Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Lume na Palleira

Lume na Palleira

PROGRAMA ESPECIAL EN DIRECTO DENDE O ENCONTRO DE TROMPAS NA FONSAGRADA

20.04.07

O Sábado 21 de Abril, emítiuse un programa especial de "Lume na Palleira" da Radio Galega, dende o "I Encontro de Tocadores de Trompa" na Fonsagrada.

Ata alí desprazouse unha unidade móbil para emitir en directo o programa no seu horario habitual de 15:00 a 17:00h. Neste espacio radiofónico que dirixe Emilio Españadero, realizaranse entrevistas aos relatores e participantes no encontro, ademais de ter a oportunidade de escoitar música en directo.

“Lume na Palleira” é un programa da Radio Galega, especializado na música tradicional e folk, que conta cun gran número de oíntes. Esto dará a posibilidade a moitos deles de coñecer o mundo da trompa, así como o traballo de tocadores de trompa que pasaron toda a súa vida espallando o seu son.

Un dos obxetivos da Asociación de Gaiteiros Galegos, é a de ofrecer a todas as persoas interesadas na música tradicional galega, a oportunidade de coñecela máis a fondo. De ahí que a difusión a través da radio do I encontro de tocadores de trompa, permita a moita xente, acercarse a unha parte da nosa cultura da que este instrumento forma parte fundamental.
   

ARZÚA - TERRA DE MELIDE

13.04.07

O sábado, 14 de Abril, o recuncho da palleta estivo dedicado á zona de Arzúa-Terra de Melide, comarcas onde aparece a gaita de catro voces, da que se falou a través da figura dun dos mellores gaiteiros da zona: Manuel Lago Sánchez, gaiteiro de Carelle, Sobrado dos Monxes, quen representa a perfecta imaxe do gaiteiro solista, como manda a tradición.
   

"GRUPOS INÉDITOS"

30.03.07

O recuncho do 31 de Marzo inaugurou, da man de Xaime Estévez, unha serie de programas sobre " grupos inéditos" que por algunha razón non chegaron a editar.

No primeiro Xaime vai a "rescatar" algunha gravación en directo da "Banda de Gaitas do Conservatorio superior de Música de Vigo" que, como sabedes, fundou e dirixíu entre 1983 e 1988. Nesta banda
de gaitas coincidiron no tempo alumnos e alumnas que hoxe son ben coñecidos e admirados. Magoia Bodega ou Ernesto Campos son só unha boa representación dos máis de trinta compoñentes desta agrupación histórica da música galega que non chegaría a editar ningún disco, pero que foron quen de gañar algún que outro certame de bandas de gaitas nos anos oitenta.

De todo isto falamos no programa. O rescate de grupos inéditos é un tema moi importante para a recuperación da nosa cultura, de ahí que aqueles que pensen poden ter gravacións de grupos que non chegaron a editar e que desapareceron, deben tomar conciencia da importancia para a memoria histórica que estas gravacións privadas poden ter, e poñelas en mans de quen poida gardalas e preservalas cando menos para estar a disposición dos investigadores.
   

ARZÚA - TERRA DE MELIDE

23.03.07



Este sábado, 24 de Marzo, o recuncho da palleta estará dedicado á zona de Arzúa-Terra de Melide, comarcas onde aparece a gaita de catro voces, da que falaremos a través da figura dun dos mellores gaiteiros da zona: Manuel Lago Sánchez, gaiteiro de Carelle, Sobrado dos Monxes, quen representa a perfecta imaxe do gaiteiro solista, como manda a tradición.

A gaita de catro voces tan característica desta comarca, ten o máximo de voces que pode ter unha gaita galega: 4 elementos sonoros con ronqueta e chillón.
O ronco emite a nota tónica (Do) do punteiro, dúas oitavas por debaixo. A ronqueta emite a nota tónica (Do) do punteiro, unha oitava por debaixo. O chillón emite a nota dominante (Sol) do punteiro, unha oitava por debaixo. Debido a todo esto necesítase unha gran maestría para tocala, pero deste tema coñeceremos mais no recuncho deste sábado.
   

O FIRME DE BATRIBÁN

16.03.07



O Sábado 17 de Marzo, nos recunchos da Palleta, contamos con Pablo Carpintero que nos falou do Firme de Batribán.

O Firme vive en Batribán, unha aldea que está na zona entre Eo e Navia que, musicalmente falando, está moito máis perto de Galiza que de Asturias. O Firme é un dos grandes gaiteiros desta zona, un home que conta con máis de oitenta anos de profesión gaiteira e que coñece a tradición como a palma da mau.

Escoitamos música de gaita, cantigas e romances dos que o Firme é un grande especialista debido a súa prodixiosa memoria.
   

A PIRUSALDA

09.03.07


O Sábado 10 de Marzo, nos Recunchos da palleta, Pablo Carpintero dounos a coñecer un pouco mais a Pirusalda, un xénero do Norte Peninsular.

A Pirusalda pertence o conxunto de melodías e danzas que só se conservaron na Mariña Central. Foi unha peza moi popular sobre todo na zona de Mondoñedo onde adoitaban a tocala os cuartetos.

Pódese considerar unha estructura rítmica xunto coa muiñeira, xota, muiñeira vella, pateado, maneo, etc., que teñen asociadas unhas estructuras básicas para ser bailadas. Pero si realmente queredes coñecer mellor este tema, non vos esquezades de escoitar Lume na Palleira.
   

"GRUPO DIDÁCTICO" DA UNIVERSIDADE POPULAR

23.02.07


Da man de Xaime Estévez, o sábado 24 de febreiro, nos "Recunchos da palleta", coñecimos millor unha parte da historia da Universidade Popular de Vigo, concretamente o "Grupo Didáctico de Instrumentos musicais Populares Galegos" que se formou nos anos 80.

Este grupo xurdiu a partir da Banda de Gaitas Xarabal, que procurou integrar no seu seo todo tipo de instrumentos. Os instrumentos que empregan foron construídos na súa maioría nos obradoiros da propia Universidade Popular.

Actualmente o “Grupo Didáctico de Instrumentos musicais Populares Galegos" organiza concertos didácticos para explicar as bases da nosa música tradicional en centros de ensino e asociacións veciñais.

Como invitado especial, contamos coa colaboración de Tiano Labraña, gran mestre da música tradicional e unha autoridade dentro do mundo da gaita.
   

CARNAVAL DO HÍO

16.02.07




O sábado, 17 de febreiro, tivemos unha nova edición dos recunchos da palleta, dentro do programa de radio "Lume na Palleira", na que Xosé Gil Dopazo falounos do Carnaval do Hío, un dos máis interesantes da zona do Morrazo.

Este coñecido carnaval celébrase durante tres días: domingo, luns e martes e cada aldea e a súa xente participan nunha comparsa, que no caso do Hío son sete, correspondendo ás aldeas de Donón, Igrexario, Liméns, Nerga, Pinténs, Vilanova e Vilariño. Ademáis a comparsa de cada aldea ten unha banda de gaitas formada por catro, cinco ou seis números que tocan instrumentos tradicionais galegos como gaitas, tambor, pandeiretas e bombo. Estas bandas son contratadas por cada comparsa e son as encargadas de animar a toda a xente a disfrutar do entroido.

Dise dos carnavais da parroquia do Hío que se participas neles un ano non faltas nunca máis e sobre todo que poden participar neles todo mundo sen ningún reparo ás condicións persoais, dende os máis cativos ata a xente máis vella, así que animádevos e a disfrutalos.
   

PREMIO "RECUNCHO DA PALLETA 2006"

05.02.07

O sábado, 10 de febreiro, no programa "Lume na Palleira" fíxose a entrega do premio "Recuncho da Palleta 2006 " e o programa tivo unha duración especial dunha hora.

Os anteriores premios foron concedidos á Editorial Ouvirmos e o Concello de Pontevedra no ano 2004, e ó Concello de Vilar de Santos no ano 2005, polo seu imprescindible apoio (a través do Museo Etnográfico Da Limia) á publicación do Catálogo de músicos da Limia.

   

OS BARRIOS DE CHANTADA

01.02.07




O sábado, 3 de Febreiro, no Recuncho da Palleta, Pablo Carpintero falou dun dos nosos grandes grupos tradicionais: Os Barrios de Chantada.

Esta agrupación que foi fundada en 1894 na parroquia chantadina de Muradelle, existiu de forma ininterrumpida ata hoxe e por el pasaron varias xeracións de músicos populares. A formación conta cun extenso repertorio propio formado por cerca de duascentas pezas, algunhas das cales son interpretadas por músicos de toda Galicia, encontrándose entre elas algunhas tan famosas como o Vals de Muradelle ou o Pasodobre de Esperante. Este amplio patrimonio musical foise acrecentando ó longo dos anos con composicións creadas polos diferentes músicos que formaron parte de Os Barrios.

O grupo está formado actualmente por cinco persoas -Casiano Domínguez, Argimiro Moure, Delmiro Prado, Benigno Gómez e Xosé Lois Rodríguez- e estudian incorporar a músicos xoves que aseguren a súa continuidade.
   

Páxina 7 de 8