Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios

Varios

A FEIRA DE 1908

16.06.08

A Asociación "Lume de Sarria", como organizadora das Festas do San Xoán 2008, esta a preparar unha representación multitudinaria na zona máis antiga da Vila, para a fin de semana do 21 e 22 de Xuño. Nesta Feira haberá máis de 40 postos de Artesanía, un gran Mercado Agroalimentario con productos Ecolóxicos, 20 Músicos Tradicionais animando as rúas, unha Exposición Permanente de Instrumentos Antigos e Traxes Tradicionais con fotos da época, un programa de actividades continuas os dous días para nenos e maiores (xogos tradicionais, baile, charlas didácticas,...), Obradoiros permanentes sobre Oficios Tradicionais Galegos, postos de comida e bebida para os visitantes e a colaboración e participación das Asociacións Culturais da Comarca. E o sábado, emisión en directo do programa da Radio Galega "Lume na Palleira" dende a propia Feira con:

-Presentación en directo do Novo Disco de Xarín "Galaguech"
-Presentación da fotobiografía sonora sobre Celso Emilio Ferreiro a cargo de X.M. Aldea.
-Monográfico: "O acordeón diatónico no século XX", a cargo de Pedro Branco coincidindo coa súa exposicón de acordeóns diatónicos na mesma feira.
-Presentación do libro recentemente publicado "Para Cantar e bailar" de Luis Prego, sobre xogos de baile tradicional cantados.

ADEMÁIS, o domingo 22 pola noite celebrarase un festival coas actuacións de:

- A Charanga de Ultreia
- Os Carunchos
- A Turres Band
- A Tuna Rastafari

Programa Completo
   

Festa Fin de Curso Escola Rebulir

11.06.08

A Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir, organizará o día 21 de Xuño a xornada de despedida do curso 2007-2008. Para elo, propón un programa de actividades que a continuación se describen :

* 11:00 h - Obradoiro de Intrumentos tradicionais Vexetais.

- Imparten : Grupo Os Chichisos de Pontevedra
- Lugar : A Pontenova - Ramirás
- Mátricula : Gratuíta. 20 persoas por orde de inscripción

* 14:00 h - Comida de Alumnos e Amigos de Rebulir
- GRATUITA, xa que se fai cargo dos gastos da mesma O Concello de Ramirás.
( Inscrición antes do 15 de Xuño )

* 17:00 h - Actuación dos Grupos da Escola Rebulir
- Lugar : Praza de San Andrés ( Vilavidal )

* 18:00 h - Despedida do Curso 2007-2008 cun discurso do Director da Asociación

Estas actividades estas patrocinadas polo Concello de Ramirás, coa especial colaboración do Grupo Os Chichisos de Pontevedra.


Plano de situación
   

III FESTA DA CONROBLA

04.06.08

A Agrupación Folclórica Os Santiaguiños de Boimorto celebra os vindeiros 4 e 5 de Xullo a III Festa da Conrobla.
A conrobla era unha festa que se celebraba fai anos ó remate de calquera actividade, tanto relacionada coa vida no campo como na vida cotiá. Na zona está máis relacionada esta tradición ó tempo da malla. Unha vez que se acababa de mallar nunha aldea, entre todos os veciños que participaban nelas facían unha festa na que non faltaba nin gaiteiros nin bailaríns, e por suposto había viño e comida a encher, esto prolongábase ata que o corpo aguantase.
A data límite de inscrición é o 24 de xuño.
Convidan á cea aos músicos e bailaríns participantes.
Haberá churrasco a precio económico para toda a xente que nos queira acompañar e que non estea na cea de grupos.

Para anotarse chamar ós seguintes teléfonos: 654 203 169 ou 981 51 61 13 (Mª Carmen)

A programación prevista para este ano é a seguinte:
VENRES 4
10 da noite: Lectura do pregón no Campo do Rosario (Boimorto)
Invitación á queimada e combinado infantil
SÁBADO 5
11 da mañá: Pasarrúas co grupo Maristela (Sobrado dos Monxes)
6 da tarde: Xogos populares (estornela, carreira de sacos, zancos e corda) no campo da piscina municipal. Haberá trofeos para os mellores.
9 da noite: Cea con churrasco e callos.
10 da noite: Abrindo a romaría, actuación de MINI E MERO.
E de seguido… todos nos!!

Máis información...
   

IX ENCONTROS MÚSICA TRADICIONAL

03.06.08

O próximo sábado 7 de xuño celébrase no incomparable marco do Mosteiro de Carboeiro (Silleda) unha nova edición dos Encontros de Música Tradicional. O programa de actividades dura todo o día quedando do seguinte xeito:

13:00- SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra

· Subasta das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA acompañada polos cabezudos de Viravolta
· “A VODA” pola compañía VIRAVOLTA (Lalín)

APERTURA DAS EXPOSICIÓNS:
· “PAN PAN PAN DEI” Monográfico pandeiretas, pandeiras e pandeiros
· MUSEO DA MARIONETA, CASA DO TÍTERE (LALÍN)
· Presentación de “TEMPOS MODERNOS” (historias de amor) de Celso F. Sanmartín
· ”OS MONOS DE LAXEIRO“ da biblioteca do Ies Laxeiro de Lalín. Investigación e coordinación de Manuel Igrexas

FEIRA DE ARTESANÍA: Coiro, títeres, cerámica, porcelana,recíclexe, abalorios…

15:00- XANTAR POPULAR (empanada, carne ó caldeiro, postre, pan, viño/auga, café e ghotas –10 Euros)

DURANTE A TARDE:
· Xogos Tradicionais para cativ@s e maiores
· “CANTOS CONTIÑOS CONTAMOS” Celsiño F. Sanmartín.
· Grupo da 3ª Idade da aula municipal de teatro “ANXO CASAL” de Arzúa
· Cousas de cregos en Galiza e Portugal“A SAIA DA CAROLINA” de Fantoches Bag
· Cantos galego-guaranís do dúo KERESU

E ó que se vaia facendo de noite…Foliada ata que o corpo aguante!
Haberá zona de acampada á beira do rio Deza. Máis información no teléfono: 658 628239
   

X Aniversario da escola de Música Tradicional da Baña

20.05.08

O vindeiro 23 e 24 de maio celebrase o X Aniversario da escola de Música Tradicional da Baña co seguinte programa:

Venres ás 21:00 h. na Casa da Cultura de San Vicente, a Baña:

- Obradoiro de regueifas con Benito Lobariñas e Josiño ( o Xordo e o Caco).

- Concerto didáctico con Pablo Carpintero.


Sábado ás 20:30 na Praza do Concello de San Vicente:

- Grupo de Gaiteiros "Os Pequenos da Baña".

- Escola de Baile Tradicional da Baña.

- Charanga Os Campantes da Baña.
   

SEMENTEIRA EN VALGA

25.04.08

O próximo mércores 30 de abril, a partires das 11h da mañá, organizado polo departamento de Cultura do concello de Valga en colaboración coa Asociación da Terceira Idade Axentiva e os colexio de Primaria Xesús Ferro Couselo, celébrase a Sementeira na finca “O Pradiño” situada no lugar de Loncras, Ferreirós – Cordeiro (Valga).

Levarase a cabo todo o proceso de elaboración do pan: SEMENTEIRA, COLLEITA, MALLA, VERUTO, MOENDA, AMASADO, ROMERÍA NA CANDIEIRA e EXPOSICIÓN tentando reflexar fielmente a realidade. Para iso cóntase con membros da asociación Axentiva (os maiores) que son os que viviron toda esta tradición e están moi ilusionados con poder aportar o seu coñecemento para esta experiencia.
Todos os participantes irán ataviados con roupas da época e usaran os apeiros de labranza antigos. Un grupo de pandereteiras intervirán en cada actividade, situándose na entrada da leira.

Na sementeira usaran arado de pau e vacas, dividindo a leira en dúas partes. Nun lado sementarán os maiores e noutro os nen@s cos seus mestres. Para a colleita usaranse fouciños e carro de vacas para levar a palla ata o colexio “Xesús Ferro Couselo”. Alí deixarase uns días para despois levar a cabo a malla que se fará cos manles, en grupos de cinco persoas. Según se remate a malla, irase facendo o palleiro e separando os grans do trigo que quedarán a secar uns días. Verutarase nas peneiras e levarase ao muíño de auga. Unha vez traída a fariña voltarase verutar. Nos colexios, maiores e pequenos amasarán, e faranse bólas pequenas de pan que cada neno levará para a súa casa.
Como remate final celébrase unha romería na Candieira (toxeira rodeada de piñeiros). Faranse empanadas, rapotes, biscoitos e roscas co trigo sementado. Cantarase e bailarase ó son das nosas pandereteiras.
Péchase a actividade cunha exposición final no Auditorio de Cordeiro, onde con medios audiovisuais e fotográficos faremos un percorrido por todo o proceso ó mesmo tempo que mostraremos os apeiros utilizados.
   

IV FOLIADA DE MELIDE

23.04.08

A Asociación Cultural Castelo de Melide preséntanos o programa da IV Foliada. Será o próximo domingo 27 de Abril no pazo de congresos e exposicións de Melide. A Asociación de gaiteiros Galegos participará na mesma organizando ese día o III Seminario de Palletas e Pallóns para Gaita Galega.
O programa complétase do seguinte xeito:

11:00 CONFERENCIA no Edificio Multiusos "III Seminario de palletas e pallóns para gaita galega" - Organiza: Asociación de Gaiteiros Galegos
11:00 Apertura MOSTRA DE ARTESANÍA e EXPOSICIÓNS:
- A Galicia enxebre: visión xeral - Organiza: Asociación Cultural e Musical O Castelo
- Os xogos populares (Obradoiro) - Organiza: Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional
- Mostra biblio-discográfica da música tradicional galega - Organiza: Escola de gaita e percusión galegas Axóuxere
- Exposición fotográfica sobre o desastre no río Catasol e as xornadas de limpeza - Organiza: Asociación de troiteiros Río Furelos
12:00 TÍTERES TRES GLOBOS de Melide presenta a obra “O sapo encantado”
13:00 ACTUACIÓN da Banda de gaitas Estivada de Calo
13:30 MOSTRA DE BAILE TRADICIONAL - Asociación Cultural Deportiva A Meda do Castro (Sada)
14:00 OBRADOIRO tradicional “A forxa”
15:00 XANTAR POPULAR
17:00 CONTOS QUE NON FALTEN - Contos e historias de tradición oral. Celso F. Sanmartín
17:00 OBRADOIRO - Construcción de xoguetes sonoros. Luciano Pérez
18:00 ACTUACIÓN - Tino Baz. Cantor de música tradicional e poesía galega
20:00 MARCHA GAITEIRA. Percorrido pola vila
- Agrupación Folclórica CASTELO (Melide), Escola de gaita e percusión galegas AXOÚXERE (Melide), Gaiteiros FROITO NOVO (Melide), OS MELIDAOS Gaiteiros (Melide), Grupo de gaitas A MARISTELA (Sobrado), Grupo de gaitas BICO DA BALOUTA (Agolada), Grupo de gaitas CHARAMELA (Antas de Ulla), Grupo de gaitas PAO DE BUXO de Saídres (Silleda)
21:00 SERÁN
23:30 ACTUACIÓN - Pablo Seoane Grupo
A media noite QUEIMADA de balde para tod@s @s asistentes
   

INAUGURACIÓN DO NOVO PROXECTO MUSEOGRÁFICO DO I.N.L.U.D.E.S.

12.03.08

Despóis dun tempo adicados á renovación do obradoiro e arquivo de documentacion musical do Centro de Artesania e Deseño do I.N.L.U.D.E.S.-Deputación de Lugo, finalmente terá lugar a inauguración do novo proxecto museográfico, levado a cabo cos fondos reunidos ao longo destes anos e producto de depósitos, doazóns, adquisicións e producción propia.

O dinamismo, a creatividade, a plena vocación de servicio e a versatilidade do equipo do Centro de Artesanía e Deseño fan posible que sexan cada vez mais os interesados, implicados e beneficiarios dos proxectos levados a cabo dende os seus obradoiros.

Trátase de continuar co mesmo espíritu de conservación e investigación levados a cabo estes anos, pero cun marcado interés en chegar a todo tipo de visitantes e para elo, propóñense novos obxectivos en canto a divulgación dos contidos, para o que se está elaborando material didáctico para un futuro próximo.

O acto oficial de inauguración será o xoves, 13 de Marzo a partires das 19.30h. no que se poderá coñecer as novas instalacións e proxectos que esperan ofertar.
   

OBRADOIRO DO TRAXE TRADICIONAL

03.03.08

O mércores día 12 de Marzo, a Escola de Baile e Música Tradicional "Rebulir" do Concello de Ramirás, organiza un obradoiro que terá como tema central o Traxe Tradicional. A continuación indicamos a ficha da actividade :

Data: Mércores 12 de Marzo de 2008
Hora: 19:30 h
Lugar: Centro Sociocultural de San Andrés. Vilavidal - Concello de Ramirás.

Dito obradoiro ten como finalidade axudar a pais e alumnos, e a todo aquel que lle interese o tema, a saber vestir o traxe tradicional galego e distiguir as distintas partes do mesmo, asi como axudar a ver diferentes tipos.

Para mais información:
Escola de baile e música tradicional REBULIR. Centro Sociocultural de San Andrés S/N .CP: 32810. Vilavidal - Concello de Ramirás - Ourense
Teléfono : 639 90 80 05
Correo Electrónico : Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
   

O GRUPO OS MONTES RECIBIRÁ, EN LUGO, UNHA HOMENAXE O SÁBADO 1 DE MARZO

28.02.08

A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza o sábado día 1 de marzo ás 20:00 horas, no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo, unha homenaxe ao mítico grupo lucense Os Montes. Esta homenaxe enmarcase dentro das actividades organizadas por Cántigas e Frores co gallo do seu 60 aniversario e será un acto aberto ao público. O recoñecemento á laboura destes músicos, que durante décadas dignificaron a música tradicional, será a razón de ser deste encontro que contará coa presenza de Jaime Barreiro, Secundino Penado, Manuel R. Ferro e Manuel Redondo Piñeiro, todos eles membros de Os Montes e, auténticos protagonistas da xornada.

No transcurso da homenaxe representantes da Asociación Cultural Cántigas e Frores entregaranlles, aos excompoñentes de Os Montes, un agasallo conmemorativo como agradecemento ao seu traballo, co cal a cidade de Lugo puido presumir dun dos grupos de gaiteiros máis afamados do país. Durante o acto anunciarase a solicitude que, dende a Asociación Cultural Cántigas e Frores, se lle fixo ao Concello de Lugo para que unha rúa da cidade leve o nome de Os Montes.

Para rematar haberá unha actuación na que a Banda de Gaitas de Cántigas e Frores, o cuarteto Andaina (Lugo) e o cuarteto de gaitas de Cantigas e Frores interpretarán, entre outras, pezas do repertorio de Os Montes.
   

Páxina 220 de 228