Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG

AGG

PRESENTACIÓN DO IV CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

21.10.09

O día 21 de Outubro tivo lugar no salón de Actos da Deputación de Lugo a presentación da IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega que contou coa presenza de Antón Bao Abelleira, vicepresidente da Deputación de Lugo, Xoán Manuel Tubío Fernández, secretario Asociación Gaiteiros Galegos, Antón Castro, representate da CIG Ensino e Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-pedagóxica Galega (ASPG).

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.

   

A AGG ENCABEZOU A MANIFESTACIÓN ORGANIZADA POLA PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO

19.10.09

Grupos e músicos responderon de xeito masivo á convocatoria realizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos para participar na mobilización que reuniu na capital de Galiza a milleiros de persoas para defender o noso idioma

A Asociación de Gaiteiros Galegos encabezou a manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego que se celebrou na capital de Galiza o pasado día 18 de outubro. A AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos), integrada na plataforma organizadora, mobilizou aos asociados e asociadas que participaron de xeito masivo na manifestación facendo soar os seus instrumentos na defensa do noso son e do noso idioma. A AGG tivo a honra de ser convidada pola organización para abrir a manifestación que foi encabezada por membros da xunta directiva da AGG e varios socios e socias. Moitos foron, tamén, os gaiteiros e gaiteiras que levaron a Compostela o son dos seus instrumentos para facer patente o apoio dos músicos tradicionais a esta mobilización en defensa do noso idioma. Ademais da presenza na marcha a favor do Galego foron membros da AGG os que animaron, na Praza da Quintana, a chegada dos manifestantes e interpretaron o Himno Galego ao final das intervencións previstas pola plataforma.

Membros da directiva da AGG manifestaron que "a participación da AGG nesta mobilización é a continuidade ao traballo realizado pola Asociación de Gaiteiros en máis de 20 anos de defensa da nosa música, da nosa cultura e do noso idioma". Para a AGG non se pode entender a cultura, nin a música galega sen o idioma "non se pode entender a figura do músico tradicional como un interprete instrumentista ao uso, ser gaiteiro conleva moito máis que saber tocar a gaita".

   

IV Congreso de ensinantes de música tradicional galega

08.10.09

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo. O prazo de inscrición estará aberto entre os días 9 e 23 de Outubro.

Calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Estamos a falar tanto do ensino obrigatorio, xa sexa público ou privado, como das universidades, escolas de música, conservatorios e todos aqueles lugares onde se produce un intercambio de coñecementos. Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesario este proceso de transmisión, que constitúe o principal garante, non soamente da conservación das nosas tradicións, senón da súa utilidade na sociedade actual.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.

Nos seguintes enlaces podes atopar máis información sobre o congreso:

Inscrición

Boletín de inscrición para ensinantes a través da páxina da AS-PG

Programa e Información


Boletín de Inscrición para o resto de asistentes
   

COMUNICACIÓNS PARA O IV CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

16.09.09

A Asociación de Gaiteiros Galegos está a organizar o IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, que se levará a cabo no Auditorio da Facultade de Veterinaria, no Campus Universitario de Lugo, durante os días 30 e 31 de Outubro e 1 de Novembro. Toda persoa que queira expoñer algún tema relacionado co ensino da música tradicional poderá escribir unha comunicación e presentala no Congreso.

As normas para a presentación de comunicacións serán as seguintes:

- O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será do 1 ao 17 de outubro de 2009. O contido deberá ser enviado co seguinte formato: letra “Times New Roman”, tamaño 12, interliñado sinxelo. O contido deberá incluírse nunha páxina como máximo (1 cara). Ademais deberán indicarse os datos persoais do autor/es que presenten a comunicación.

- Os autores das comunicacións seleccionadas poderán redactar o traballo in extenso ata o 27 de Outubro. Data límite para que todos poidan ser incluídas na documentación oficial do Congreso.

- A duración das comunicacións non deberá ser superior a 15 minutos de exposición.

- O envío das comunicacións deberá realizarse por correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou por correo ordinario á Rúa Alfonso XIII nº7, oficina 8. 36002 Pontevedra.
   

XORNADA DIDÁCTICA SOBRE MÚSICA TRADICIONAL NA TRADESCOLA

14.09.09

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza para o vindeiro día 17 de Setembro unha xornada didáctica sobre música tradicional en Lugo. Esta xornada, estará guiada polos profesoras da Tradescola Xela Conde e Pedro Lamas.



Esta actividade terá lugar no salón de Actos do CRX LugII de Lugo (sede da Tradescola) o xoves 17 de Setembro a partir das 17:30 h da tarde.



Para recibir máis información ou para facer as inscricións poden chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo


Tradescola
CRX LugII
Rúa Pintor Corredoira, 4 · Lugo
   

OFERTA DE ABRIGUEIROS ESTUDIOS PARA SOCIOS DA AGG

03.09.09

Abrigueiro Estudios, un dos estudios de gravación mais representativos de Galicia ubicado na montaña lucense, presenta unha oferta nos seus prezos para os socios da AGG.

Con un desconto do 15% para asociados da Asociación de Gaiteiros Galegos, Abrigueiro Estudios quere dar un pouco mais a coñecer o seu aclamado son, conseguido co traballo de xente moi experimentada, con material de calidade e mimando a túa música para que teña un acabado profesional á par que asequible para todos.

Abrigueiro Estudios está especializado en gravación, mistura e masterización, pasando polo seus microfonos agrupacions coma Fuxan os Ventos , Pepe Vaamonde Grupo , Ghaita Depedra ou Cuarteto Caramuxo, e artistas en colaboracions coma Anxo Pintos , X.M Budiño, Ivan Costa e Carlos Castro entre outros.

Para mais información podes chamar ao 982 15 35 81, enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou visitar a páxina web de Abrigueiro Estudios
   

CELEBRADA A XVI MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL DE PARDIÑAS

05.08.09

A pasada fin de semana celebrouse en Pardiñas (Guitiriz) o Festival de Pardiñas e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano cumpriu a súa XVI edición. Un ano máis a Mostra, guiada pola comisións de artesáns da AGG, contou coa asistencia de numeroso público, que desfrutou visitando os postos dos 20 artesans, e asistindo ás actuacións e obradoiros organizados.

A Mostra comezou cun fermoso pregón de Miro Casabella, compositor e cantautor destacado da chamada nova canción galega. Posteriormente, Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira impartiron un interesante obradorio de regueifas, ao que seguiu a actuación de Tanto nos Ten, un dos grupos revelación da música tradicional galega.

Durante a xornada do domingo 2 de agosto, Oli Xiráldez e Pablo Díaz conduciron, respectivamente, obradoiros de treboada e baile tradicional. Pola tarde, a música chegou a través dos Tres Estralos (formación de cordas guitarra, zanfona e arpa acompañada por voces e percusión tradicional) que ofreceu versións do repertorio popular galego.

A gran cantidade de asistentes e o alto grado de interese e participación que mostraron pola Mostra anímanos a seguir traballando no achegamento ao público da cultura tradicional.
   

GALERÍA DE CULTURA TRADICIONAL DA AGG NO FESTIGAL

28.07.09

Por segundo ano, a Mostra de Cultura Tradicional que a AGG organiza dentro das actividades do Festigal, repetiu éxito.


Numerosas persoas disfrutaron da Galería da Cultura Tradicional, que foi xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos dentro das actividades do Festigal, que se celebrou en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de Xullo.


Os visitantes puideron asistir a actuacións, mostras de instrumentos e xoguetes tradicionais, e distintos obradoiros que fixeron as delicias do numerosísimo público que nos visitou durante a mostra.


Nesta edición contouse coa presenza de dous recoñecidos artesáns de instrumentos tradicionais, que amosaron o seu bó facer nunha ampla exposición. Contouse tamén con mestres que levaron a cabo obradoiros de treboada, xoguetes tradicionais e iniciación ao baile tradicional. A ampla mostra de xoguetes tradicionais coa que contou a galería evocou tempos pasados en moitos dos asistentes.
   

XVI MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL DE PARDIÑAS

27.07.09

Os días 1 e 2 de Agosto celebraranse en Pardiñas (Guitiriz) o Festival de Pardiñas e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano cumpre a súa XVI edición. Un ano máis a Mostra, guiada pola comisións de artesáns da AGG, contará coa presenza de 20 artesáns, ademais de actuacións e obradoiros que mostrar a nosa forte aposta pola música e o baile tradicional.
O programa desta nova edición conta cun pregoeiro de excepción: Miro Casabella, compositor e cantautor destacado da chamada nova canción galega, que formou parte do colectivo Voces Ceibes, para logo continuar a súa carreira artística en solitario.
O sábado 1 de agosto contarase cun dos grupos revelación da música tradicional galega, Tanto Nos Ten, que actuará no escenario do espazo da Mostra. Previamente, os asistentes terán ocasión de participar no Obradoiro de Regueifas a cargo de Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira.
Durante a xornada do domingo 2 de agosto haberá actividades dende a mañá, co son dos bombos do Obradoiro de Treboada, conducido por Oli Xiráldez, e co Obradoiro de Baile Tradicional, dirixido por Pablo Díaz. Pola tarde, a música chegará a través dos Tres Estralos (formación de cordas guitarra, zanfona e arpa acompañada por voces e percusión tradicional) que ofrecerán versións do repertorio popular galego.
As actividades previstas para enriquecer a exposición están enfocadas para que sexan totalmente participativas, polo que haberá un escenario dispoñible durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar e aqueles artesáns que desexen falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Ademais de ser a primeira mostra organizada en todo o Estado, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, é a que máis anos leva facéndose ininterrompidamente, chegando a ser hoxe en día referencia de luthiers e músicos tradicionais, non so de Galicia, senón de toda a Península, pois tamén ten grande repercusión en Portugal.
   

ESPAZO DE CULTURA TRADICIONAL DA AGG NO FESTIGAL

21.07.09

Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos participa na coordinación do espazo de cultura tradiciona do Festigal os días 24 e 25 de xullo. Un espazo baixo carpa que acollerá mostras, actuacións e obradoiros relacionados coa música, o baile e outras manifestacións culturais tradicionais.

O espazo de cultura tradicional (que estará aberto o día 24 de 11:30 a 21:00 h. e o día 25 de 15:00 a 21:00 h.) incluirá mostras de instrumentos, traxes e xoguetes tradicionais galegos, ademáis dun posto informativo e de venda da Asociación de Gaiteiros Galegos.

Os Miñotos, o día 24, e Armadanzas, o día 25, axudarán a animar, coa súa música, as horas do o xantar e da sobremesa. Ademáis, a carpa da Asociación de Gaiteiros Galegos contará cun concerto participativo a cargo do Grupo de Zanfonas da Tradescola de Lugo o día 24 ás 20:00 h., e cunha actuación do Grupo de Baile Tradicional Infantil Armadanzas o día 25 ás 20:00 h.

A proposta cultural da AGG no Festigal non remata aquí; no espazo de cultura tradicional poderase asistir a interesantes obradoiros: obradoiro de treboada (venres e Sábado ás 16:00 h.), de xoguetes tradicionais e construción de enredos musicais (venres e sábado de 17:00 a 19:00 h.) e iniciación ao baile tradicional (o domingo a partir das das 18:30 h.).

O Festigal (músicas, cultura, tendencias e diversidade) son dous días de actividades de balde, con máis de 30 carpas para todos os públicos e programación continua dende o día 24 ás 12:00h. Ademais, conta con zona de acampada e postos para xantar e cear.

Páxina Web do Festigal
   

Páxina 12 de 22