Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG

AGG

INAUGURACIÓN DO II CONGRESO DE ENSINANTES O VENRES 7 DE DECEMBRO

03.12.07

O vindeiro venres 7 de Decembro, ás 16:30 h., terá lugar a inauguración oficial do II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Previamente, ás 16:00 h. realizarase a recepción e o reparto de material a tódolos inscritos, que este ano alcanzan unha cifra importante, o que demostra o interés suscitado por este proxecto e os seus contidos.

Durante a fin de semana do 7, 8 e 9 de Decembro, poderanse escoitar un total de cinco relatorios levados a cabo por importantes investigadores e docentes galegos que tratarán temas tan interesantes como os “coidados básicos da voz e exercicios prácticos para cantar dun xeito saudable”; “xogos populares e tradicionais galegos”; así como a “aplicación das novas tecnoloxías no ensino da música tradicional”.

Tamén contaremos con obradoiros prácticos como por exemplo un “taller de construcción de xoguetes sonoros” ou “cantigas para os máis pequenos”. Estes relatorios e obradoiros alternaranse con mesas redondas onde se debaterán temas relacionados coa música tradicional, e ademais presentaranse as comunicacións seleccionadas entre as propostas recibidas para este Congreso.

Atoparedes toda a información necesaria nas novas do noso portal e manterémosvos ao tanto do desenvolvemento xeral de todas as actividades.

Información sobre o Congreso
   

II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

21.11.07

Coa experiencia da primeira edición do Congreso, e constatado o interese xerado polos seus contidos, participantes e desenvolvemento xeral, como a resposta positiva dos asistentes, A Asociación de Gaiteiros Galegos, asume o reto de reeditar a cita e avanzar nas súas propostas.

O II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega celebrarase no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, os días 7, 8 e 9 de Decembro e pretende abarcar todos os ámbitos educativos de música tradicional existentes na actualidade en Galicia e tamén incluír a maioría das disciplinas que se imparten nos distintos centros.

Trátase de non excluír a ningún profesor ou profesora, alumna ou alumno, para que toda a comunidade educativa se vexa implicada neste proxecto e poida tirar conclusións que lle axuden no seu traballo diario.

Nesta ocasión, ademais de tratar a situación do ensino da música tradicional nas escolas de música, conservatorios e asociacións culturais, centrarémonos especialmente no ensino obrigatorio. O futuro das nosas tradicións, da nosa música, a nosa lingua, canto e baile, pasa inevitablemente pola transmisión destes coñecementos ás novas xeracións, para que saiban conservalos e respectalos.

Aquí xoga un papel importantísimo a escola, e dentro dela os mestres e mestras, aos que debemos proporcionar os materiais, métodos e asesoramento preciso para desenvolver tan importante faceta.

Máis información e boletín de inscrición
   

GRAN ÉXITO DE PÚBLICO NA MOSTRA DO PCI GALEGO-PORTUGUÉS EN PONTEVEDRA

13.11.07

Do 7 ao 11 de novembro tivo lugar en Pontevedra a "Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués" na que todos os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer un dos varios proxectos que se están a levar a cabo en defensa da cultura e tradición Galega.

O Proxecto Ronsel, promovido polas tres Universidades de Galicia e a Xunta de Galicia, en colaboración coa asociación “Ponte...nas Ondas!” e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizou este evento co patrocinio dos parceiros xa mencionados e do Concello de Pontevedra.

Durante estos días, tivemos a oportunidade de coñecer máis a fondo algúns dos exemplos máis representativos do noso patrimonio inmaterial. Así puidéronse visitar distintos obradoiros, como os de olaría, forxa, luthería, ourivaría, xogos tradicionais, etc. Tamén contouse cunha gran oferta audiovisual e exposicións permanentes coas que se pretendía achegar formas, materias e sensacións do noso patrimonio a tod@s @s que alí se achegasen.

Durante a fin de semana celebrouse, como parte da mostra, o festival de música tradicional no que participaron grupos coma A Gaita de Sarandón, o cuarteto Picuiña, Ruote, etc. e gaiteiros tradicionais tanto galegos como portugueses, entre os que se encontraban Manuel Viqueira e José Marentes pola parte galega e Joaquim Pereira "O Carriço" xunto con Antonio Ribeiro "O Toni das Gaitas" pola parte portuguesa. O sábado pola noite, a VI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, tamén reuniu a representantes de ambas culturas tradicionais.

Un dos obxectivos da realización da "Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués" foi o de visibilizar este patrimonio e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo e manter así vivo un importante pouso de coñecementos tradicionais que non debemos perder.

Reportaxe fotográfico da Mostra
   

FESTIVAL DE MÚSICA TRADICIONAL NA MOSTRA DO PCI GALEGO-PORTUGUÉS

09.11.07

O venres 8 de Novembro comeza o Festival de Música Tradicional organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos dentro da "Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués", que se está a celebrar na Praza da Ferrería en Pontevedra.

Durante toda a fin de semana contaremos con diversas actuacións de representantes da música tradicional, tanto galega como portuguesa. Así, o venres 9 de novembro, a partir das 20:30 h. participarán os seguintes grupos:

- Cuarteto Tradicional Picuiña de Marín
- Os Terribles de Donas
- A Gaita de Sarandón

Durante estas actuacións poderase asistir a un obradoiro de baile tradicional impartido por Gustavo Couto e degustar os augardentes destilados nestes días polo noso poteiro.

O sábado 10 de novembro terá lugar a VI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa coa colaboración da asociación “Ponte ... nas Ondas!” e da Asociación de Gaiteiros Galegos a partir das 20:30 h. Estarán presentes os Pauliteiros de Sendim (Terra de Miranda, Tras-os-Montes, Portugal), Caretos de Podence (Portugal), Zés Pereiras de Vilaverde-Braga e Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso).

Ás 22:30 h. continuaremos coa Charanga de Ultreia e pandereteiras e gaiteiros de Pontecaldelas, Toutón, A Ermida e Gargamala. Mentres estas actúan haberá un obradoiro de baile tradicional galego a cargo de Luis Prego para que todos poidamos bailar os nosos ritmos agarrados e soltos.

Xa para o domingo, 11 de novembro, remataremos esta mostra coa queimada e degustación dos augardentes destilados polo noso
poteiro a partir das 19:00 h. e coa atuación do grupo Ruote a partir das 20:30 h.
   

INAUGURACIÓN DA MOSTRA DO PCI GALEGO-PORTUGUÉS

05.11.07

O mércores 7 de novembro de 2007, ás 19:00 horas, na Praza da Ferrería en Pontevedra, terá lugar a inauguración da Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués, organizada polo proxecto RONSEL en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e a Asociación “Ponte...nas Ondas!”.

Este evento celebrarase do 7 ao 11 de novembro dedicando cada un dos días a un dos ámbitos nos que a UNESCO clasifica o PCI. Así o mércores día 7, comezaremos co "Día da Oralidade", no que poderemos disfrutar de actividades dende ás 10:00 ata as 20:00 h. Aquí tedes o programa para ese día:

Mañá, obradoiros de 10:00 a 14:00:

-Olaría (Tomás López, de Corbelle, Proendos, Sober, Lugo)
-Regueifas (O Caruncho e o Pinto d’Herbón)
-Forxa (Oliverio Alvarez, Queixoiro, A Fonsagrada, Lugo)
-Luthería (Germán Arias, Sarria, Lugo)
-Ourivaría (Arlindo, Oficina do Ouro, Sobradelo da Goma)
-Redeiría (Beatriz Molanes de Cangas e Josefa Abal de Cambados)
-Cantos de cego (Carlos do Viso)
-Torneiro (Oli Xiraldez, Cascandelo, Balcaide, Teo)
-Obradoiro de xogos tradicionais organizado pola Asociación Brinquedia

Tarde, continuación dos obradoiros da mañá, de 16:00 a 19:00, e conferencias:

-17:30 h. Descuberta e partilha dum patrimônio comun. Alvaro Campelo (Universidade de Porto) e
Xerardo Pereiro (UTAD).
-18:10 h. Vida e Fala do afiador ambulante. Antonio Fidalgo Santamariña (Universidade de Vigo).
-19:00 h. Acto de inauguración oficial da mostra.
-19:30 h. Proxección do documental Ainda há pastores? de Jorge Pelicano.

A Asociación de Gaiteiros Galegos quere convidar a todo o mundo a participar nesta mostra representativa do noso patrimonio cultural.
   

INAUGURACIÓN DA IV MOSTRA DE CUARTETOS DE MARÍN

31.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos inaugura o vindeiro venres, 2 de Novembro ás 20:00 h. no Museo Municipal Manuel Torres de Marín (Avda. De Ourense,3) a IV Mostra de Cuartetos tradicionais. Esta actividade, promovida pola AGG e patrocinada pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Marín, pretende afondar no coñecemento dunha das formacións máis importantes dentro da nosa música tradicional como é o Cuarteto de dúas gaitas, tambor e bombo.

O venres 2 de novembro, as actividades comezarán cun pequeno concerto do cuarteto "Picuiña" de Marín no Museo Manuel Torres ás 20:00 h. e seguidamente, organizarase un magosto na praza da Veiguiña, que estará aberto á participación de tódolos cuartetos que o desexen, potenciando a participación de cuartetos que estean comezando e, facilitando que experimenten a sensación de animar unha festa popular como facían os cuartetos nas súas orixes. Haberá castañas de balde.
   

MOSTRA DE PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

30.10.07

O rico patrimonio inmaterial galego-portugués está formado por un conxunto de prácticas aínda dinámicas nestes dous países. Pese aos procesos de destrución do tecido social no ámbito rural, seguimos a conservar un importante pouso de coñecementos tradicionais en mans de comunidades de portadores, iso si, cada vez máis atomizadas, dispersas e inconexas.

Coa intención de visibilizar este patrimonio e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o Proxecto RONSEL, en colaboración coa asociación “Ponte...nas Ondas!” e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza esta Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués na cidade de Pontevedra, co patrocinio dos parceiros xa mencionados e do Concello de Pontevedra.

Cada un dos ámbitos nos que a UNESCO describe o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) conta cunha caseta específica no espazo desta mostra. Malia o carácter artificial desta clasificación cómpre non esquecer que cada un dos ámbitos está estreitamente relacionado cos demais, dos que depende.

Por esta razón, dedicarase cada un dos cinco días da mostra, dende o 7 ao 11 de Novembro de 2007, a un dos ámbitos, que poña en escena o resto das temáticas, ben sexan os oficios, a música e o baile, as festas e os ritos, as expresións orais ou o xeito que os galegos, as galegas, os portugueses e as portuguesas temos de relacionarnos co noso medio natural e social.

Tampouco faltarán á cita as exposicións, os debates, as producións audiovisuais e a degustación de produtos ecolóxicos como carne ao caldeiro, viño ou pan.Para as noites do venres ao domingo, finalmente, diferentes espectáculos musicais ocuparán a escena da mostra, como o Festival da Asociación de Gaiteiros Galegos, no que se darán cita algúns dos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ou a VI Mostra da Oralidade Galego Portuguesa, organizada pola asociación “Ponte ... nas Ondas!”, representativa do patrimonio musical portugués.

Na Praza da Ferrería, en Pontevedra, do 7 ao 11 de Novembro de 2007, non vos esquezades de visitar esta Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués.

Mais información e programa da Mostra
   

PRESENTACIÓN DA IV MOSTRA DE CUARTETOS TRADICIONAIS

25.10.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos presenta ante os medios de comunicación o venres, 26 de Outubro ás 12:00 h. no Museo Municipal Manuel Torres de Marín (Avda. De Ourense,3) a IV Mostra de Cuartetos tradicionais. Esta actividade, promovida pola AGG e patrocinada pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Marín, pretende afondar no coñecemento dunha das formacións máis importantes dentro da nosa música tradicional como é o Cuarteto de dúas gaitas, tambor e bombo. A Mostra inclúe exposicións, debates, conferencias e actuacións musicais, que, no presente ano, xirarán arredor do grupo “Os Tempranos de Eiris”, da Coruña.

Ao acto de presentación asistirán, ademais dun representante da xunta directiva da AGG, a secretaria provincial da consellería de Cultura e Deporte en Pontevedra, Dona Olga Lema Otón, así como a concelleira de cultura do Concello de Marín, Dona Mª Esther Crespo Iglesias.

Entregarase aos asistentes que así o desexen material gráfico e sonoro sobre a mostra en soporte dixital.

Para máis información poden poñerse en contacto coa asociación de Gaiteiros Galegos a través do número de teléfono 986 847 074 ou no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
   

PRESENTACIÓN DO NOVO CURSO DA AULA DE ZANFONA EN LUGO

24.10.07

O xoves, 25 de Outubro de 2007, iníciase o curso 2007-2008 da Aula de Zanfona na capital Lucense. Deste Xeito dáselle continuidade á actividade que deu comezo no curso pasado, co obxectivo de que se estableza en Galiza un novo lugar onde poder aprender a técnica para tocar a zanfona.

Esta actividade, promovida pola Asociación de Gaiteiros Galegos, está patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

A presentación do curso terá lugar no Complexo Residencial Xuvenil LUG, na Rúa Pintor Corredoira,4 (antigo Eixo Garay) en Lugo, o vindeiro 25 de Outubro de 2007 ás 17:00 horas. Para este acto a Asociación de Gaiteiros Galegos contará coa presencia da Delegada Provincial de Vicepresidencia, Dona Branca Rodríguez Pazos, así como do Xerente do Xacobeo, Don Ignacio Rodríguez Eguíbar. Ademais, tamén asistirán representantes da Xunta Directiva da AGG así como o mestre que impartirá as clases, Luis Correa “O Caruncho”.

Esta aula complementa as existentes no País, afondando no ensino de tocar e cantar con este instrumento, contribuindo deste xeito a popularizar a utilización da zanfona. Ademais de aprender as técnicas para tocar o instrumento, tamén se complementará coa aprendizaxe do canto tradicional con zanfona, romances, coplas, cantigas de cego...

Para máis información poden poñerse en contacto coa asociación de Gaiteiros Galegos a través do número de teléfono 986 847 074 ou no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
   

MOSTRA DE CUARTETOS

19.10.07

"Este ano volta con máis forza a Mostra de Cuartetos, que na súa IV edición vai afondar no estudio do cuarteto "Os Tempranos de Eiris".
As actividades terán lugar en Marín do día 2 ao domingo 18 de novembro, data na que se concentrarán a maioría dos actos. A semana que ven farase a presentación oficial da Mostra e dos participantes deste ano. Aproveitamos para adiantarvos un extracto dun artigo de Pablo Díaz Carro no que se fai unha breve reseña histórica dos compoñentes deste grupo:

O cuarteto enxebre galego “Os Tempranos de Eirís da Cruña” como reza no seu bombo, foi o primeiro grupo de gaiteiros da Coruña e As Mariñas.
No ano 1923 Xosé Temprano e Alejandro Temprano (gaiteiros), xunto con Xosé Castelo “O Betanceiro” (tamboril) e Mourenza (bombo) forman o cuarteto.
Destaca a utilización de instrumentos percutivos con tensores de corda (tamboril e bombo) neste cuarteto, pois nesa época e durante o tempo que tocou o cuarteto xa se viñan empregando caixa e bombo de latón ou bronce por outros grupos que coexistiran no mesmo tempo, como por exemplo, “Os trintas de Trives”. Outro detalle da súa liña enxebre era a utilización do traxe galego acompañado por unha monteira baixa cun pequeno “corno” que era típica da comarca.
No ano 1934 Alejandro marcha a facer o servicio militar á marina, embarcando no “Juan Sebastián El Cano” xunto coa súa gaita, coa que daría a volta ao mundo.
No seu lugar entra no cuarteto, Farruco Paradela, afamado gaiteiro da rúa Falperra, que combina o tocar pechado co aberto, técnicas que utilizaba no cuarteto e que sobresaía pola súa maestría.
Juan “o Pachero” de Eirís, comeza a tocar o bombo, e Alejandro, ao regresar da mili fai parella de gaita con Paradela, pasando Xosé a tocar o tamboril. Alejandro deixa de tocar definitivamente nos anos 50. En sustitución deste entra Fernando Álvarez Pardo. É a finais dos anos 70, cando o cuarteto deixa de tocar
A vivencia musical e histórica dos Tempranos de Eirís continúa na figura de Pepe Temprano que segue en activo como gaiteiro na agrupación “Eidos” da Coruña.
   

Páxina 17 de 22