Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

O Entroido en Chantada e Salcedo, o noso Patrimonio Inmaterial

05.02.10

A vindeira semana terán lugar na cidade de Lugo unhas xornadas adicadas ao entroido en Chantada e Salcedo que están promovidas pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.

O XOVES 11 de FEBREIRO, ás 20:00 h terá lugar unha conferencia no Salón de actos da Deputación de Lugo, na que participarán:
-Xosé Manuel González Reboredo
-Xosé Ramón Mariño Ferro
-Adolfo de Abel Vilela

O día seguinte, o VENRES 12 de FEBREIRO, a partir das 17:00 h terá lugar un pasarúas desde o fondo da Praza Maior até a Deputación de Lugo, que contará con REPRESENTANTES DO ENTROIDO DE SALCEDO (A PÓBOA DE BROLLÓN) E SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA)
   

Antonio García Vila

01.02.10



Informámosvos de que faleceu Antonio García Vila membro de "Os Peruchos".

Atópase no Tanatorio Vigo Memorial, sala 3.

O noso sentido pésame a familia e o noso recordo para Antonio.






   

Clausura da VI Mostra de Cuartetos Tradicionais

01.02.10



A clausura da VI Mostra de Cuartetos Tradicionais celebrouse o pasado sábado cun populoso acto no Museo M. Torres ó que acudiron representantes do Concello, da A. C. Picuiña e da AGG.

Tralas actividades propostas, entre as que se atopaban unha mesa redonda e unha conferencia, da que puderon desfrutar os máis de 150 asistentes, diversos grupos ademáis dalgúns dos alumnos de Landín Pazos, a quen estaba adicada a Mostra nesta edición, tocaron varias pezas nunha emotiva homenaze ó Mestre.

Máis info: www.mostradecuartetos.com

   

Clausura da VI Mostra de Cuartetos Tradicionais

29.01.10


Este sábado 30 de xaneiro terán lugar os actos de clausura da VI Mostra de Cuartetos Tradicionais no museo Torres de Marín coas seguintes actividades:

17:30h Coloquio acerca dos Coros Galegos coa participación de Raúl Galego; Ramón Rodríguez Palleiro “Moncho de Orzán”; Arturo Lamas (Toxos e Frores); Xabier Calvo García (Cantigas e Agarimos).

19:00h Conferencia: Fancisco Landín e "Os de Marín" a cargo de Felipe Rea

20:30 Actuación Musical: Grupos de Marín tocarán pezas do compositor Landín Pazos

Nesta sexta edición, a mostra adicouse a un dos grandes descoñecidos do gran público na actualidade pero que foron o xermolo dunha das primeiras bandas de gaitas de Galicia: Os de Marín, e en especial ao compositor marinense Francisco Landín Pazos. Ao elexir a este cuarteto tamén pretendemos afondar no coñecemento dun fenómeno típico na segunda metade do S.XX, a formación de gaiteiros en escolas no que o factor autodidacta perde valor, gañando moito peso a figura do mestre. Por iso tamén quixemos adicar parte da mostra á figura do Mestre Francisco Landín Pazos, como representante de moitas persoas que sen ser gaiteiros quixeron contribuír, á súa maneira, á difusión da nosa música.

Para máis información visitar www.mostradecuartetos.com
   

Un vaso con Mallou

29.01.10

O gaiteiro Mallou cumpre 85 anos. A súa familia organízalle unha pequena e ben merecida homenaxe á súa traxectoria musical, invitando a todo aquel que se queira achegar ata Casas Novas 16 (Santiago de Compostela) a "tomar un vaso con Mallou" o próximo Luns 8 a calquera hora do día.

É un dos representantes dunha xeración de gaiteiros que viviu a música tradicional como un feito natural, integrado na sociedade de tal forma que a súa transmisión realizábase de xeito oral.

Falar de Mallou, significa falar dun dos referentes fundamentais da gaita e dunha figura imprescindible para coñecer este instrumento na comarca de Santiago.

Por ende, queremos animarvos a acudir a esta fermosa cita, na que recoñecer a traxectoria de quen adicou unha vida de esforzos a prol da Cultura e da Música Tradicional Galega.
   

Manifestación Queremos Galego

19.01.10



Ó igual que o pasado mes de Outubro no que a AGG encabezaba a manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego, nesta ocasión non queremos deixar de animarvos a asistir á concentración que terá lugar o vindeiro Xoves 21 ás 11:30 da mañá na Alameda de Santiago de Compostela.

Coma sempre, animamos a levar os nosos intrumentos para facelos soar polo que é noso.

   

Campaña de Promoción do Museo Provincial de Lugo

19.01.10

A coordinadora da Tradescola, Mónica Fernández, participou na campaña de Promoción do Museo Provincial de Lugo. Esta campaña consta de unha serie de microespazos que se emiten na cadea local TeleLugo e que foron promovidos pola Área de Cultura e Deporte, dependente da vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo. Nesta campaña participaron persoeiros e representantes de entidades significativas da vida social, deportiva e cultural lucense.

Podedes ver o video en:
http://www.museolugo.org/mediateca.asp?mat=46&id=1042
   

ACTIVIDADES QUEREMOS GALEGO

18.01.10

A Asociación de Gaiteiros Galegos, como entidade adherida á Plataforma Queremos Galego, transmítevos a información das actividades que se realizarán na comarca de Lugo.

O pasado martes 12 de xaneiro tivo lugar a xuntanza da Plataforma de Queremos Galego en Lugo, na que se trataron os seguintes puntos:


1. Análise do contido das Bases do Decreto. Fíxose un repaso normativo polos principais aspectos controvertidos tanto a nivel xurídico como pedagóxico e docente, ademais de sindical. Todos os presentes concordaron en que a proposta é inaceptable e a necesidade de difundir o seu contido para informar á xente da necesidade do seu rexeitamento social,


2. Actividades derivadas do rexeitamento.

Acordamos na comarca a realización dos seguintes actos:

- apoiar e secundar activamente a folga convocada pola Plataforma QG a nivel nacional e os sindicatos CIG e STEG;

- realizar un gran acto público o martes, 19 de xaneiro, no salón de Actos da Deputación ás 20.15 horas, de información pública sobre o contido das Bases, mediante unha mesa redonda, onde se acordou a seguinte composición:

Alfonso Rodríguez, representante da FAPACEL (federación de ANPAS de Lugo);
Rubén repressentando ao estudantado (Comités);
Xosé Manuel Cabezudo polo Sindicato STEG;
Carme Vázquez polo sindicato CIG;
María Xosé Rodríguez, mestra de ensino medio;
Luís Villares (voceiro de Xuíces para a democracia) que actuará como moderador.

Preténdese unha exposición breve (5-10 minutos) de cada un deles nos que expoñan dende a súa perspectiva como nais/pais, estudantes, mestres.. as dificultades que pode presentar a aprobación das bases para o bo funcionamento do ensino a todos os niveis, docente, pedagóxico, xurídico, e en relación ao fomento do galego na sociedade.

O acto chamarase: "O borrador do decreto do ensino a debate.. .hai motivos para unha folga?"

- secundar a manifestación nacional prevista o día 21 ás 11. 30 en Santiago, sen prexuízo da cal..

-... a xente moza da cidade celebrará unha concentración á mesma hora diante do Multiusos da Xunta, á que se poderá sumar todo aquel que non poda ir a Compos..

- Ese mesmo día 21 ás 20.15 horas, unhanova concentración diante do Multiusos á que se chama a participar a toda a cidadanía de Lugo e comarca. Trataremos de contar cun grupo que amenice o acto mediante unha performance e algo de música, ademais da lectura do manifesto da Plataforma.


3. Para mover todo o anterior acordamos, e SOLICITAMOS A PARTICIPACIÓN DE TODA A XENTE, o seguinte:

- o luns dar unharolda de prensa en Sargadelos, ás 12 horas, coa voecira comarcal de QG, Marica Campo, os sindicatos convocantes e os estudantes;

- o luns á noite, ás 20.30 horas, realización de pegada de carteis dos actos por Lugo. quedamos diante do Local do BNG, que está na rúa Miguel de Cervantes, detrás das escaleiras que baixan á Estación de tren.

- elaboración de carteis para a súa difusión en papel e en PDF.
   

Constantino de Pasarón Gaiteiro

15.01.10

Falleceu Constantino Álvarez, Gaiteiro de Pasaron en Vilanova de Oscos. Constantino naceo na casa de Diego nas Toleiras (Vilanova de Oscos), casouse pra casa de Minguín en Pasaron, donde viviu a sua vida dedicado a agricultura e ganaderia de subsistencia, vida agraria que compaginaba ca sua faceta de gaiteiro.

Fai unos 14 anos que o grupo de gaitas Brisas del Eo coincidimos tocando en él en Santa Eufemia, xa nos causou sensación escuitalo tocar a gaita.

As ganas de tocar de Constantino non puideron cas trabas da vida: Constantino tiña un dedo inválido e fixo unha calza de coiro pra poder tocar, tampouco podía soplar pra encher o fol da gaita, pro enchía con unha bomba de aire de pedal; o entusiasmo por tocar a gaita puido cas limitaciois físicas.

Tamen era un bon cesteiro.

Era asiduo o encontro de Gaiteiros na Caridá e o Magosto de Teixois en Taramundi. A Asociación Arcangel San Miguel sempre o animou a tocar a gaita e a diginificar o seo repertorio; gracias o empeño de esta asociación e a colaboración de Pelayo e David, especialmente, o programa da TPA "Camín de cantares" dedicoulle un programa dirigido por "Ambas".

Gracias a personas como Constantino, que foron portadoras da música tradicional "de oido", pode seguir a diante a música folk.
O noso sentido pésame a familia e o noso recordo pra Constantino.
   

VI Mostra de Cuartetos Tradicionais

11.01.10

Tras varias edicións colaborando coa A.C. Picuiña na mostra de cuartetos de Marín, a Asociación de Gaiteiros Galegos ponse, por terceiro ano consecutivo, ao fronte da súa organización nesta sexta edición. Unha cita que cremos de vital importancia dentro das actividades que se desenvolven na procura da normalización e dignificación da música tradicional galega.

Nesta sexta edición, adicaremos a mostra a un dos grandes descoñecidos do gran público na actualidade pero que foron o xermen dunha das primeiras bandas de gaitas de Galicia: Os de Marín, e en especial ao compositor marinense Francisco Landín Pazos. Ao elexir a este cuarteto tamén pretendemos afondar no coñecemento dun fenómeno típico na segunda metade do S.XX, a formación de gaiteiros en escolas no que o factor autodidacta perde valor, gañando moito peso a figura do mestre. Por iso tamén queremos adicar parte da mostra a figura do Mestre Francisco Landín Pazos, como representante de moitas persoas que sen ser gaiteiros quixeron contribuír, á súa maneira, á difusión da nosa música.

A exposición terá lugar no Museo Municipal Manuel Torres de Marín. Está integrada por fotografías, recortes de prensa da época, vestiario do cuarteto, referencias visuais da súa zona de influencia e todo elo acompañado de fichas explicativas que faciliten a súa comprensión. A exposición permanecerá aberta durante toda a mostra. O Horario do museo é de 11:00 a 14:00, e de 18:00 a 21:00. Pecha os luns, e os domingos só abre pola mañá.

Venres 15 de Xaneiro (Acto de Inauguración):

- 21:30h. Apertura da Mostra coa actuación de "Voces e Gaitas Fusquenllas"


Sábado 30 de Xaneiro (Acto de Peche):

- 17:30h Coloquio acerca dos Coros Galegos coa participación de Raúl Galego; Ramón Rodríguez Palleiro “Moncho de Orzán”; Arturo Lamas (Toxos e Frores); Xabier Calvo García (Cantigas e Agarimos).

- 19:00h Conferencia: Fancisco Landín e "Os de Marín" a cargo de Felipe Rea

- 20:30 Actuación Musical: Grupos de Marín tocarán pezas do compositor Landín Pazos.

Para máis información visitar WWW.MOSTRADECUARTETOS.COM
   

Páxina 244 de 265