Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

A ASOCIACIÓN CULTURAL CÁNTIGAS E FRORES HOMENAXEA Á RUBÉN GONZÁLEZ.

05.05.10



Rubén González López, gaiteiro e fabricante de palletas de O Incio, será homenaxeado o vindeiro 9 de maio na cidade de Lugo.

Esta homenaxe, que está organizada pola Asociación Cultural Cántigas e Frores, contará coas actuacións da Banda de Gaitas de "Cántigas e Frores", os gaiteiros Bruno Villamor, Juan Parga, Pepe Vaamonde e Gaiteiros do Incio.

O acto terá lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo o día 9 de Maio ás 20.00 Horas.

Rubén González dedicase dende fai 40 anos á fabricación de palletas, moitas das cales foron exportadas a outros países. O seu traballo a favor da música tradicional valeulle varios premios, como o ‘Constatino Bellón, Gaita de Ouro’.

Rubén González foi ferreiro, zoqueiro, traballador en Magnesitas durante 24 anos e mesmo enterrador, e compaxinou todos estes traballos coa defensa permanente da cultura galega.

Foi neto dun membro da banda de Noceda (O Incio) de principios do século XIX, e iniciouse moi novo no mundo da música. Foi gaiteiro en Entrimo (Ourense), en Noceda e co grupo ‘Os Agarimos’.

A día de hoxe non renuncia a seguir tocando e preparando as mesmas palletas que alcanzaron sona mundial.
   

Último Serán da Sala Nasa

04.05.10

O próximao Xoves 6 de maio temos o último serán da Sala Nasa antes do descanso do verán.

Continuamos coa novidade deste ano, "Obradoiro de iniciación ós seráns" que se desenvolverá a partir das 21:30h para que pouco a pouco sexamos máis na pista de baile. Impartido nesta ocasión por Manuel Cebeiro.

E para os demáis bailadores e bailadoras eapallados por Galicia adiante, unha vez rematado este tempo de aprendizaxe, comezará a gran festa ás 22:15h.

Os grupos que van poñer música son:
- Os Republicanos
- Alvariza
- A Arreixeira

E TI POS O BAILE!!

Patrocinado pola Concellería de Cultura de SAntiago de Compostela

   

Pablo Carpintero e Domingo Villar gañan o Losada Diéguez

29.04.10

Recibirán o premio o vindeiro 13 de xuño nun acto previsto no pazo da familia Losada, en Moldes (Borborás).

O xurado da vixésimo quinta edición do premio Antón Losada Diéguez decidiu outorgar os galardóns a Pablo Carpintero Arias, no eido de investigación e ensaio, e a Domingo Villar, en creación literaria.

O primeiro resulta premiado polo seu traballo “Os instrumentos musicais na tradición galega”, unha obra da que o xurado destacou “a súa singularidade ao recuperar un mundo que se está a perder e que abarca todo o dominio lingüístico do galego” e que “é unha contribución singular para salvagardar o noso patrimonio material e inmaterial”, que resulta “amena e adsequíbel para todo tipo de públicos”.

No caso de Domingo Villar, a premiada é a súa novela “A praia dos afogados”. O fallo destaca “a súa excelente construción narrativa, que desenvolve unha trama chea de ritmo que atrapa o lector”, así como “a solidez dos personaxes, en particular do inspector Leo Caldas”. Asemade, subliña a gran capacidade do autor para atraer novos públicos á literatura en galego.

Os gañadores recibirán cada un seis mil euros e un diploma, nun acto que se celebrará o vindeiro sábado 14 de xuño no pazo da familia Losada, en Moldes (Borborás).

www.vieiros.com
   

A PRESENZA DA MÚSICA TRADICIONAL NOS MEDIOS PÚBLICOS

27.04.10

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos queremos facer pública a nosa preocupación pola diminución da presenza da música tradicional nos medios de comunicación púbilcos.

Lamentamos os esforzos que se están a producir por parte do goberno para eliminar os programas relacionados coa cultura tradicional das súas canles habituais; un exemplo é o troco de horario do programa Alalá (TVG), que pasa a ser emitido os xoves ás 23.00 horas, e anteriormente o troco de emisora do programa Lume na Palleira, que emitía a Radio Galega. Os dous programas teñen como protagonistas a persoas, grupos ou asociacións que se dedican á música tradicional ou folk galegas.

A música tradicional forma parte da identidade dun pobo, identidade que se debe resgardar, e con actuacións como as que se están a promover dende os medios públicos galegos, fan que o noso patrimonio cultural, que forma parte de todos os galegos e as galegas, desapareza.

Tanto a televisión como a radio pública galega deberían apostar por manter espazos nos que a música tradicional teña unha presenza significada.
   

Matamá Ensemble presenta o seu espectáculo

27.04.10



Matamá Ensemble é unha formación que aposta pola actualidade e contemporáneidade da música tradicional galega dende unha óptica actual.

Arranxos modernos que escorregan porriba das melodías e clichés coñecidos por todos, unha proposta que evita a indiferencia.

Matamá Ensemble fórmano: Lucía Comesaña (zanfona electroacústica), Noa Vidal (percusións), David Bellas ( saxo soprano), e Xián Herrera (gaita de fol)

Presentan o seu espectáculo na taberna Rianxeira en Matamá o vindeiro venres 30 ás 23:00.




   

VI Foliada de Melide

23.04.10

A Asociación Cultural e Musical O Castelo organiza a VI FOLIADA DE MELIDE os días 24 e 25 de abri. Na que haberá:

SEMINARIO DE PERCUSIÓN PARA CANTO TRADICIONAL:

Seminario de Percusion para Canto tradicional organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos que se celebrará o 24 de abril con Pablo Carpintero e Marita Guiadáns. Deberase enviar o impreso de inscrición, e enviándoo á Rúa Alfonso XIII, 7, oficina 8. 36002 Pontevedra; ou por correo-e a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

O prazo de inscrición rematará o día 20 de Abril ou cando se complete o aforo. En tal caso, aplicarase o criterio de orde temporal de recepción de solicitudes de inscrición. A matrícula é gratuíta.

II CONCURSO DE CANTOS DE TABERNA


O II Concurso de cantos de taberna que se celebrará en Melide o sábado 24 de abril entre as 12:00 h e as 15:00 h.


SERÁN

O mesmo sábado 24 de abril contaremos con 17 grupos para participar no Serán:

1. HERBA GRILEIRA Melide
2. FROITO NOVO Melide
3. AXÓUXERE Melide
4. VAIDARELA Melide
5. ABEANCOS Melide
6. FOL DA CHOUSA Visantoña
7. BINGO BIRÓN Toques
8. A MARISTEL...A Sobrado
9. FIADEIRA Antas de Ulla
10. FALCATRUEIROS Monterroso
11. PANDERETEIRAS Sarria
12. BICO DA BALOUTA Agolada
13. XIRANDOLA Bandeira
14. PAO DE BUXO Silleda
15. D OUTESON Serra de Outes
16. MAGHÚA A Coruña
17. AIRIÑOS GALEGOS Santurtzi

CONCERTOS

O sábado 24 de abril :

-TIRULEQUE
-CÉ ORQUESTRA PANTASMA (home orquestra)

O domingo 25 de abril:

-ARRÁS!

Reservade os días porque a festa está garantizada!!

+ info www.foliadamelide.com
   

Presentación do Seminario de Percusión para Canto Tradicional

22.04.10


Esta mañá tivo lugar en Melide a presentación do Seminario de Percusión para Canto Tradicional que a Asociación de Gaiteiros galegos está a organizar dentro das actividades da denominada Foliada de Melide.

A rolda de prensa asistiron membros da Asociación Castelo de Melide, da AGG e a alcaldesa Socorro Cea, que presentaron este seminario como un dos "pratos fortes" da foliada.

O Seminario de percusión para canto tradicional desenvolverase o vindeiro sábado no Multiusos. Pola mañá, dende as 11 horas, Pablo Carpintero ofrecerá un relatorio sobre a historia e a iconografía dos instrumentos tradicionais galegos, e da tradición musicada que foi transmitida polas mulleres de xeración en xeración. Pola tarde, ás 17 horas, o seminario celebrará a parte práctica, coa intervención de Marita Guiadáns, que tratará de ensinar como se manexan estes instrumentos.
   

II ENCONTRO DE ESCOLAS ADULTAS

21.04.10



O vindeiro Domingo 23 de Maio de 2010 ás 5 e media da tarde
terá lugar, no Local Social da Asociación Cultural Rosalía de Castro
de Cacheiras (Sebe s/n – Cacheiras), o II ENCONTRO DE ESCOLAS
ADULTAS. Nesta edición participan as escolas das seguintes
Asociacións da comarca:

-S.R. San Xoán de Calo (Teo)
-IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.
-Riscadeiras de Laraño (Santiago de Compostela)
-A.C. Pena Maior de Marrozos (Santiago de Compostela)
-Xirandaina (Santiago de Compostela)
-A.C. Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo)

Ademáis, dos grupos anteriores, contarán coa actuación especial de:

-As Pandereteiras de Zobra (Lalín)
-Gaiteiro José Turnes (Santa Comba)

   

Serán do Mar de Rianxo

21.04.10

O V Serán do Mar de Rianxo será o 8 de maio a partir das 20 h. no Campo de Arriba de Rianxo. Unha noite de encontro e festa arredor da nosa música e baile tradicional no que non faltarán alimentos para repoñer as forzas dos bailadores e bailadoras. Agardamos senón hai novidade podelo celebrar ao aire libre, no Campo, a rentes do Concello. Sen embargo está reservada a lonxa (grazas Confraría de Pescadores) por se chove.

Entre outros grupos de gaitas e pandeireteiras están confirmados:

A requinta da Laxeira
Gaiteiros de Liñares
Os campantes da Baña
Novas amistades de Nespereira
As Anduriñas de Pazos de Borbén
O Lecer de Pazos de Borbén
Pandeireteiras de Santa Bárbara de Toutón
Pandeireteirasde A Ermida
Pandeireteirasde San Vicente de Oitavén
As Dignas do Querer de Laxoso (Pontecaldelas)
Pandeireteiras de Regodobargo.

   

19ª Edición das "NOITES DE TASCA" en Tordoia :

21.04.10




O grupo de gaitas "Os Viqueiras de Ordes" ca colaboración da Asociación de veciños de San Xulián de Cabaleiros (Tordoia) organizan a decimonovena edición das Noites de Tasca na cervecería O DOLMEN, na Pontepedra-Cabaleiros, o próximo venres día 30 a partir das 10 da noite.

Contarán ca actuación do grupo OS CARUNCHOS e tamén actuarán os membros da Asociación de San Xulián de Cabaleiros.

E despois, coma sempre, FOLIADA con todos os que se animen a participar.
Agardámosvos.








   

Páxina 239 de 265