoiro II: “Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man”: Introdución á técnica do pandeiro cadrado”. Noemi Basanta

14.00 – Parada para o xantar

16.00 - Obradoiro III: “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’”. Arantza Alfaia

17.30 – Descanso

18.00 - Obradoiro IV: “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega ”. Guillerme Inácio

LUGAR: Casa da Cultura de Xanceda - Mesía

DATA: Sábado 13 de novembro de 2021

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.

O Samaín no vindeiro Recuncho da Palleta

Varios / 29.10.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto que nos falará do Samaín e de distintas tradicións relacionadas con el.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

Páxina 11 de 438