Varios
MEMORIAL X ANIVERSARIO – HENRIQUE OTERO “A DANZA NA OBRA DO GAITEIRO DO FRAGOSO”
16.03.23
O vindeiro sábado 15 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á danza na obra do gaiteiro do Fragoso. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG , coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán a Asociación folclórica Breogán de Moaña, Gaiteiros da Ruada de Torroso, grupo de baile Os ventos de Comesaña, grupo de gaitas “ Cans de Palleiro” e grupo de baile da S.C.D.R. Helios de Bembrive, o grupo de música e baile tradicional Traspés, grupo folk o Son do Río, Juan Pena, con Miguel Nogueira e Margot Otero, No Colo do Vento, Noitarega con Marga García e Isidro Patiño, Os Carunchos, Raigames co grupo etnográfico a Buxaina (Dir. Artur Puga).
Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gaitística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.
Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na historia, os estudos oficiais de gaita galega polo MEC no ano 1977.
Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s gustarianos contar coa vosa presencia neste Memorial, lembrade que a entrada é de balde ata completar aforo.
Esperámosvos a tod@s o vindeiro día 15 de Abril, reservade a data!!
Alborada para Rosalía de Castro - Anímate a participar
13.02.23
Folión de Entroido na Tradescola
13.02.23
Mañá martes 14 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Mañá martes día 14 de febreiro levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.00 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.
Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.
O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.00 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.
Pesar polo pasamento de Cesar Fernández da Fonsagrada
07.02.23
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento de Cesar Fernández (Montixo), da Fonsagrada.
Un home alegre, vital e moi querido por todos, mestre gaiteiro, e un dos mellores tocadores de trompa da contorna.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de César, máis quedaranos sempre os sons da súa gaita e as melodías da súa trompa na nosa memoria colectiva.
Dende aquí queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.
Que a terra che sexa leve!!
FINALISTAS DO IX CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES SOBRE OS INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL “A ZANFONA” - ORGANIZADO POLA TRADESCOLA
21.12.22
Xa temos os finalistas do IX Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola. Nesta edición participaron mais de 200 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da Provincia de Lugo que ademais dunhas grandes dotes artísticas tamén nos amosaron os seus amplos coñecementos sobre a nosa música.
Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acadou este ano a súa novena edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, e axudar a que coñezan os nosos instrumentos e o noso baile tradicional
A todos @s participantes queremos darlles os parabéns polos fantásticos debuxos que nos achegaron, e en especial aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico relacionado coa nosa música tradicional!!!!!!
Os finalistas son:
Julia Vázquez Aneiros – CEIP Illa Verde de Lugo - 9anos
Lois Valcarcel Perez – CEIP Ricardo Gasset do Íncio - 7anos
Rocío Olcese González – CEIP O Cantel – Foz- 9 anos
Carlota Couto Lombán –CEIP O Cantel – Foz- 6 anos
Irea Magdaleno Vilariño – CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos
Mateo Alba Mosquera - CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos
Vera Abel Corral – CPI Dr. López Suarez - Friol - 8anos
Joel Penín Pérez – CPI Dr. López Suarez - Friol – 7 anos
Daniela Basanta Meitín – CEIP Península da Paz – San Cibrao – Cervo – 7 anos
Iria Baltar Canoura - CEIP Península da Paz – San Cibrao – Cervo – 7 anos
E o debuxo gañador do IX Certame de debuxo da Tradescola, foi o de:
Irea Magdaleno Vilariño – CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos
Nos vindeiros días dende a Tradescola poñerémonos en contacto con todas e todos os finalistas para concretar a entrega dos agasallos.
Dende a Tradescola queremos darlles os parabéns a todas e todos os participantes e moitas grazas por participar. Neste enlace podedes ver os debuxos finalistas desta edición
Fondo pesar polo pasamento de Xosé Suárez Rodríguez "O Bombeiro Pepe",
20.12.22
Dende a AGG queremos manifestar o noso fondo pesar polo pasamento de Xosé Suárez Rodríguez "O Bombeiro Pepe", o derradeiro membro dos históricos Morenos de Lavadores, percusionista do grupo dende os anos 50 ata que se disolveu no 73. Unha persoa comprometida coa nosa cultura, que sempre defendeu a nosa música e a nosa tradición.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda. Que a Terra lle sexa leve.
Audición de Nadal na Tradescola
14.12.22
Achegase o Nadal, e o vindeiro xoves dia 15 de decembro a Tradescola fará o primeiro dos actos que temos previstos para estas datas.
Teremos unha audicion de Nadal na capela de Santa María de Lugo ás 19.30 horas, na que contaremos con alumnado de Zanfona, de Acordeón, de Canto e pandeireta, de Pandeira e tamen con alumnado de baile, que nos achegarán unha escolma de pezas tradicionais destas datas, e a maiores contaremos coa maravillosa colaboración do grupo Tundal!!!
Esperámosvos a todas e a todos alí, a entrada é de balde e as prazas son limitadas ata que se complete o aforo!!!
Fondo pesar polo pasamento de Manuel Miramontes Fandiño (Mestre Bartolo)
09.12.22
Hoxe temos que informar dunha triste nova para o colectivo da música tradicional.Dende a AGG queremos manifestar o noso fondo pesar polo pasamento de Manuel Miramontes Fandiño (Mestre Bartolo). Un dos portadores da música patrimonial, namorado da súa terra, e que sempre traballou pola nosa música tradicional tocando e formando a numerosos gaiteiros.
Nacido no 1934 no barrio de San Lázaro, tocou a gaita en Cantigas e Agarimos durante 30 años e no ano1970 fíxose cargo da escola de gaitas no colexio La Salle. Tamén fabricaba gaitas no seu taller á vez que dirixía a banda de Maruxía de Laxe.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda. Que a Terra lle sexa leve.
(Fotografía EC - El Correo Gallego)
Xornadas de Baile tradicional en Vedra - AGG
30.11.22
A AGG organiza o domingo 11 de decembro, unha nova edición de xornadas de baile tradicional. Nelas contaremos con relatorios-obradoiros guiados por Mercedes Prieto, Cristina Canosa e Miguel Sotelo.
Os obradoiros destas xornadas, subvencionadas pola Deputación de A Coruña e coa colaboración do Concello de Vedra, están pensadas tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile tradicional, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición.
PROGRAMA:
XORNADAS DE BAILE
(11 DE DECEMBRO) - Vedra
11.45 - Apertura
12.00 – Relatorio - Obradoiro I
“Bailes raianos” - Mercedes Prieto.
13.30 – Remate sesión da mañá
16.00 - Relatorio – Obradoiro II
“Corte arriba: Recursos para seguir creando. (A Baña)” - Cristina Canosa.
17.30 – Descanso
17.45 - Relatorio – Obradoiro III
“Os bailes en roda: Beariz” - Miguel Sotelo
DATA: Domingo 11 de decembro
LUGAR: Nave da Estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra.
INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
* Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o mércores 7 de decembro para inscribirse, e partir desa data si quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de non soci@s, por orde de chegada.
A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.
Fondo pesar polo pasamento de Juan José Iglesias Pena
28.11.22
Hoxe temos que informar dunha triste nova, dende a AGG queremos manifestar o noso pesar polo pasamento de Juan José Iglesias Pena.
Persoa ben querida do barrio dos Mariñeiros onde pasou toda a súa vida (na parroquia de S. Pedro de Visma da cidade da Coruña). Iniciou as súas actividades musicais en 1978, no seo da asociación xuvenil Xacarandaina; nela aprendeu a tocar o bombo e o tamboril, e integrouse no grupo de danzas co que participou en gran número de festivais en España e no extranxeiro.Formou parte como percusionista do grupo de baile da agrupación cultural Xilbarbeira; e do grupo de gaitas Asubío (ata a actualidade). Durante anos pertenceu ao grupo de mestres gaiteiros que acompañaban ao Ballet Galego Rey de Viana, e foi membro do Grupo de gaitas do IGAEM (co que gravou varios discos). E mesmo colaborou ocasionalmente con outros grupos da época (Os cinco de Galicia, Millo verde, Xiada, ...)
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda.Que a Terra lle sexa leve.
Páxina 5 de 265