Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG

AGG

09.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela.

O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música galega que teñan interés en profundizar na aprendizaxe dunha parte tan importante da nosa cultura.

Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. Toda persoa que queira expoñer algún tema relacionado co ensino da música tradicional poderá escribir unha comunicación e presentala no Congreso, despois da correspondente selección por parte do Comité Científico.

Para isto é necesario seguir unhas normas que podedes consultar a continuación. Esperamos contar coa vosa colaboración e que asistades a este importante evento relacionado co ensino e conservación do patrimonio cultural galego.

Normas para envio de comunicacións
   

03.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos pon en marcha, un ano máis, a AULA DE ZANFONA na cidade de Lugo. Esta actividade vaise a levar a cabo dende o vindeiro 25 de outubro de 2007 ata Xuño de 2008, todos os xoves de cada mes, no Complexo Residencial Xuvenil LUG, dependente da Delegación Provincial de Lugo da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.

Luis Correa “O Caruncho”, unha das referencias fundamentais na música tradicional galega, será o mestre encargado de impartir as clases coas que se pretende reivindicar este instrumento tradicional galego, que presenta unhas características culturais, sonoras, técnicas e temáticas que fan moi interesante o seu coñecemento.

A matrícula formalizarase o mesmo día do comezo do curso, ainda que deberá realizarse unha reserva de praza antes do 25 de outubro, a través do correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben no teléfono 986 847 074 (Roi ou Patri).
   

01.10.07


O pasado sábado 29 de setembro tiveron lugar en Santiago, as "Xornadas sobre o réxime xurídico e fiscal para actividades artísticas" organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos e impartidas por un dos profesionais de Algalia, consultoría especializada neste tipo de temas.


A partir das 10:00 h., o gran número de asistentes ás xornadas, estiveron atentos ás explicacións que sobre diversos temas do programa foron dadas. Comezou o curso cunha explicación sobre conceptos como "contabilidade", "elaboración de contas anuais", "xestión económica", etc.


Foron moitos os participantes que quixeron plantexar as dúbidas que sobre estos temas xurdían, sobre todo en canto á definición de actividades económicas, a exención do IVE, ou o tipo de réxime laboral das actividades artísticas.


O curso rematou cunha pequeno resume sobre elaboración de facturas, contratos tipo e formas empresariais.
   

17.09.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o vindeiro sábado 29 de setembro as "Xornadas sobre o Réxime Xurídico e Fiscal para Actividades Artísticas". Terán lugar no Auditorio da Sede da Fundación Caixa Galicia, na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, cun horario de 10:00 a 14:00 horas.

O obxectivo destas xornadas é o de informar das diferentes opcións legais, fiscais e contables das que se dispoñen para exercer actividades culturais. Serán totalmente participativas e abertas para que todos os asistentes plantexen as súas dúbidas.

Dende a AGG cremos que a normalización e a xestión adecuada destas actividades é necesaria para poder ofrecer unhas condicións de traballo seguras e uns salarios dignos.

Para asistir a estas xornadas é necesaria unha inscrición previa que deberá realizarse antes do 27 de setembro. Esta inscrición é totalmente gratuita.

Todos aqueles interesados poderán formalizala a través do correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben no teléfono 986 847 074 (Roi ou Patri) indicando nome completo e teléfono de contacto.
   

06.08.07

Miles de personas concentráronse en Guitiriz esta fin de semana para asistir ó Festival de Pardiñas e a XIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

Esta edición foi unha das mais concurridas dos últimos anos, cun gran éxtito de público en todas as actividades e actuacións que tiveron lugar durante a celebración da Mostra.

Os asistentes puideron disfrutar do pregón de "FUXAN OS VENTOS" o sábado pola tarde. Ademais de facernos lembrar a importancia de traballar pola normalización da nosa lingua e da nosa música tradicional e popular, ofrecéronnos unha selección das suas mais famosas cantigas. Tamén estiveron alí presentes o grupo "LUDOVAINA" co que moitos animáronse a bailar.

O domingo tiveron lugar diferentes obradoiros e actividades así como a actuación do grupo "OS ENXEBRES DE CACHEIRAS" que xunto con moitos músicos espontáneos, animaron a tarde a todos aqueles que se achegaron a visitar a Mostra.

Este ano a participación de artesáns foi moi elevada, sendo 19 os que alí se encontraban reunidos ofrecendo unha selección dos seus mellores traballos. Tamboriles, zanfonas, panderetas e gaitas de todo tipo son algúns dos intrumentos que alí se expuxeron.

Cada ano a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional medra mais co anterior, polo que pódese afirmar que son moitos os interesados en manter viva a nosa cultura, entre outras cousas, como elemento de diversión.
   

20.07.07

Os vindeiros 4 e 5 de Agosto de 2007 terá lugar en Guitiriz (Lugo) a "XIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional" que a comisión de artesáns da Asociación de Gaiteiros Galegos organiza, dentro do marco do festival de Pardiñas organizado pola A.C. Xermolos de Guitiriz.

Esta Mostra comezou xa fai catorce anos, coa idea de crear en Galicia unha cita anual onde os mellores luthiers estivesen nunha feira amosando o seu traballo de ano en ano, fora do seu obradoiro. Hoxe en día é unha referencia indispensable da música tradicional na península.

As actividades previstas para enriquecer a exposición, están enfocadas para que sexan totalmente participativas, así pois haberá un escenario dispoñible durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos. Non faltedes a esta importante cita!!


Consulta o programa da Mostra
   

06.07.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos, en colaboración coa Alberguería Os Biocos da Vía Nova, organiza un campamento de verán para nen@s, “AVENTURA CASTREXO ROMANA”, que se vai a levar a cabo entre os días 21 e 26 de Agosto, ambos incluídos, en Castro Caldelas (Ourense).

Esta actividade está dirixida a nen@s con idades comprendidas entre 8 e 15 anos. A duración será de 6 días en réxime de pensión completa con aloxamento en cuartos múltiples con liteiras. Porase tamén a disposición dos nen@s un autocar para o traslado ata o campamento, que sairá dende Santiago o día 21, facendo paradas nas cidades de Lalín e Ourense, nesta mesma orde.

Ademais de estar en contacto coa natureza e coñecer un pouco mais a historia dos pobos castrexo e romano, neste campamento os nen@s terán a oportunidade de realizar diferentes actividades relacionadas co mundo da música tradicional, supervisadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

O prezo total do campamento é de 160€ por nen@, que se pagarán mediante un ingreso en conta. A inscrición farase chamando ó teléfono da Asociación de Gaiteiros Galegos, 986 847 074 en horario de 8:00 a 15:00 horas, antes do 31 de Xullo de 2007. Animádevos!!
   

30.05.07

Como xa sabedes, o pasado día 10 de Maio tivo lugar a presentación da programación cultural "Vai de Camiño 2007", compendio das actividades lúdico-culturais nas diferentes rutas xacobeas durante o verán, organizadas pola Consellería de Innovación e Industria, a través do Xacobeo. Trátase dun proxecto que intenta conformar un circuito cultural estable no que desenvolver unha programación anual diversificada, plural, participativa e de calidade, que reforce esta vía como a ruta cultural máis importante de Europa e que contribúa á dinamización económico-social dos camiños, das vilas, do territorio e das súas xentes.

O 100% das actividades serán realizadas por artistas galegos coa intención de promover a súa actividade profesional e a súa capacidade creativa; potenciando asimesmo a popularización da cultura galega tanto entre os habitantes de Galiza como entre os camiñantes, turistas e público en xeral.

A Consellaría de Innovación e Industria e o Xacobeo contan nesta ocasión coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, que escolleu a 72 grupos de música tradicional participantes no programa. A música tradicional estará presente en todas as grandes actuacións como a animación de rúa, os catro festivais de música tradicional ou os quince festivais de pequenas vilas cun formato acústico. Todos os participantes foron seleccionados das nosas bases de datos, elaboradas a partir das enquisas de músicos tradicionais que os nosos socios enviaron.

Todos os interesados en coñecer ós grupos participantes no "Vai de Camiño 2007" teñen o listado aquí.

"Vai de Camiño 2007"
   

02.05.07


O pasado domingo día 29 de Abril, o aforo do Centro Multiusos de Melide completouse totalmente para a celebración do II Seminario sobre Palletas e Pallóns para gaita galega. Ás 11 da mañá comezaron os relatorios que tiveron como protagonistas a Antón Corral e Xosé M. Gil en primeiro lugar e a continuación a Jose L. Enriquez e Juan Brea.

Foron moitos os asistentes, que solventaron as súas dúbidas sobre o empalletado, os tipos de palletas mais adecuadas para cada gaita, a afinación, sonoridad, e outros moitos temas que xurdiron ó longo da mañá. Incluso estableceuse un debate entre o público e os mestres relatores que resultou moi interesante para todos.

O traballo da Asociación de Gaiteiros Galegos tamén se puido coñecer na III Foliada de Melide. No stand da AGG estaban dispostos para a súa consulta varios libros do fondo bibliográfico da asociación entre os que destacaban "El traje gallego" de Antón Fraguas, que suscitou o interés de moitos visitantes.

Ademais da consulta de libros e material discográfico, tamén se contou con material audiovisual como un video da homenaxe ós Garceiras de Melide ou unha presentación das actividades realizadas pola asociación nestes últimos anos.

Sen dúbida o gran éxito de público tanto no II Seminario de palletas como na III Foliada de Melide debe resultar un medio para a divulgación da nosa cultura tradicional entre @s músic@s Galeg@s. Dende a AGG seguiremos traballando para que estas actividades se consoliden ano tras ano e cheguen a un maior número de persoas.

Fotos dos eventos
   

23.04.07

O salón de actos do Concello da Fonsagrada encheuse ata completar aforo para a celebración o pasado día 21 do Iº Encontro de Tocadores de Trompa. Dende as 11 da mañá sucedéronse os relatorios a cargo de estudosos do folclore, artesáns, tocadores e demais persoas especialistas neste instrumento.

Era de obriga celebrar este Iº Encontro de Tocadores de Trompa na Fonsagrada, xa que foi nesta comarca onde se conservou a trompa cunhas características morfolóxicas e de interpretación que o fan singular dentro do mundo das guimbardas.

Como non, puidemos compartir momentos cos vellos mestres Emilio O Pando e César Fernández, que unha vez máis demostráronnos que idade non é nin moito menos un impedimento para transmitir a enerxía e ilusión que desprende a música que levan dentro.

O traballo de persoas xa desaparecidas coma Herminio Villaverde ou Otilio Álvarez tamén tivo cabida dentro do Encontro e houbo relatorios que axudaron a coñecer máis polo miúdo a obra que legaron estes dous homes fundamentais para coñecer a trompa na comarca da Fonsagrada.

Os materiais de construción, lingüetas, sonoridades, técnicas, guimbardas do mundo foron asuntos tratados para varios dos conferenciantes que despertaron a curiosidade e fomentaron o debate entre o público asistente.

Sen dúbida a celebración destas xornadas sobre a trompa galega deben constituír un punto de inflexión para a divulgación e interpretación do instrumento entre @s músic@s Galeg@s. Dende a AGG seguiremos traballando para o coñecemento e recoñecemento da Trompa da Fonsagrada e o número de tocadores aumente ano tras ano.
   

Páxina 18 de 22