Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios

Varios

SON DA LÚA MEIGA

17.12.08

Tentando que a música tradicional, o folk e a música en galego feita en Galicia non sexa un fenómeno cultural estacional ligado ós festivais de verán, e buscando que a música galega forme parte dos momentos de esparcemento de todos os estamentos sociais, celebramos o “Son da Lúa Meiga”, unha continuación do Festival da Noite da Lúa Meiga celebrada no Viso (Concello de Redondela), donde se pretende potenciar a novos talentos da música galega, principalmente no eido tradicional e folk. Contarase con grupos noveis da comarca e da provincia facilitándolles así un escaparate para amosar as súas pezas e as súas interpretacións musicais. Favorecerase tamén que os artistas conflúan nas súas actuacións facendo un final de festa donde colaboren de xeito improvisado dando renda solta á súa creatividade e facendo que os presentes tamén poidan participar subindo ó escenario.

Son da Lúa Meiga é tamén unha xuntanza da xente que vive e enreda no seu tempo de lecer coa música tradicional galega, buscando unha noite donde predomine a festa, donde grandes e pequenos poidan xuntarse a botarlle unhas muiñeiras ou uns agarrados, donde todos nos identifiquemos coa nosa música tradicional en galego.
Celebrarase o sábado 20 de Decembro a partir das 21:30h na Casa do Pobo do Val-Sobral (Soutomaior).

Como non, estades todos convidados e seguro que valerá a pena acercarse pois esperamos montar unha boa Festa Rachada.

Actuarán:
- TRES ESTRALOS
- TANTO NOS TEN
- REGUEIFEIROS TRIOLIRO
Despois, todos aqueles que queiran tocar poderán facer toda a festa que queiran.
   

Actividades de Nadal - Rebulir

16.12.08

A Escola de Baile e Música Tradicional REBULIR ven de presentar o seu programa de actividades para o vindeiro mes de Nadal. A máis destacada será o III Festival de Baile e Música Tradicional Rebulir, que se desenvolverá o día 20 de Decembro, as 19:00 h no Polideportivo de O Picouto contando con grupos de toda Galicia e algún de Portugal.
Este programa seguirá o Sábado día 27, cun obradoiro de Xogos Bailados, dirixido a xente de todas as idades. A cita será as 17:00 h no local de Rebulir situado na Praza de San Andrés – Vilavidal.
Continuando co mesmo o Sábado 3 de Xaneiro teremos a Inauguración da Exposición “Os tempos de antes. Fotografías Antigas do Concello de Ramirás” no Centro Sociocultural de O Picouto, este acto comezará as 18:00h.

Seguindo a ideoloxía da Asociación, ningún dos actos suporá custe algún para os asistentes, xa que a finalidade é facer extensible a cultura a todo o mundo, sen ter que pagar por acceder a mesma.

A continuación exponse un cadro resumo co calendario destas actividades:

- Sábado, Día 20 de Decembro – III Festival de Baile e Música Tradicional Rebulir, as 19:00 h no Polideportivo de O Picouto, con grupos de Galicia e Portugal.

- Sábado, Día 27 de Decembro – Obradoiro de Xogos Bailados no Local de Rebulir, as 17:00 h

- Sábado, Día 3 de Xaneiro – Inauguración da Exposición “Os tempos de antes. Fotografías Antigas do Concello de Ramirás”. As 18:00 h no Centro Sociocultural de O Picouto.
   

V Día do Orgullo Gaiteiro

04.12.08

O sábado 13 de decembro, a AOFT-Gomes Mouro, en colaboración coa Tenencia de Alcaldía do concello de Ourense, o Auditorio municipal de Ourense, La Caixa e a Radio Galega, organiza o "V Dia do Orgullo Gaiteiro". Será na sala anexa do Auditorio municipal de Ourense.

Esta edición do Dia do Orgullo Gaiteiro está dedicada en homenaxe a Ermelinda Seguín Matías "Ermelinda do Muiño", de Sarreaus. Na mesma entregaráse o premio novas Iniciativas ao Proxecto Ronsel, que en recentes datas celebrou a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial na capital das burgas, actividade na que colaborou a Asociación de Gaiteiros Galegos.

O programa completo da xornada inclúe charlas, obradoiros, concertos e rematará cunha cea de confraternización á que se poderá asistir previa reserva de praza.

PROGRAMA

-16:00 a 18:00 Emisión de Lume na Palleira en directo con Emilio Españadero
-18:15: a 19:00 Charla didáctica e audicións "O Acordeón diatónico na Galiza" con Félix Cástro e Xoán Pedro Blanco.
-19:00 a 19:30 Acto Homenaxe: a "Ermelinda Seguín Matías", cantareira de Sarreaus, e Premio novas iniciativas o "Proxecto Ronsel" de salvagarda e Posta en valor do patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.
-19:30 a 20:00 Antón Castro, "De Contar e de Cantar"
-20:00 a 21:00 Actuación do Grupo "Tanto nos Ten"

As 21:30 Cea do Orgullo no Restaurante Oira Praia, (estrada de Oira nº 20) Precio da Cea 18€, (15€ para Alumnos e asociados da AOFT). Apuntarse antes do martes 9 de decembro, inclusive, no teléfono 654173524.
   

Cultur.gal 08

27.11.08

O Cultur.gal 08, Feira Galega das Industrias Culturais, terá lugar en Palexco, A Coruña, do xoves 4 ao domingo 7 de decembro. Esta é a súa segunda edición (o ano pasado celebrouse en Pontevedra) mais esta é a primeira vez que conta cunha ampla representación dos sectores produtivos da cultura galega: literatura, audiovisual, artes escénicas, música e novas tecnoloxías. De entre todos eles, a música vai ter unha destacada presenza. Non só haberá stands de empresas musicais, senón que haberá 15 showcases que ofrecerán as últimas novidades da música galega e un espectáculo musical, o "Music.gal" que constitúe un dos pratos fortes da Feira, ademais dun CD promocional da música galega que se distribuirá por todo o país na campaña de Nadal.

O Cultur.gal acollerá tamén as II Xornadas da Industria Musical Galega. Unhas xornadas que dan continuidade ás que se celebraran o ano pasado no Auditorio de Galiza. Daquela o público asistente ratificara nas enquisas de opinión a necesidade unánime deste tipo de encontros que lle permitan ao sector manterse ao día ao tempo que se interrelacionan e debaten. A organización desta segunda edición correu a cargo das asociacións do sector, AGEM e AGAPHONO e, ademais de conferencias e mesas redondas, ofrecerán a posibilidade de participar nun par de "meeting points" para interaccionar directamente cos conferenciantes das xornadas.

O prazo para a inscrición nas xornadas (de entrada gratuíta mais previa inscrición) remata o próximo domingo día 30.


Información e inscrición na seguinte ligazón: http://www.culturgal.com/actividade.php?id_a=10
   

VI encontro de pandeireta galega e asturiana

17.11.08

O sábado 29 de Novembro celébrase en Sabucedo (A Estrada) o VI encontro de pandeireta galega e asturiana. O programa inclúe actuacións, cea de confraternización, foliada e a posibilidade de reservar aloxamento no albergue de Sabucedo.

PROGRAMA

20:30 Recibimento no albergue de Sabucedo.

21:30 Cea de confraternización.

23:30 Actuacións: "Pandereteres de Fitoria" e "Os muiños de Oliveira", seguido de festa aberta á participación dos presentes.

Para asistir ao Encontro é precisa unha inscrición previa, xa que as prazas son limitadas. O prezo por persoa é de 25€ coa cea incluída ou de 40€ con cea, aloxamento e almorzo no albergue. Para máis información e inscricións poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
   

MAGOSTO EN CASTRELO DO VAL

13.11.08





O sábado 15 de novembro de 2008 no Campo da festa de O Terrón en Castrelo do Val.
A partir das 12h Campionato de Xogos Populares
con agasallos para tod@s @s participantes.
A partir das 18h Magosto Popular
con castañas, chourizos asados, viño e gran queimada final.





   

6ª Noites de Tasca en Ordes

13.11.08








O venres 28 de novembro, no Rincón do Pincho de Ordes, .celebrarase a 6ª edición das Noites de Tasca organizadas pola Asociación de Gaitas Os Viqueiras de Ordes.
Nesta ocasión será Carlos do Viso quen interpretará Coplas de Cego a partires das nove da tarde.
Despóis, coma sempre, haberá foliada.
Tódolos participantes levarán un agasallo.
   

II Xornadas de Xogos Tradicionais

20.10.08










Convivencias interxereacionáis e lingua.

Organizadas pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, celebraranse en Estás o domingo 19 de outubro, a partir das 12:00horas.

Ó longo do día haberá actividades para nenos e maiores e unha charla sobre o tema a cargo da A.G.X.P.T.

Ás 14:00 horas, previa inscrición, poderase disfrutar dunha comida na cafetería do centro por 10 € que consistirá en lacón con grelos, patacas, bebida e sobremesa.
   

Himno de Galicia: Versión Corrixida

06.10.08

Hai tempo, foi publicada no portal da Asociación de Gaiteiros unha nova respecto dun traballo de Suso Vaamonde e Iván Area en procura da versión oficial da partitura do Himno de Galicia.

Nova sobre a partitura oficial do Himno de Galicia

Tras varias revisións, foron detectadas diversas erratas por partes dos autores. Unha vez resoltas, achegamos de novo as partituras e indicamos os compases que sofren algunha variación respecto do publicado anteriormente:

Na partitura do himno que aparece no libro "Normas Institucionais de Galicia", no compas 2 cámbiase o "si" da voz grave do piano por un "re", e no compás 30 elimínase un "do" da voz aguda do piano.

Na partitura do arranxo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, nas voces de ambas gaitas, no compás nº 34, no canto de "branca e negra" é "negra con puntiño, corchea e negra".

Partitura do arranxo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero

Partitura do himno que aparece no libro "Normas Institucionais de Galicia"
   

FIN DE SEMANA DE ACTIVIDADES TRADICIONAIS EN "O FIADEIRO"

03.10.08

A Asociación Cultural e Folclórica convida a toda a cidadanía a practicar as diferentes disciplinas de música, baile e artesanía tradicionais. Será o sábado 4 e domingo 5 de outubro con motivo da celebración das VII Xornadas de Portas Abertas

A A.C.F. O Fiadeiro celebrará esta fin de semana as VII Xornadas de Portas Abertas. Durante o sábado e o domingo O Fiadeiro convida a todas as persoas a achegarse e practicar as diferentes disciplinas tradicionais que a asociación recupera e pon en valor desde fai máis de 10 anos.

Os obradoiros son completamente gratuítos, dunha hora de duración e dirixidos por recoñecidos mestres das artes tradicionais como Francisco Feijoó (baile), Rafael Crespo (gaita) Sandra Diéguez (pandeireta) e Begoña Martínez (Costura e pasamanerías), entre outros.

Durantes dous días os participantes terán a oportunidade de dar os seus primeiros pasos de baile, coñecer as improvisacións tan características dos seráns ou coñecer diferentes estilos de muiñeiras e xotas. Na área musical haberá obradoiros de gaita, acordeón, guitarra, canto e percusión. Un obradoiro específico estará adicado ás novas xeracións de bailadores, será o sábado pola tarde de 16.00 a 17.00 cando terá lugar o obradoiro tradicional para nen@s. Obradoiros de costura e pasamanerías, debuxo e pintura, aerobic e relaxación completan a oferta das xornadas para esta fin de semana.

As persoas interesadas poden inscribirse chamando aos tfnos. 986 253 585 - 629 585 355, enviar un e-mail a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou achegarse directamente polo local social antes da celebración de cada obradoiro, ubicado na rúa Pombal nº38 (no Calvario, detrás da igrexa dos Picos). Todos as actividades son gratuítas e as prazas limitadas.

Novo Curso
As Xornadas marcan o inicio do novo curso na escola da A.C.F. que este ano continúa coas súas actividades e espectáculos tradicionais nos eidos da música, bailes e artesanía pero tamén cun novo espazo para as persoas de idade máis avanzada con novos cursos como son ximnasia de mantemento, 3ª idade e relaxación.


Para calquera dúbida ou ampliar información poden poñerse en contacto con:
Raquel Barredo – tfno. 986 253 585 / 629 585 355
Secretaria A.C.F. O Fiadeiro
   

Páxina 223 de 233