Varios
A AGG quere facerse eco da enorme preocupación e desacougo das agrupacións de música tradicional galega da zona do Val Miñor pola escasa ou nula participación da música patrimonial galega nas programacións culturais que se están levando a cabo
05.07.21
A AGG quere facerse eco da enorme preocupación e desacougo das agrupacións de música tradicional galega da zona do Val Miñor pola escasa ou nula participación da música patrimonial galega nas programacións culturais que se están levando a cabo. En concreto no concello de Gondomar onde a pesares de contar cunhas 20 agrupacións tradicionais censadas,(algunhas cunha importancia incuestionable a nivel de toda Galicia tanto pola súa historia como pola súa labor actual) ningunha delas conta para todo un verán de programación cultural, un feito insólito ata agora e que é mostra dunha insensibilidade total ante a cultura patrimonial galega na música; animamos a todos aqueles que detecten conductas semellantes informen delas, a AGG traballará no futuro inmediato para revertir esta intolerable situación alá onde se produza.
Exemplo do que ocorre en Gondomar, no seguinte enlace:
http://educafolk.blogspot.com/2021/07/gondomar-o-consigue-un-veran-sen-musica.html
A música tradicional está de loito polo pasamento de Xosé Romero
01.07.21
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento do gran gaiteiro Xosé Romero, fundador do mítico grupo Os Rosales de Asados, Rianxo.
Un home moi querido, que adicou a súa vida á nosa música tradicional, e que a exportou polo mundo, lembrando sempre os tres piares que no seu día estableceu de cara a unha boa actuación: afinación, tempero e espírito de Galicia.
Xosé foi un dos gaiteiros que participou activamente nas primeiras xuntanzas en Melide e Ortigueira, onde se creou o xermolo do que é hoxe a AGG, e representa un dos derradeiros gaiteiros de saga familiar, dos que xa non quedan moitos.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Xosé, un membro destacado e ben querido desta gran familia, máis quedaranos sempre o seu legado na nosa memoria colectiva. Queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.
Que a terra che sexa leve!!
Despedimos a tempada do Recuncho da Palleta lembrando a Gumersinda Castro e escoitando despois diversas músicas baixo o título de "Na Taberna"
25.06.21
Este domingo, para despedir a tempada do "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Guillerme Inácio co que lembraremos a Gumersinda Castro e despois ofreceranos algunhas músicas en voz de homes, baixo o título de "Na Taberna", varias delas inéditas!!
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
Finalistas do VIII Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola coa colaboración coa Area de Cultura daDeputación de Lugo
22.06.21
Xa temos @s finalistas do VIII Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola!! Participaron mais de 200 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da Provincia de Lugo que ademais dunhas grandes dotes artísticas tamén nos amosan os seus amplos coñecementos sobre a nosa música.
Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acadou este ano a súa oitava edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural, algo que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.
A todos @s participantes queremos darlles os parabéns polos fantásticos debuxos que nos achegaron, e en especial aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico de música tradicional!!!!!!
Os finalistas son:
Lucía Maseda Fernández – CEIP Illa Verde de Lugo - 8anos
Paula Núñez Cadenas – CEIP San Xoan de Becerreá - 6anos
Leire Seivane Rey – CEIP O Cantel – Foz- 8 anos
Martín Rivero Díaz – CEIP San Xoan de Becerreá- 6 anos
Ainara Rey Porto – CEIP Antas de Ulla - 8 anos
Paula López Afonso – CEIP Juan Rey – Lourenzá - 8anos
Leonor Cabana Outeiro – CPI Castroverde - 9 anos
Valeria Pillado Barros – CPI Castroverde - 7 anos
María Nogareda Sánchez – CEIP Otero Pedrayo – Rábade 8-9 anos
Laura Álvarez Gutierrez – CEIP A Ponte 9 anos
E o debuxo gañador do VIII Certame de debuxo da Tradescola, que poderá asistir de balde ás nosas clases, e que ademais fará posible que fagamos un concerto didáctico de música tradicional no seu cole foi o de:
Leire Seivane Rey – CEIP O Cantel - Foz
Nos vindeiros días poñerémonos en contacto con todas e todos os finalistas para concretar a entrega dos agasallos.
Parabéns a tod@s e moitas grazas por participar !!!!!
No vindeiro Recuncho da Palleta presentaremos o libro - DVD: "Irmáns Flores - Os Gaiteiros De Novás - A Gaita: Elemento De Dinamización Socio-Cultural No Concello Do Rosal"
18.06.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez Vila e unha entrevista a Xerardo F. Santomé, autor xunto a Xosé Miguélez do gran traballo en formato de libro e DVD: "Irmáns Flores - Os Gaiteiros De Novás - A Gaita: Elemento De Dinamización Socio-Cultural No Concello Do Rosal"
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
O Comité de empresa da CRTVG, alerta do desmantelamento do Estudio 5 da Radio Galega
15.06.21
Compartimos unha nota de prensa que nos achegan dende o Comité de empresa da CRTVG, no que alertan do desmantelamento do departamento da Radio Galega que "deu cobertura, desde a creación da emisora pública, a todas as músicas do país" e fan un chamamento ao mundo da cultura e á cidadanía a "reaxir fronte ao peche do Estudio 5, que supón o abandono definitivo da obriga que ten a radiotelevisión pública de atender, promocionar e divulgar as nosas músicas, que gozan ademais de boa saúde e grande apoio social".
O Comité de Empresa da CRTVG alerta de que a dirección dos medios públicos está a piques de desmantelar o Departamento de Produción Propia da Radio Galega, un departamento que, desde a mesma creación da emisora no ano 1985, desenvolveu unha misión de servizo público valiosísima ao darlle cobertura a todas as músicas do país, chegando a acumular en horas e horas de gravación un arquivo sonoro de valor histórico e cultural incalculable.
Os traballadores que conforman este departamento, liderado polo recoñecido produtor de son Pablo Barreiro, fixeron nestas décadas rexistros sonoros que son alicerce fundamental para a historia da música galega, desde orquestras sinfónicas, bandas de música, grupos de rock, tradicionais, concertistas ou intérpretes, ata escolas municipais ou as máis humildes agrupacións. As unidades móbiles deste departamento e o excepcional equipamento técnico do Estudio 5 puxéronse ao servizo das nosas músicas para sacar adiante unha misión que, se ben non sempre contou co apoio das sucesivas direccións, conseguiu un alto recoñecemento externo, ben en forma de importantes galardóns, ben a través dalgúns dos índices de audiencia máis elevados na historia da Radio Galega.
A representación legal do persoal da CRTVG, que leva anos denunciando o desmantelamento dos medios públicos en xeral e a desatención ao sector cultural en particular (agravada coa contestada transfomación do “Diario Cultural” ou a ausencia na grella de programas especializados en música), considera un grave erro esta decisión e pídelle á Dirección que reflexione e dea marcha atrás. O comité de empresa entende que a posta en marcha dun estudio multimedia no lugar que agora ocupa o Estudio 5 - razón que esgrime a dirección para negar que finiquita o departamento- nada ten que ver con garantir a continuidade das funcións que viña desenvolvendo o icónico negociado que agora desaparece.
Ante esta grave e enésima mostra de desleixo por parte da CRTVG da función de servizo público que ten encomendada, o comité urxe ao sector cultural e á cidadanía no seu conxunto a reaxir fronte este novo ataque ao público e ás manifestacións culturais do país, chamando a emprender canta iniciativa se teña a ben para defender o que é de todos e todas.
Dende a AGG compartimos que esta decisión é un grave erro e solicitamos a marcha atrás desta medida que pon fin a un servizo público valiosísimo que deu e da cobertura ás músicas do país, "chegando a acumular en horas e horas de gravación un arquivo sonoro de valor histórico e cultural incalculable".
A TRADESCOLA CELEBRA AUDICIÓNS DE FIN DE CURSO DURANTE TODA ESTA SEMANA
14.06.21
A Tradescola realizará ao longo desta semana distintas audicións de fin de curso protagonizadas polos alumnos e alumnas da Tradescola. Con estos actos, a Tradescola chega á recta final do curso 2020-2021 no que participaron preto de 250 alumn@s en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, pandeira e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos.
Como as circunstancias aínda impiden rematar o curso cunha única celebración como faciamos outros anos, na Tradescola decidimos levar a cabo varias audicións de fin de curso no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo.
Para o seu funcionamento, a Tradescola conta coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo e para a celebración deste fin de curso conta coa colaboración do Concello de Lugo.
Asamblea Xeral anual da AGG
11.06.21
O vindeiro domingo 13 de xuño a AGG celebra a súa Asamblea Xeral ordinaria anual.
Celebrarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego, sito na Rúa San Domingos de Bonaval S/N, Santiago de Compostela.
Na asamblea, entre outros puntos a tratar, farase un repaso polas actividades realizadas e tamén se falará dos proxectos de futuro nos que se está a traballar.
Debido ás medidas sanitarias vixentes por mor da Covid 19, para asistir á Asamblea, é imprescindible a inscrición previa.
Presentación do libro-disco "A Gaita Na Terra De Melide" no vindeiro Recuncho da Palleta
11.06.21
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto que conversará con Susinho Ascariz para presentar o seu libro-disco "A Gaita Na Terra De Melide".
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.
A TRADESCOLA ACHEGARASE MAÑÁ ATA NAVIA DE SUARNA PARA OFRECER UN CONCERTO DIDÁCTICO DE MÚSICA TRADICIONAL
10.06.21
A Tradescola realizará esta semana novas actividades de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. O vindeiro venres 11 de xuño achegarase ata o concello de Navia de Suarna, concretamente ao CPI Plurilingüe de Navia de Suarna para impartir unhas novas xornadas de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
O concerto estará impartido polos mestres Jose Manuel López, Lucía Eiros e Branca Villares, que serán os encargados de amosarlles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Os concertos didácticos realizaranse no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á Covid 19.
Páxina 13 de 265