Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

Seivane, Premio Nacional Innova

04.12.06


A nova Páxina Web de Obradoiro de Gaitas Seivane, que foi inaugurada o pasado día 3 de novembro, foi galardoada co premio Innova dos Premios Nacionales de Artesanía. O premio é concedido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e prima ós artesáns que afrontan os novos retos do presente e do futuro, aproveitando os medios que as novas tecnoloxías poñen ao seu alcance.

A nova páxina de Seivane, densa en contidos en catro idiomas, dispón, ademais, de un configurador que permite crear, ver a fotografía e coñecer o prezo de calquera das gaitas fabricadas no obradoiro.

O premio será entregado o vindeiro 19 de decembro no salón de actos do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Paseo da Castellana, 160 en Madrid.
   

Presentación da nova páxina web do Obradoiro Seivane

05.11.06


Ás 20 horas do pasado venres, 3 de novembro, presentouse a nova páxina web do Obradoiro de Gaitas Seivane no Salón de Actos da Fundación Luis Seoane da Coruña. A este acto asistiron máis de 100 persoas, a maioría delas relacionadas con mundo da música popular galega, que chegaron de toda Galicia.

Na presentación estiveron presentes Xosé Manuel Seivane, os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel, as súas netas Susana e Sainza, o seu neto Roberto, ademais de Moises Facal, todos eles artesáns que forman parte do Obradoiro de Gaitas Seivane.


Máis información.

   

Festival Interceltique de Lorient 2007

25.10.06

Vimos de recibir a seguinte información de Nacho Ramos.


Logo dunha longa e porfíada reunión do consello d'administració i-o comité do Festival Interceltique de Lorient, tomouse o acordo de voltar a desenrolar este festival nas datas "tradicionaís" tal como se veu facendo, agás neste ano 2006.


Pol'o tanto, o FIL 2007, ano adicado a Escocia, vai desenrrolarse dende o 3 d'agosto hastra o día 12 do mesmo.

Esto quere dicir que, ás "pegatinas" que, eu mesmo veño de doar a moitos gaiteiros e que na data dí: "27 juillet au 5 août 2007", pasan a ser peza pra colecionistas pois o FIL xa ten encarregadas outras coas novas datas.
   

A música do país, contra o terrorismo incendiario, viste de negro

11.08.06

A música do país, contra o terrorismo incendiario, viste de negro

A través desta iniciativa a Asociación de Gaiteiros Galegos quere expresar a súa indignación e rexeitamento contra a actividade incendiaría que está a sufrir o país nestes últimos días.

Sabemos que moitos dos nosos socios están a traballar na medida das súas posibilidades en tarefas de colaboración. Máis aínda, moitas festas terán que ser canceladas. Aínda así, se nesta ponte, a máis festeira do ano, do 12 ao 15 de agosto, vas tocar, cantar, bailar, ... vístete de negro. Deste xeito o colectivo de músic@s e artistas manifestaremos a nosa adhesión coas víctimas do lume, cos traballadores que están a loitar de xeito valente e incansable. Formaremos parte, como sempre fixemos, do movemento social de rexeitamento contra este novo atentado que esta a sufrir o país.

Difunde esta mensaxe. Entre tod@s faremos chegar a todas as vilas, aldeas e cidades esta mensaxe de indiganción e rexeitamento.

Asociación de Gaiteiros Galegos.
Rúa Afonso XIII,7, oficina 8 - 36.002 Pontevedra
Tfno: 986 84 70 74
www.gaiteirosgalegos.com
   

A Xunta activa 24 horas o teléfono 900 400 800 en defensa do monte galego

10.08.06

Santiago, 9 de agosto de 2006.- A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta pon o teléfono do voluntariado, 900 400 800, ao servizo do voluntariado na defensa do monte galego e manterao activo as 24 horas do día. Dende ese teléfono vaise coordinar todo o dispositivo de voluntariado en materia de incendios forestais e vanse intentar canalizar as innumerables mostras de axuda e solidariedade que se están a recibir en todas as áreas do Goberno galego, polas que a Xunta de Galicia expresa a súa máis sinceira gratitude a todas as galegas e os galegos.

Coa activación deste teléfono, o Goberno galego roga a toda a poboación que queira colaborar nestas labores que concentre neste número todas as súas chamadas, para dar os seus datos, para aportar suxerencias ou calquera outro tipo de colaboracións. Este número operaba antes coma o teléfono solidario da Dirección Xeral de Xuventude e agora reconvertirase para atender de forma ininterrompida todas as chamadas dos cidadáns relacionadas co dispositivo contra incendios forestais.

Ademais neste teléfono recolleranse todas as informacións que os cidadáns poidan aportar para contribuír ás investigacións policiais para acabar cos terroristas do lume.
   

Xosé Luís Miguélez falará sobre “O ensino da Gaita Galega”

22.05.06

O gaiteiro ourensán Xosé Luís Miguélez fará a exposición publica do seu traballo de fin de carreira, dentro da titulación superior en “Instrumentos da música tradicional: Gaita Galega” o vindeiro martes día 30 de maio ás 20:00. O traballo leva por título “O ensino da Gaita Galega”.

A presentación terá lugar na aula de historia da música do Conservatorio Superior de Música de Vigo, a entrada é libre. Con esta presentación, dentro da primeira promoción da especialidade, complétanse por fin tódolos niveis de ensino oficial de Gaita Galega.
   

O ESTADO DE SAÚDE DA MÚSICA EN GALIZA

17.04.06

Baixo o título "O estado de saúde da música en Galiza" terá lugar unha mesa redonda o vindeiro Luns 24 ás 20:00 horas no Salón de Actos do Hotel NH Palacio de Vigo, sito na rúa García Barbón 17-19, organizada pola Comisión Comarcal de Cultura do BNG en Vigo.

Cal é o estado de saúde da música en Galiza? Eis a pregunta á que tentarán dar resposta os seguintes convidados:

Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza.

Xurxo Souto, músico e xornalista. Director de programación na Radio Galega.

Oscar Domínguez, Directivo de DISCMEDI.

Ugia Pedreira, música e directora do Conservatorio de Lalín.

Presentará e moderará a Mesa Redonda:
Xosé Paz Antón, deputado polo BNG e membro do grupo NA LÚA.

Como podes ver, administración, medios de comunicación, industria musical e músicos teñen a palabra. Para completar e dar sentido a este acto, falta só a túa presenza.
   

A cultura circula

14.04.06



Durante o próximo mes de maio, a cultura vai circular por toda Galiza baixo a lona de dúas carpas itinerantes, que van acoller moi diversas iniciativas socio-culturais e outras propostas musicais, escénicas, audiovisuais e educativas. Ademais da presenza de artistas profesionais, trátase de crear espazos de participación abertos á sociedade. É por iso que desde a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e desde a Dirección Xeral de Xuventude, animan a compartir as vosas creacións (vídeos, músicas, fotografías), embarcando neste proxecto tentacular.

Podedes participar se tedes entre 12 e 20 anos .

O prazo para enviar os vosos traballos remata o 20 de abril

Toda a información en http://www.aculturacircula.info/

Bases da convocatoria en http://www.aculturacircula.info/media/bases_do_concurso_embarca_na_carpa.pdf
   

O gaiteiro Juan Alonso nomeado vigués distinguido

14.04.06

O concello de Vigo ven de nomear ao gaiteiro Juan Manuel González Alonso vigués distinguido neste ano 2006.

Juan Alonso foi un dos fundadores do mítico grupo "Airiños do Parque de Castrelos". Con anterioridade Nazario González "Moxenas" xa fora galardoado con este premio no ano 1991 e Antón Corral no ano 2001.
   

Curso de Dani Bellón en Madrid

14.04.06

O gaiteiro de Fene Daniel Bellón ven de impartir un curso de gaita dentro da segunda edición da feira gastronómica "Galicia en Móstoles", con grande éxito de crítica e público.

O curso tivo lugar os días 1 e 2 de abril e estivo organizado polo Centro Gallego de Móstoles.
   

Páxina 262 de 265