Varios
Os gaiteiros veteranos máis mediáticos da Fonsagrada
23.04.12
Hai doce anos, Manuel Fernández, o fotógrafo local da Fonsagrada, gravou un DVD, Vos gaiteiros de sona, con dez dos máis coñecidos da zona, todos eles na etapa da xubilación. Agora a Editorial Canela acaba de presentar un libro Manuel Enríquez Fernández, Nela de Bres, un popular músico de Taramundi, que inclúe un disco no que participaron cinco gaiteiros fonsagradinos. Nela acode frecuentemente ao municipio lucense para reunirse cos seus colegas en comidas e celebracións que sempre acaban con música. Tamén teñen a característica común de superar os 80 anos.
No cedé que regala Canela co libro, Nela de Bres interpreta varias pezas cos fonsagradinos Modesto Arias, de Murias dúas Baos; Otilio Fernández, da Burela; Constante Fernández, de Vilar de Calvos; Desiderio Sampayo, do Mazo de Acebo pero agora residindo na Pontenova, ademais de César Fernández, de Queixoiro, que tocou a trompa.
O obxectivo do libro agora editado é unir a música de toda a zona da montaña lucense e asturiana. En realidade, para os músicos fonsagradinos e para o protagonista do libro non é nada estraño, dado que desde hai tempo reúnense de cando en vez, xeralmente na Fonsagrada, celebran unha comida que sempre finaliza cunha animada sesión de música. Outras veces tocan nun bar ou en calquera outro sitio.
Prema no título para ver a nova ao completo
Fuxan os ventos leva o V Premio Andaina Senlleira de La Opinión
23.04.12
A quinta edición do Premio Andaina Senlleira do xornal La Opinión recoñece a traxectoria de Fuxan os ventos. Segundo publica hoxe o xornal, a organización do galardón decidiu galardoar un traballlo que "vai alén do apartado estritamente musical" xa que "as letras das súas cancións nunca refugaron subliñar as problemáticas sociais e políticas existentes en Galicia". O grupo recollerá o premio na gala dos Premois Opinión de Música Folk, que se celebrará o vindeiro mes de maio. Precisamente en 2012 cúmprense 40 anos do nacemento deste grupo fundamental na historia da música tradicional do país.
Anxo Lorenzo, na Galicische Woche
20.04.12
Convertida en tradición despois de 28 anos de celebración, a Semana Cultural Galega (Galicische Woche) é o punto de encontro entre emigrantes residentes no exterior, transeúntes e cidadáns de Frankfurt, ademais dun referente para difundir a cultura galega e aprender doutras culturas participantes. "A multiculturalidade que ofrece a cidade de Frankfurt é un dos factores máis importantes que ten en conta a directiva do Centro Cultural Galego á hora de organizar un evento destas características", sinala o seu presidente, José Ramón García Tomé, consciente de que "compartir e difundir a nosa cultura na diáspora require un gran esforzo e traballo constante".
Este ano, a cita é do 27 ao 30 de maio, e a organización aposta "polo intercambio cultural con outros países coa finalidade de reflexar o traballo que cada centro realiza desde o exterior". E nese cometido, coa gaita convertida en embaixadora da música galega no exterior, apostan polo gaiteiro moañés Anxo Lorenzo, gañador no festival folk máis importante da Alemaña, como figura da Semana Cultural, que tamén aposta pola fusión e a diversidade de culturas e países, como é o caso da participación de Portugal.
Ademais de música, nos diferentes pavillóns poderanse degustar diversas especialidades da gastronomía galega, española e internacional, que sirva de complemento ao obxectivo principal, que é dar a coñecer a proposta cultural, gastronómica, turística e musical galega no exterior "e crear interese pola nosa cultura, xa que Galicia ten moito que ofrecer", recalca José Ramón García Tomé, que fala en nome dun equipo ao que agradece o traballo, así como aos socios, ao seu grupo Follas Novas, patrocinadores e participantes no evento, así como ás institucións que o fan posible, cal é o caso da Xunta.
Ademais de Anxo Lorenzo, na Galicische Wosche participarán a Orquesta Nazaret, Follas Novas, A Roda, Julio Show, pasión Flamenca, Rancho Santa Marta de Offenbach, Coracôes Lusitanos ou Peña Los Cabales. Unha queimada, o mércores 30, porá fin á programación.
O Coro Tradicional Cantares do Brión na Sentada Lectora de Gondomar
20.04.12
A actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión pechará a Acción Lectora que na mañá do domingo 22 de abril, a partir das 12,00 horas, organiza Espazo Lectura na Alameda de Gondomar, no Val Miñor.
Cantares do Brión é unha agrupación que, ademais do cultivo e profundización no desenvolvemento da música tradicional, ten vontade de intervención sociocultural. Estiveron en setembro na II Andaina Aloia-Galiñeiro onde se reclamou protección para a Serra do Galiñeiro e acudirán este domingo ao chamamento á rebelión da lectura a que convoca a asociación Espazo Lectura, na véspera do Día do Libro.
Tamén arredor do Día das Letras Galegas estaremos en distintos escenarios, interpretando mesmo algunha peza preparada para a ocasión con letra dun poema do autor homenaxeado neste ano, Valentín Paz-Andrade.
Programa do Seminario de Percusión (Melide)
19.04.12
O programa para o Seminario de Percusión que se celbrará o vindeiro día 28 de abril no Edicficio Multiusos de Melide será o seguinte:
Mañá 11 horas: "Os instrumentos pobres na tradición galega". Xavier Blanco
Tarde 17 horas: Sesión práctica. Xaquín Xesteira
Prégase aos participantes que aporten instrumentos
Seminario de Percusión (Melide)
18.04.12
A AGG, na súa pretensión de abarcar todos os ámbitos da música tradicional, organiza o vindeiro sábado 28 de abril como ven sendo habitual, coincidindo coa Foliada de Melide, un seminario que ao igual que as últimas edicións que espertaron un grande interese, versará sobre percusión tradicional.
Os instrumentos de percusión moitas veces quedan relegados aun segundo plano, nembargantes a música tradicional galega é moi rica nesta tipoloxía de instrumentos, que complementan á melodía principal e que teñen a súa propia partitura e a súa propia melodía.
Con este seminario, a Asociación de Gaiteiros Galegos quere incidir e poñer en valor este aspecto da nosa música, contando nesta ocasión con dous recoñecidos especialistas como son Xavier Blanco e Xaquín Xesteira.
Xavier Blanco comeza a tocar a gaita con 8 anos, é músico, investigador e mestre de gaita, experto en instrumentos pobres ten editados varios traballos.
Xaquín Xesteira empeza a súa andaina na Sociedade Cultural de Cambados, recibiu clases de Nando Casal e Carlos Núñez e forma parte dos grupos Treixadura e Sondeseu.
Con este seminario preténdese crear un punto de encontro e formación para todas as persoas interesadas na música tradicional galega e en especial na percusión, achegando a cultura tradicional a toda a poboación.
Prégase aos partipantes que aporten instrumentos.
Para formalizar a inscripción hai que enviar o impreso que se pode descargar aquí debidamente cumprimentado a Asociación de Gaiteiros Galegos por correo ordinario, Lugar de Quintán 3, 36121 Viascón - Cotobade, Pontevedra; ou por correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
O prazo de inscrición rematará o 26 de abril ou cando se complete o aforo. En tal caso, aplicarase o criterio de orde temporal de recepción de solicitudes de inscrición. A matrícula é gratuíta.
Mostra do Traxe Muradán (Compostela)
18.04.12
A Mostra do Traxe Muradán inaugurarase o vindeiro xoves 19 de abril as 19:30 horas no Museo do Pobo Galego.
O horario é o seguinte:
De martes a sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20.
Domingo de de 11 a 14 horas
Luns pechado
SERÁN DO PATROCINIO 2012 EN RIANXO
17.04.12
O sábado, día 28 de abril a partires das 21:00 h, celebrarase o Serán do patrocinio 2012 en Rianxo. Antes haberá xogos populares tales como: a corda, a chave, carreiras de burros, carreiras de sacos, comer a maza... Para os cativ@s e os menos cativ@s.
Ó serán pode apuntarse quen queira, so tendes que chegar aí e falar coa organización, a idea é que calqueira persoa se anime a tocar, polo que non tendes que traer mais que o voso instrumento e tocar e bailar conosco. Ademais teremos,comida e bebida de balde para todo aquel que se anime a tocar e bailar , asi como arroz con leite para tod@s os asistentes. Ó longo da noite sortearanse diversas patrocestas e se o tempo acompaña algun que outro asistente pode sorprendernos cunha tecno-muiñeira
Ó dia seguinte alborada ao cargo da agrupacion de gaitas da asociacion, misa cantada e baile cos mais cativ@s da escola de baile e pandeireta aleivosia todo isto acompañado dun bo aperitivo na barra da asociacion.
Foliada de Melide
17.04.12
A Foliada de Melide é un encontro cultural de música, artesanía e tradición. A dinamización e divulgación da nosa cultura e o noso folclore é unha das prioridades deste evento, que se celebra anualmente a última fin de semana de abril en Melide.
Este ano celébrase o 28 e 29 de abril.
Prema no título para ver a nova ó completo.
Concerto-Presentación do CD de Agustín Sánchez “Pezas de aquí e acolá” na Tradescola
16.04.12
O vindeiro mércores 25 de Abril, ás 21.00 horas, terá lugar o concerto – presentación do novo disco de Agustín Sánchez “PEZAS DE AQUÍ E ACOLÁ” na TRADESCOLA, ( Rúa Pintor Corredoira nº 4 – Lugo)
“Pezas de aquí e acolá” é o título do primeiro traballo discográfico de Agustín Sánchez dedicado integramente á formación de cuarteto tradicional, no que se recolle unha selección das súas composicións e arranxos para esta formación. Partindo sempre da tradición do seu lugar de orixe, Galiza, Agustín introduce algúns dos ritmos e xéneros más representativos do novo continente, achegándonos a países como Arxentina, Venezuela, Cuba ou EE.UU, e empregando unicamente a sonoridade propiciada polas gaitas e a percusión tradicional. Así pois, nos 12 temas que compoñen este traballo mestúrase a muiñeira, a xota e o pasodobre con temas como “Swing con grelos”, “Comodoro”, “Almendrón” ou “El Marabino”, nos que se percibe claramente o sabor propio do swing, tango, danzón e o valse venezolano.
O concerto correrá a cargo do Cuarteto Tradicional “Farrapos de ghaita”, fundado o pasado ano co gallo da presentación do disco. “Farrapos de ghaita” quere rendir tributo á formación de curateto tradicional, pero facéndoo dun xeito distinto e innovador, onde a composición, o arranxo e a importación de novos ritmos e xéneros musicais son factores esenciais, sen renunciar por suposto ás súas raíces: a música tradicional galega. Os seus protagonistas son Suso Moreira (gaita), Agustín Sánchez (gaita), Noa Migal (tamboril) e Pablo Pardo (bombo), excelentes músicos cunha ampla experiencia no eido da música tradicional.
Páxina 202 de 265