Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG

AGG

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DA AGG

20.04.09

A Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou o domingo 19 de Abril a súa Asemblea Xeral Ordinaria no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, en Santiago de Compostela.

Nela, e tras aprobar a acta da Asemblea anterior, a Xunta Directiva deu conta ós socios de todas as accións acometidas no último exercicio, onde cabe destacar o incremento de asociados, o aumento de servizos, o traballo realizado na organización de actividades e colaboracións con diferentes institucións, e a posta en marcha da Tradescola.

Posteriormente, procedeuse á votación da nova Xunta Directiva, aprobada por unanimidade, e que queda configurada da seguinte forma: Santiago Caneiro (Presidente), Xaneco Tubío (Secretario), Xosé Francisco Gil (Tesoureiro), Olimpio Xiráldez, Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Pablo Díaz, Olga Kirk, Xaime Estévez, Raquel Iglesias, Jose Juan Presedo, Xoán Ramón Marín, Patricia González, Gustavo Couto, Xosé Emilio Lois e Alberto Granja (Vogais).

Por último se presentaron ós socios os proxectos planificados para o 2009 e as previsións de futuro.
   

XORNADA DE MÚSICA TRADICIONAL EN MONFORTE

20.04.09


A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, no seu afán de incrementar a presenza da música tradicional galega na sociedade actual, dedicou unha xornada didáctica á percusión tradicional, zanfona e cantos de cego na vila de Monforte de Lemos. Esta xornada tivo lugar na tarde do domingo 19 de abril, no salón de actos da casa da cultura.


Esta actividade estivo guiada polos mestres da Tradescola Luis Correa “O Caruncho” e Xose Lois Romero Cajigal. O numeroso público asistente puido gustar dun concerto didáctico no que Luis “O Caruncho” amosou os secretos da zanfona, cantos de cego, romances... e Xosé Lois ensinou as distintas percusións utilizadas na música tradicional. Posteriormente, os mestres estiveron a disposición dos asistentes para responder a calquera dúbida ou inquedanza sobre os distintos instrumentos.


   

TRECE LÚAS, O NOVO TRABALLO AUDIOVISUAL POMOVIDO POLA AGG

16.01.09

Tralo éxito acadado polos traballos O Quiquiriquí e PeloGato24, a Asociación de Gaiteiros Galegos está rematando unha nova proposta audiovisual, que verá a luz en Febreiro e levará por título Trece Lúas. Coas tradicións relacionadas cos ciclos do ano como fío condutor, Trece Lúas preséntase nun formato que inclúe un libreto de 64 páxinas, un CD e un DVD. No disco atoparanse 12 temas elaborados sobre melodías tradicionais, cunha temática correspondente a cada mes do ano, interpretados por músicos de recoñecido prestixio na música tradicional galega e cantados por voces infantís. O libreto contén textos explicativos do traballo e contidos didácticos para a súa aplicación nas aulas, ademais dos créditos e letras das cantigas. Por último, o DVD inclúe unha peza de monicreques, un documental sobre os ciclos do ano, entrevistas ós participantes e ‘como se fixo’, vídeos musicais e pistas de karaoke. Todo este traballo non sería posible sen a colaboración da Universidade de Vigo e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A Asociación de Gaiteiros Galegos segue apostando, deste xeito, pola edición de material de uso didáctico orientado principalmente aos máis novos, para conservar e difundir a nosa música tradicional e con elo a nosa lingua e cultura.
   

TRADESCOLA - Monográfico sobre os Cantos de Nadal

11.12.08




A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que recentemente abriu as súas portas en Lugo, dedica o seu primeiro monográfico sobre música tradicional aos Cantos de Nadal. Esta xornada terá lugar a mañá do sábado 20 de Decembro no salón de actos do Centro Residencial Xuvenil Lug II, (Rúa Pintor Corredoira Nº 4 – Lugo) a partires das 11.00 h.

Os Cantares de Nadal, Cantares de Aninovo e os Cantares de Reis, foron a desculpa perfecta para faceren unha noite de alegría, de acompañamento, de ilusión, para moitos dos galegos e galegas que tiveron a súa vida no rural. Para realizar esta xornada, na que se amosarán os distintos cantares e tradicións do Nadal en Galiza, contaremos coa presenza de Mini e Mero, que estarán acompañados polo gaiteiro Raúl Galego.

Xosé Luis Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio son os nomes de pía de Mini e Mero, lucenses da Terra Chá, dabondo coñecidos no eido da música galega. Son mestres no rural, cofundadores de “Fuxan os Ventos”, fundadores de “A Quenlla”, musicólogos, intérpretes, autores de libros como “Contos de Vellos para nenos”, “Somos Lenda Viva”, etc. Ademais diso atoparon tempo para a recolla de música tradicional e da sabedoría popular da xente do rural. Ou como din eles “Non só para recollela, coidala e conservala, senón tamén para transmitila, espallala e devolvérllela ao pobo”. Levan máis de 15 anos colaborando co gaiteiro Raúl Galego en actuacións co grupo A Quenlla, conferencias, exposicións e obradoiros.


   

V MOSTRA DE CUARTETOS DE MARÍN

21.11.08

Continúan as actividades dentro da programación da V Mostra de Cuartetos de Marín, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos co patrocinio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e a Concellaría de Cultura e Xuventude do Concello de Marín.

Diversos centros escolares do concello de Marín visitaron estes días o Museo Municipal Manuel Torres para ver a exposición da V Mostra de Cuartetos que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos. Os alumnos e alumnas puideron ollar fotografías, instrumentos e diversos materiais do cuarteto Os Peruchos de Castrelos, ao que se lle dedica este ano a Mostra. Ademais, unha persoa da organización, explicoulle aos rapaces e rapazas a historia deste grupo con diverso material didáctico e obradoiros de música, co que tamén se afonda no coñecemento e respecto pola nosa tradición.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o día 29 de novembro, data na que se celebran os actos de peche da mostra. A partir das 16:30, ofrecerase unha charla de Cástor Castro sobre o Catálogo de músicos da Limia, ao que seguirá unha conferencia de Beatriz Riobó e Nacho Mirás, gaiteiros da xeración actual dos Peruchos, facendo un percorrido pola historia do cuarteto homenaxeado dende os seus comezos, que nos axudará a afondar no seu coñecemento. Pecharase a mostra coa interpretación de parte do repertorio dos Peruchos.

Ao remate dos actos, está programada unha cea á que poderá asistir todo aquel que o desexe facendo a correspondente reserva antes do mércores 26 de Novembro no teléfono da Asociación de Gaiteiros Galegos: 986 847 074. O custo por persoa é de 20 euros.
   

ACTAS II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

19.11.08


Xa están publicadas as actas do II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega que a Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou os días 7,8 e 9 de decembro do pasado ano 2007 en Santiago de Compostela. Nelas recóllense todos os relatorios, mesas redondas, obradoiros e comunicacións que se presentaron neste importante evento.

Nesta publicación de 290 páxinas pódese atopar información sobre temas tan interesantes como o coidado da voz, xogos populares e tradicionais galegos, a orixe da requinta, novas tecnoloxías no ensino da música tradicional, danzas gremiais...

Os socios da AGG poden solicitar o seu exemplar gratuíto no teléfono 986 847 074 e recibilo por correo postal, asumindo os custos de envío, ou ben recollelas no local da nosa oficina situada no seguinte enderezo:

Rúa Alfonso XIII, nº 7 - Oficina 8 (2º andar) - Pontevedra

O horario de atención ó público é de 9 a 14 h. e de 16 a 19h.

Os demais interesados poden adquirilas a un prezo de 10 Euros. Para máis información, poden chamar por teléfono ou mandar un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

   

V MOSTRA DE CUARTETOS DE MARÍN

13.11.08


O venres 14 de Novembro comeza unha nova edición de Mostra de Cuartetos Tradicionais de Marín. Será no museo Manuel Torres, a partir das 20:30 horas cunha charla arredor da Música tradicional no século XXI, moderada por Candido Meixide, e coa participación de Daniel Bellón, Xosé Lois Romero, Guillerme Ignacio e Xaquín xesteira. Seguidamente, o cuarteto Luvas Verdes ofrecerá un concerto en acústico.


Esta V Mostra de cuartetos está dedicado a Os Peruchos de Castrelos, e do 14 ao 29 de Novembro estará aberta unha exposición no museo Manuel Torres con fotografías e materiais en lembranza desta formación.


O día 29, como peche das actividades, está programada, ás 16:30, unha charla de Cástor Castro sobre o Catálogo de músicos da Limia, ao que seguirá unha conferencia e concerto sobre Os Peruchos. Será da man de Nacho Mirás e Beatriz Riobó, gaiteiros da xeración actual dos Peruchos.
   

PRESENTACIÓN DA TRADESCOLA

06.11.08

A Asociación de Gaiteiros Galegos encargarase de xestionar a Tradescola, que contará coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude - dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia- e a Área de Cultura da Deputación

O xoves día 6 de Novembro ás 12:00 da mañá terá lugar a presentación da TRADESCOLA. O acto de presentación terá lugar no Complexo Residencial Xuvenil Lug I (Rúa Pintor Corredoira Nº 2 ), e estarán presentes o Direitor Xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, a Delegada da Consellería de Vicepresidencia en Lugo, Branca Rodríguez Pazos, e o Secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xoan Manuel Tubío Fernández.

A TRADESCOLA é un novo proxecto educativo no eido da música e baile tradicionais. Este centro de ensino estará xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e ofrecerá docencia especializada, cunha proposta educativa estruturada que lle permitirá ao alumnado adquirir unha formación integral na música e no baile tradicional. As aulas que se van a impartir son as seguintes: gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación.
   

MOSTRA DO PATRIMONIO INMATERIAL - FESTIVAL DA AGG

03.11.08

A AGG SÚMASE Á MOSTRA DO PATRIMONIO INMATERIAL CULTURAL DE OURENSE, DO 8 AO 11 DE NOVEMBRO

Asociación de Gaiteiros Galegos e o Proxecto Ronsel (das tres Universidades galegas) organizan a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego na Alameda de Abaixo de Ourense, entre os días 8 e 11 de novembro. A iniciativa procurará pór en valor o patrimonio cultural inmaterial, como xa se fixera o ano pasado en Pontevedra, a través de exposicións, debates, música, degustación de produtos e producións audiovisuais.

Dentro do programa, a AGG celebrará un Festival de Música Tradicional, nas noites do sábado 8 e luns 10, coa participación de grupos galegos e portugueses. A música será unha constante no evento, tamén en horas diúrnas.

As catro xornadas da mostra van acoller obradoiros de xogos e xoguetes tradicionais, olería, forxa, luthería, torno, construción de instrumentos vexetais e construción en barro. Cada día estará dedicado a unha estación, co obxectivo de facer un percorrido polo ciclo do ano a través da exhibición de actividades tradicionais. O programa de exposicións é moi variado. Poderán verse desde traxes tradicionais de faena e de Entroido ata xoguetes tradicionais, pasando por material de oficios, produtos ecolóxicos e razas de gando autóctono.

FESTIVAL DE MÚSICA TRADICIONAL DA ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS

SÁBADO 8 DE NOVEMBRO, de 20:30 a 00:30 h

Joaquim Pereira “O Carriço” (gaiteiro de Quinta do Valongo, Mealhada, Portugal).
Ludovaina (cuarteto tradicional do Morrazo,
Pontevedra).
Tanxedoras do Pandeiro (Vigo, Pontevedra).
Aula de Música Tradicional Gomes Mouro (Ourense).
A Requinta de Xián (comarca da Ulla, Boqueixón, A Coruña).

LUNS 10 DE NOVEMBRO, de 20:30 a 00:30 h

Henrique Carregal (Gaiteiro de Melide, A Coruña).
Juanjo Fernández (Gaiteiro de Lugo).
Tres Estralos (romances e cantos) (Redondela, Pontevedra).
Pai da Cana (murga) (Poio, Pontevedra).
Tanto nos ten (quinteto) (Redondela, Pontevedra).

Para ver o programa completo da mostra preme no seguinte enlace:

Programa Mostra
   

III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

30.10.08

Máis de 280 persoas se darán cita no III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega.

Esta cita anual organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, lévase a cabo durante a fin de semana do 31 de outubro ao 2 de Novembro.

Xa está en marcha unha nova edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega, que por terceiro ano consecutivo reunirá na cidade de Santiago de Compostela a numerosas personalidades do mundo do ensino durante a fin de semana do 31 de outubro ao 2 de Novembro. Cun aforo completo, con 280 congresistas inscritos, o Auditorio de Galicia volve a quedarse pequeno para unha actividade que rexistra unha importante demanda, principalmente por parte de mestres de ensino obrigatorio.

Tentando cumprir un dos seus principais fins, a normalización da cultura musical de Galicia, a Asociación de Gaiteiros Galegos reúne neste congreso aos principais actores do ensino da música e baile tradicional nun marco que permita a discusión das futuras liñas a seguir, para que o noso patrimonio musical sexa posto en valor e transmitido dun xeito moderno e eficaz ás novas xeracións. Diversos relatorios tratarán dende as aplicacións da música popular galega nos sistemas de ensino ata a afinación e entoación na música tradicional. Os obradoiros, tralo éxito acadado na pasada edición, volverán a ser un punto importante, no que se tratarán temáticas como a expresión corporal, o baile tradicional, a construción de enredos musicais ou a regueifa. Tamén haberá mesas de debate sobre o estado do ensino da música tradicional nos conservatorios ou no ensino obrigatorio, comunicacións, un concerto didáctico a cargo dos Gaiteiros da Xistra e presentacións de novas publicacións sobre música tradicional e ensino.

Este relevante congreso está organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, así como pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela. Na súa organización colaboran a AS-PG e a CIG-Ensino, xunto coas Universidades de A Coruña e Vigo.
   

Páxina 14 de 22