Varios
No vindeiro Recuncho da Palleta falaremos con parte dos organizadores do I Concurso De Canto E Percusión Tradicional "Ultreia"
04.06.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto que conversará con parte da organización do I Concurso De Canto E Percusión Tradicional "Ultreia", celebrado o pasado 30 de maio a través de facebook.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
A TRADESCOLA ORGANIZA NOVOS CONCERTOS DIDÁCTICOS DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE SAN MIGUEL DE REINANTE (BARREIROS) E DO INCIO
01.06.21
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará esta semana novas actividades de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o vindeiro mércores 2 de xuño achegarase ata o concello de Barreiros, concretamente ao CEIP San Miguel de Reinante e o venres día 4 de xuño estará no CEIP Ricardo Gasset do Incio para impartir unhas novas xornadas de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, e poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.
En San Miguel de Reinante ralizaranse dous concertos, que estarán impartidos polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López. Alberto Núñez e Bruno Villamor.
No Incio realizarase un concerto que impartirán os mestres Jose Manuel López, Lucía Eiros e Branca Villares. Nos concertos amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Os concertos didácticos realizaranse no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á Covid 19.
Polavila en Donís !!! No vindeiro Recuncho da Palleta
28.05.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Guillerme Inácio que nos achegará ata terras de Lugo cun espazo titulado "Polavila En Donís". Neste espazo falaranos de Inés de Piornedo e doutras tocadoras da parroquia de Donís, no concello de Cervantes.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
33 anos de traballo en prol da nosa cultura tradicional
28.05.21
Tal día coma hoxe hai 33 anos celebrábase no Museo da Terra de Melide, unha reunión da Comisión Xestora previa á creación da AGG coa finalidade de constituír legalmente a Asociación de Gaiteiros Galegos.
Neste encontro elixiuse por unanimidade a Ricardo Portela como Presidente Provisional e a Xosé Domingos Fuciños "Mingos" como Secretario.
Os puntos da orde do día da xuntanza foron a constitución da AGG e a aprobación dos Estatutos.
Foi nesta reunión onde se levantou a Acta Fundacional, que será presentada, xunto cos estatutos aprobados, no Ministerio do Interior o 23 de xuño dese mesmo ano por Ricardo Portela, formalizando así a constitución da AGG.
Estamos de celebración e sentímonos moi fachedosos de poder seguir, 33 anos despois, traballando pola nosa música e o noso baile tradicionais, con toda a ilusión e a mesma determinación dos que impulsaron este proxecto.
Xornadas de frauta
25.05.21
O vindeiro sábado 5 de xuño organizamos unha nova edición das “Xornadas de frauta” nas que contaremos con relatorios de investigación que abordarán aspectos como "A frauta traveseira de madeira en Asturies" da man de Pepín de Muñalén, acharémonos á historia dos Barreiros de Albín no relatorio-concerto "Herdeiros dos Barreiros. Homenaxe ós de Albín" a cargo dos Gaiteiros do Ulla e tamén faremos unha achega á frauta dos tres furados no relatorio "Tamboril por gaita. A figura do tamborileiro salmantino" con José Ramón Cid Cebrián.
Con estas xornadas, que se levarán a cabo en dúas modalidades, presencial e en liña, dende a AGG buscamos amosar a riqueza existente na cultura tradicional e incidir na gran importancia que teñen os traballos de investigación para poder coñecer, preservar e transmitir as tradicións.
PROGRAMA:
11.00 h. - "A frauta traveseira de madeira en Asturies". Pepín de Muñalén
12.00 h. - Descanso
12.30 h. - "Herdeiros dos Barreiros. Homenaxe ós de Albín". Gaiteiros do Ulla
13.30 h. - Parada para xantar
16.00 h. - “Tamboril por gaita. A figura do tamborileiro salmantino”. José Ramón Cid Cebrián
LUGAR:
* MODALIDADE EN LIÑA: CANLE DE FACEBOOK DA AGG (www.facebook.com/aggtradiciongalega)
* MODALIDADE PRESENCIAL: CASA DE ROSALÍA (imprescindible a inscrición previa. Aforo limitado)
DATA: Sábado 5 de xuño de 2021
INSCRICIÓNS: Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
A asistencia é de balde, previa inscrición no caso da modalidade presencial, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo 30 de maio para inscribirse. A partir desa data se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de soci@s e non soci@s, por orde de chegada.
A celebración das xornadas está suxeita á situación sanitaria do momento, e levaranse a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Máis información: 986 84 70 74 - 982 22 99 66 - Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Sons da Tradescola para Xela Arias
21.05.21
Hoxe iniciamos o ciclo “Sons da Tradescola para Xela Arias” cunha actuación diante da Deputación de Lugo dun dos grupos de gaitas e percusión tradicional da Tradescola. Aproveitando a celebración das Letras Galegas adicadas a Xela Arias, a Tradescola ofrecerá distintas audicións na praza de San Marcos (Lugo) nas vindeiras semanas. Esta nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.
Con estos concertos, a Tradescola quere sumarse ós distintos actos en homenaxe a Xela Arias no día das nosas letras, e nos mesmos, poderemos gozar de numeroso repertorio tradicional, interpretado pol@s alumn@s e mestres da Tradescola onde non faltarán gaitas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareir@s e por suposto bailadores e bailadoras.
Dúas muiñeiras de concerto no vindeiro Recuncho da Palleta
21.05.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez, que nos falará sobre dúas muiñeiras representativas doutros lugares galegos como Baiona e Lugo. No primeiro caso da muiñeira Lembranzas compostas por Angel Rodulfo alá polo 1910 parte dunha zarzuela para recaudar fondos para o monumento de "A Virxe de A Roca". Poremos unha versión inédita do grupo de saxofóns "Litore Quartet" e outra versión folk. No segundo caso pasaremos a popular Muiñeira de Lugo e buscaremos as súas raices escoitando a rapsodia galega Festa na Tolda de Gustavo Freire e outros exemplos da música tradicional e clásica que poden sorprendernos.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
A TRADESCOLA CELEBRA HOXE OS MAIOS COS SEUS ALUMN@S NO CENTRAD
18.05.21
Hoxe martes, 18 de maio, celebraremos os maios cos nenos e nenas da Tradescola e darémoslle a benvida á primavera cunha nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional.
A partir das 16.00 horas terá lugar a elaboración dos maios figurados a cargo das/os nenas /os que se recubrirá con fiuncho, herbas e frores silvestres (No Centrad).
A continuación, alumnas/os e mestres da Tradescola ofrecerán distintas actuacións nas que disfrutaremos de numeroso repertorio tradicional cantado e bailado ao redor dos maios.
*(nesta ocasión, a celebración non pode ser aberta ao público por mor da Covid 19)
Os Maios no vindeiro Recuncho da Palleta
14.05.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto, que nos falará e nos achegará á celebración dos Maios.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
VIII edición das Xornadas de Baile tradicional
11.05.21
O vindeiro domingo 23 de maio a AGG organiza a VIII edición das Xornadas de Baile tradicional que terán lugar no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) en Lugo. Nestas xornadas, patrocinadas pola Xunta de Galicia, e que contan coa colaboración do Centrad (dependente da Área de Deportes, Artesanía e Deseño, Memoria Histórica da Deputación de Lugo), contaremos con relatorios - obradoiros guiados por profesionais no mundo do baile tradicional como Montse Rivera, Olga Kirk e Xabier Iglesias.
Os obradoiros destas xornadas (non son de iniciación) están pensadas tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile galego, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición.
PROGRAMA: VIII XORNADAS DE BAILE TRADICIONAL
- 11.00 - Apertura
- 11.00 - Relatorio-obradoiro I
“A Regueifa como baile de voda”. Montse Rivera
11.45 obradoiro parte I
12.45 obradoiro parte II
- 14.00 – Xantar
- 16.30 - Relatorio-obradoiro II
“O Baile en Tordoia”. Olga Kirk
- 18.00 – Descanso
- 18.15 - Relatorio-obradoiro III
“O Bailar na Terra Chá”. Xabier Iglesias
DATA: Domingo 23 de maio
LUGAR: Centrad (Rúa Chantada S/N - Lugo)
INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
* Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo 16 de maio para inscribirse, e a partir desa data se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de non soci@s, por orde de chegada.
* A celebración das xornadas está suxeita á situación sanitaria do momento, e levaranse a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Estas xornadas, organizadas pola AGG en colaboración coa Xunta de Galicia, constitúen sen dúbida unha cita ineludible, non so para todas aquelas persoas que traballan no entorno da baile tradicional, senón tamén para todos e todas aquelas que queiran saber máis das nosas tradicións.
Páxina 14 de 265