Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Varios

Concerto didáctico da Tradescola en San Cibrao (Cervo)

cartaz cdtrad_abril cervo - copiaA Tradescola realizará mañá unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia de Lugo. Concretamente, o mércores 19 de abril achegarase ata o concello de Cervo, concretamente á casa da Cultura de San Cibrao, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares do CEIP Península da Paz. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López, Germán Díaz e Jose Manuel López: No concerto amosaránselle aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.

Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.

 

Xornada de Carballesa en Seceda do Courel

xornadacarballesa web - pqA AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 30 de abril, unha xornada sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel.

Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel. Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.

Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas.

E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Xabier Iglesias, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un baile aberto para todos os e as asistentes, coa participación do grupo Airiños da Freba, e rematar o día cunha foliada.

Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable.

Programa Xornada de CARBALLESA

30 de abril de 2023 – Seceda do Courel

11.30 horas - Obradoiro teórico práctico de Carballesa - imparte Xabier Iglesias.

13.30 horas – Xantar. ( Haberá unha cantina que ofrecerá xantar e bebidas a todas as persoas que estean interesadas).

18.00 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona.

19.00 horas – Baile coa actuación do grupo de música tradicional Airiños da Freba.

           Foliada. 

Inscricións para o obradoiro (*): Deberán facerse no teléfono 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a   Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

*O obradoiro é de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG e as persoas da comarca do Courel, que disporán ata o venres 21 de abril para inscribirse, e a partir desa data, se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes por orde de chegada.

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación.

Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.

 

 

 

Fondo pesar polo pasamento de Suso Sousa, o Bombeiro de Os Terribles de Donas

 

suso sousaHoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento de Suso Sousa, o bombeiro de Os Terribles de Donas.

Suso naceu no lugar de Alcouce, en Donas, no ano 48. Suso foi un home moi polifacético, desempeñando ao longo da súa vida numerosos traballos, pero sempre cunha gran paixon pola percusión e pola nosa música tradicional. Esa gran afección, levouno a tocar o bombo no grupo "Os do Val Miñor", a dirixir durante mais de 14 anos o grupo de gaitas "Airiños da Pedramoura" e o de baile "As Brisas da Pedramoura". Aínda que non chegou a tocar na primeira formación de Os Terribles, incorporouse ao grupo no seu rexurdir, e con eles levou a nosa música por innumerables lugares, facendo sempre desfrutar a todo o público que o escoitaba.  

Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Suso, pero sempre o lembraremos coa alegría que o caracterizaba.

Dende aquí queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.

Que a terra che sexa leve Suso!

Hoxe sabado 18 de marzo ás 16.30 horas terá lugar a conducción do cadaver  dende a sala velatorio nº 3 do Tanatorio de Santa Cristina de Sabarís, ao cementerio parroquial de Donas, onde ás 16.45 horas oficiarase a liturxia da palabra, e seguidamente a súa inhumación no cementerio da citada parroquia. 

O funeral oficiarase o luns, día 20 de marzo ás 18.30 horas na igrexa parroquial de Santa Eulalia de Donas.

   

MEMORIAL X ANIVERSARIO – HENRIQUE OTERO “A DANZA NA OBRA DO GAITEIRO DO FRAGOSO”

cartaz memorialho2023okpqO vindeiro sábado 15 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á danza na obra do gaiteiro do Fragoso. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG , coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán a Asociación folclórica Breogán de Moaña, Gaiteiros da Ruada de Torroso, grupo de baile Os ventos de Comesaña, grupo de gaitas “ Cans de Palleiro” e grupo de baile da S.C.D.R. Helios de Bembrive, o grupo de música e baile tradicional Traspés, grupo folk o Son do Río, Juan Pena, con Miguel Nogueira e Margot Otero, No Colo do Vento, Noitarega con Marga García e Isidro Patiño, Os Carunchos, Raigames co grupo etnográfico a Buxaina (Dir. Artur Puga).

Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gai­tística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na his­toria, os estudos oficiais de gaita ga­lega polo MEC no ano 1977.

Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s gustarianos contar coa vosa presencia neste Memorial, lembrade que a entrada é de balde ata completar aforo.

Esperámosvos a tod@s o vindeiro día 15 de Abril, reservade a data!!

 

Alborada para Rosalía de Castro - Anímate a participar

alboradarosalia2023 2 - pqDesde a AGG e a Fundación Rosalía volvemos a organizar para o 23 de febreiro (Día de Rosalía e aniversario do seu nacemento) a Alborada para Rosalía de Castro.
Que este 23 de febreiro non quede ningún recuncho de terra sen o son da nosa música na honra de Rosalía.
Únete ao #DíadeRosalía e celébrao con nós e a Casa de Rosalía homenaxeando a nosa poeta cunha #AlboradaparaRosalía.
Como participar?
Grava un vídeo botando unha peza na honra de Rosalía (podes facelo lendo, cantando, tocando, bailando,...), e logo compárteo nas redes sociais, entre o día de hoxe e o día 23, co cancelo #AlboradaparaRosalía, e etiquétanos a AGG (@aggtradiciongalega) e a Casa de Rosalía (@FundacionRosalia). Entra no mapa (https://rosalia.gal/que.../proxectos/alboradas-a-rosalia/) e coloca a túa localización (onde vas a interpretar a #AlboradaparaRosalía ). Se queres, tamén nolo podes contar por whatsapp nos tlf. 661637696 ou 626705708 ou por correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
O día 23 compartiremos os teus vídeos para inundar as redes en homenaxe a Rosalía.
Dúbidas? Mándanos un correo a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Anímate a participar e a difundir esta actividade,
Viva Rosalía! Avante a Alborada!
   

Páxina 8 de 529