Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG

AGG

V Mostra de Cuartetos Tradicionais "Os Peruchos"

22.10.08


Xa está preparada unha nova edición da Mostra de cuartetos tradicionais, que a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza en Marín coa colaboración do Concello, a AC Picuiña e a Dirección xeral de creación e difusión cultural.

Este ano o grupo homenaxeado, e que centrará os contidos da actividade, será "OS PERUCHOS" de Castrelos. O día 14 de Novembro, data na que se inaugurará a exposición no museo Manuel Torres de Marín, poderemos asistir a unha mesa de debate e concerto do cuarteto "Luvas Verdes". O día 29 do mesmo mes, en que se pechará a mostra, tocaralle o turno as charlas sobre o catálogo de músicas da Limia e o propio grupo "Os Peruchos".

En breve recibiredes máis información acerca da V Mostra de cuartetos tradicionais.
   

01.10.08

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, que terá lugar no Auditorio de Galicia en Santiago do 31 de outubro ao 2 de novembro.

Tras dúas edicións, observamos como esta cita anual se esta a converter nun referente, xa non so para a xente que traballa no entorno da música tradicional, senón para moitos mestres e mestras de ensino obrigatorio que achan aquí unha fonte de ideas e coñecementos para o seu quefacer diario. A través desta actividade, queremos amosar a riqueza da nosa cultura tradicional e incidir na importancia que ten a transmisión destes coñecementos ás novas xeracións, para que saiban conservalos e respectalos. Polo tanto, antóllase imprescindible a presenza de todos os ámbitos educativos de música tradicional existentes na actualidade en Galicia: escolas de música, conservatorios, asociacións culturais e centros de ensino obrigatorio.
A inclusión de actividades prácticas na pasada edición, como foron os obradoiros, que se desenvolveron con grande éxito, ábrenos un novo camiño polo cal guiar o III congreso. Tanto os talleres como os concertos didácticos son o complemento preciso para os relatorios e mesas de debate. Son a expresión necesaria para comprender as posibilidades das nosas tradicións, a súa riqueza, e a sinxeleza coa que se poden levar a cabo facilitando a aprendizaxe dun xeito ameno e activo.

Pretendemos, por tanto, continuar cunha actividade fundamental para levar a cabo os fins da Asociación de Gaiteiros Galegos que non son outros que a dignificación e difusión das nosas tradicións. A educación é o punto de referencia, a base de toda acción que pretenda isto, xa que nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan como seu.

Información sobre a Inscrición

Boletín de Inscrición para ensinantes
Para dúbidas chamar ao teléfono 981576800 (CIG Ensino)

Boletín de Inscrición resto

Programa
   

25.09.08

A Asociación de Gaiteiros Galegos está a organizar o III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, que se levará a cabo no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, durante os días 31 de Outubro, 1 e 2 de Novembro. Toda persoa que queira expoñer algún tema relacionado co ensino da música tradicional poderá escribir unha comunicación e presentala no Congreso.

As normas para a presentación de comunicacións serán as seguintes:

- O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será do 1 ao 17 de outubro de 2008. O contido deberá ser enviado co seguinte formato: letra “Times New Roman”, tamaño 12, interliñado sinxelo. O contido deberá incluírse nunha páxina como máximo (1 cara). Ademais deberán indicarse os datos persoais do autor/es que presenten a comunicación.

- Os autores das comunicacións seleccionadas poderán redactar o traballo in extenso ata o 27 de Outubro. Data límite para que todos poidan ser incluídas na documentación oficial do Congreso.

- A duración das comunicacións non deberá ser superior a 15 minutos de exposición.

- O envío das comunicacións deberá realizarse por correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou por correo ordinario á Rúa Alfonso XIII nº7, oficina 8. 36002 Pontevedra.
   

29.07.08

Un ano máis a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), a través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar o que será a "XV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Un evento que constitúe unha das mostras de luthería máis antigas da península e que congrega cada ano a numerosos artesáns do país para mostrar o seu traballo ao público.

PROGRAMA DA MOSTRA

SÁBADO 2 DE AGOSTO

17:00 h. ---------------------- Apertura da Mostra
17:00 h. a 18:00 h. ---------- Escenario libre para músicos espontáneos
18:00 h. ------------------------Pregón LUCIANO PÉREZ
18:30 h. ---------------------- Actuación de TANXEDORAS
19:30 h. A 21:30 h. --------- Escenario libre para músicos espontáneos

DOMINGO 3 DE AGOSTO

11:30 h. ---------------------- Apertura da Mostra
11:30 h. a 13:30 h. ----------- Escenario libre para músicos espontáneos
12 :00 h. --------------------- Obradoiro de xoguetes sonoros LUCIANO PÉREZ
12 :00 h. ----------------------- Obradoiro de baile tradicional MONTSE RIVERA
16:00 h. a 18:00 h. --------------- Escenario libre para músicos espontáneos
17:00 h. ----------------------Obradoiro de baile tradicional MONTSE RIVERA
18:00 h. -------------------------Actuación de O CARRIÇO
19:00 h. A 21:30 h. --------- Escenario libre para músicos espontáneos
   

Mostra de Cultura Tradicional no Festigal

29.07.08

Grande éxito da Mostra de Cultura Tradicional que a A.G.G. presenta, por primeira vez, dentro das actividades do Festigal.

Numerosas persoas disfrutaron da Galería da Cultura Tradicional, que foi xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos dentro das actividades do Festigal, que se celebrou en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de Xullo.
Os visitantes puideron asistir a actuacións, mostras de instrumentos e xoguetes tradicionais, e distintos obradoiros que fixeron as delicias do numerosísimo público que nos visitou durante a mostra.

Nesta edición contouse coa presenza de tres recoñecidos artesáns de instrumentos tradicionais, que amosaron o seu bó facer nunha ampla exposición. Contouse tamén con mestres que levaron a cabo obradoiros de xoguetes sonoros, de xogos de baile, de iniciación ao baile tradicional e incluso ensinaron a regueifar aos participantes. A ampla mostra de xoguetes tradicionais coa que contou a galería evocou tempos pasados en moitos dos asistentes.

O éxito acadado nesta edición, demostra a preocupación crecente da sociedade galega por poñer en valor a súa cultura, a súa música e todo aquelo que ao longo dos anos foi conformando o noso feito identitario.
   

22.07.08

A Asociación de Gaiteiros galegos colabora coa organización do Festigal, que se celebrará en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de Xullo, na xestión dun espazo de Cultura Tradicional. Serán dous días de actividades, mostras, obradoiros e música en directo nunha iniciativa que agardamos sexa do agrado dos asistentes á mesma.

XOVES 24 DE XULLO
11:00h: Apertura
· Mostra de Instrumentos Tradicionais
· Mostra de Traxes Tradicionais
· Mostra do 20 aniversario da AGG
· Mostra de Xoguetes Tradicionais Galegos
17:00h: OBRADOIROS
· Xoguetes Tradicionais
· Construción de Xoguetes Sonoros
19:00h: OBRADOIRO Xogos de Baile Tradicional
20:00h: Actuación e Obradoiro de Regueifeiros
21:00h: Peche do Espazo da Cultura Tradicional

VENRES 25 DE XULLO
15:00h: Apertura
· Mostra de Instrumentos Tradicionais
· Mostra de Traxes Tradicionais
· Mostra do 20 aniversario da AGG
· Mostra de Xoguetes Tradicionais Galegos
17:00h OBRADOIROS
· Xoguetes Tradicionais
· Construción de Instrumentos Vexetais
18:30h: Exhibición de Loita Galega
19:00h: OBRADOIRO Iniciación ao baile tradicional
21:00h: Peche


Máis información en http://www.festigal.com/
   

IX Memorial Ricardo Portela

26.06.08

O sábado 12 e domingo 13 de Xullo, celébrase en Pontevedra, na praza da Verdura, o IX MEMORIAL RICARDO PORTELA. Durante os dous días poderase visitar nese mesmo lugar a mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais.

O sábado 12 de xullo, terá lugar o concurso do Memorial, no que poderán participar agrupacións de música tradicional galega no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto. Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán: 1º-1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros. Ademais hai dous premios especiais: O “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de Don Ricardo e un premio “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o IX Memorial. As inscricións haberán de formalizarse no rexistro do concello de Pontevedra en persoa, por carta ou FAX (986 862 590). É convinte confirmar a inscrición chamando ao rexistro no Tfno. 986 804 300.
O Domingo 13, a partir das 20h, celebrarase o Festival de Música Tradicional coa actuación de Os Campantes da Baña e Vaamonde, Lamas & Romero.

PROGRAMA:

MOSTRA DE ARTESÁNS DE INSTRUMENTOS TRADICIONAIS
SÁBADO 12 E DOMINGO 13
De 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
Praza da Verdura

VENRES 11 DE XULLO
21:00 | Teatro Principal
Gala presentación do disco “Foliada nas Rías Baixas: homenaxe a Ricardo Portela, o mestre”.

SÁBADO 12 DE XULLO
12:00 | Saída Praza de Curros Enríquez - Pasarrúas dos grupos inscritos no concurso.
20:00 | Praza da Verdura - Actuación dos grupos finalistas, resolución dos premios e actuación especial de Kevin Carr

DOMINGO 13 DE XULLO
20:00 | Praza da Verdura - Festival de Música Tradicional:
• Os Campantes da Baña
• Vaamonde, Lamas & Romero

Bases do Concurso
   

II ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

02.06.08

Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou o Encontro de Tocadores de Trompa. Foi o pasado Sábado 31 de Maio na localidade da Fonsagrada, durante unha intensa xornada na que os amantes da música tradicional, e máis concretamente da Trompa, puideron reunirse entorno a este pequeno gran instrumento.

Dende primeira hora foi numeroso o público se achegou para participar nas diversas actividades programadas. En primeiro lugar levouse a cabo unha interesante charla sobre a trompa en Galiza e nas distintas culturas do mundo na que interviñeron Luciano Pérez, responsable técnico da colección de instrumentos musicais do centro de artesanía e deseño de Lugo; Natalia Regueiro, quen fixo un importante estudio da Trompa na comarca da Fonsagrada, e o recoñecido músico e investigador Inglés John Wright, quen catalogou a maior colección de Trompas do mundo que se atopa no Museo do Home da cidade de París.

Xa pola tarde, foi o momento das demostracións prácticas, co artesán experto na fabricación de Trompas Oliverio Fernández, que deu conta do seu bo facer na fragua, e coa celebración dun curso de iniciación á Trompa. Pechouse a xornada cun concerto de demostración onde participaron os trompeiros Emilio O Pando, César Fernández, Pablo Carpintero, Daniel O pando e John Wright.

Na foto John Wright nun momento da súa intervención tocando unha trompa de Bambú que se acciona mediante un cordel.
   

II ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

21.05.08

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o próximo sábado 31 de Maio o II Encontro de Tocadores de Trompa. As actividades levaranse a cabo durante toda unha xornada na localidade da Fonsagrada, lugar de especial interese na historia deste instrumento, xa que aquí se conservou o seu uso ata os nosos días.

Nesta segunda edición do Encontro, contaremos cos principais tocadores de trompa de Galiza, e tamén faremos un achegamento á presenza deste instrumento en outras culturas. Será a través do recoñecido músico e investigador John Wright, quen impartirá unha interesante conferencia, que se completará cunhas clases prácticas para aprender a tocar a trompa.

A asistencia ao encontro e totalmente gratuíta. Aqueles que desexen mercar unha Trompa para asistir ás clases de iniciación, poderán facelo ese mesmo día, previa reserva, a través do seguinte teléfono, Fax ou enderezo electrónico:
Tlfno/Fax: 986 847 074
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

O programa do Encontro queda do seguinte xeito:

11:00h - “ A presenza da Trompa en Galiza e nas distintas culturas do mundo” Relatores: Natalia Regueiro, Luciano Pérez e John Wright
14:00h - Xantar
16:00h - Mostra de construción de Trompas: Oliverio Álvarez
16:45h - Clases de iniciación e técnicas para tocar a Trompa. John Wright
18:30h - Concerto de Trompa: Emilio O Pando, César Fernández, Pablo Carpintero, Daniel O pando, John Wright.
   

22.04.08


O próximo domingo 27 de abril celébrase en Melide, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos coa colaboración da Asociación Castelo de Melide, o III Seminario sobre Palletas e Pallóns para gaita galega. Será a partir das 11h da mañá no centro multiusos desta localidade e a entrada é totalmente gratuíta.

Ao longo da mañá abordaranse temas fundamentais e problemáticos, tanto para artesáns como para intérpretes, que xiran en torno á elección da palleta, empalletado, afinación da gaita, conservación das palletas... e todo se fará baixo os garantes que proporcionan o coñecemento e a amplísima experiencia como é a que teñen os participantes neste seminario: Amado Domingo “Cubero” e Sito Carracedo.

A Asociación de Gaiteiros Galegos, con este seminario, quere facer especial fincapé no tema das palletas e pallóns e a estreita relación que esta actividade ten coa construción e a interpretación do instrumento. Agardamos que se cree un ambiente propicio para que se dea un proceso de intercambio de ideas e opinións acerca dun tema que, en moitas ocasións, é obviado ou non ten acadado a atención que merece por parte de estudosos, artesáns e intérpretes da música tradicional e que, sen embrago, é fundamental para a perpetuación dun dos instrumentos máis emblemáticos da nosa cultura.

Durante todo o día poderase asistir ás diferentes actividades que a Asociación Castelo de Melide ten programadas na IV Foliada de Melide.
   

Páxina 15 de 22

Buscador

Últimas novas

DiscografiasPublicacións