Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Varios

Folión de Entroido na Tradescola

cartaz trad_entroido2024O vindeiro martes 6 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.30 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.

O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.30 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

 

Alborada para Rosalía 2024

alborada2024Desde a AGG e a Fundación Rosalía volvemos a organizar para o 23 de febreiro (Día de Rosalía) a Alborada para Rosalía de Castro.

Que este 23 de febreiro non quede ningún recuncho de terra sen o son da nosa música na honra de Rosalía.

Únete ao #DíadeRosalía e celébrao con nós e a Casa de Rosalía homenaxeando a nosa poeta cunha #AlboradaparaRosalía.

Como participar?

Grava un vídeo botando unha peza na honra de Rosalía (podes facelo lendo, cantando, tocando, bailando,...), e logo compárteo nas redes sociais antes ou durante o día 23, co cancelo #AlboradaparaRosalía, e etiquétanos a AGG (@aggtradiciongalega) e a Casa de Rosalía (@FundacionRosalia). Entra no mapa

https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/alboradas-a-rosalia/e coloca a túa localización (onde vas a interpretar a #AlboradaparaRosalía ).

O día 23 compartiremos os teus vídeos para inundar as redes en homenaxe a Rosalía.

Dúbidas? Mándanos un correo a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Onde descargar a Alborada de Rosalía?

Letra:

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2013/02/LetraAlborada.pdf

 (rosalia.gal)

Partitura: 

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2013/02/PartituraAlborada.pdf 

(rosalia.gal)

Manifesto: 

 

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2024/02/manifesto-alborada-2024.pdf

 (rosalia.gal)

Anímate a participar e a difundir esta actividade,

Viva Rosalía! Avante a Alborada!

 

X Memorial Henrique Otero

cartaz memorialho2024_webXa temos cartel da que será a décima edición do Memorial Henrique Otero, anota a data desta cita anual na que homenaxeamos a figura do Gaiteiro do Fragoso.

O vindeiro sábado 13 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á xeografía na obra do mestre. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG, coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán A Seneira (Baiona), a Asociación Folclórica Breogán De Moaña, a Banda de gaitas e percusión da ETRADVIGO, Contiños da Feira (A Coruña), Grupo de gaitas “Cans de Palleiro” S.C.D.R. Helios Bembrive, Narmores, Noitarega, Os Carunchos, Os Terribles De Donas, Raigames, Ruada (Torroso-Mos), Sons do Abrente de Mos e Traspés.

Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gai­tística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na his­toria, os estudos oficiais de gaita ga­lega polo MEC no ano 1977.

Dende a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas gustaríamos contar coa túa presencia neste Memorial, lembra que a entrada é de balde ata completar aforo.

Esperámoste o vindeiro día 13 de Abril !

   

Fondo pesar polo pasamento de Manel, gaiteiro de Son de Lugh

417369747 714364434170822_7455982474534782470_nDende a Asociación de Gaiteirxs Galegxs lamentamos fondamente a perda de Manel e queremos manifestar o noso máis fondo pesar a súa familia e amigos. Que a terra che sexa leve GAITEIRO. DEP.

 

 

Fondo pesar polo pasamento de Manuel Alonso, tamborileiro de Noitarega

manuel alonso - noitaregaA música tradicional está de loito, deixounos Manuel Alonso, tamborileiro de Noitarega e un dos grandes percusionistas tradicionais galegos e mellor persoa.

Dende a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos lamentamos profundamente esta perda, e queremos manifestar o noso máis fondo pesar a súa familia e amigos.

Sempre estarás presente na nosa memoria. Que a Terra che sexa leve. DEP

O funeral oficiarase o xoves ás 16:30h en Sárdoma.

   

Páxina 2 de 529