Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Publicacións

Publicacións

A DEP. DE OURENSE PUBLICA UN LIBRO SOBRE A GAITA EN 4 IDIOMAS E EXCLUE O GALEGO

19.01.10

A Asociación de Gaiteiros Galegos considera inaceptable que unha institución pública ignore o noso idioma nunha publicación sobre A Gaita.

Moi recentemente vense de editar unha obra de Fritz Schneider sobre a gaita de fol en Europa. A obra contén máis de 150 fotografías de iconografías sobre este instrumento que representan as culturas tradicionais de practicamente todos os países europeos. Cada iconografía acompáñase dun texto, todos xuntos van construíndo unha pequena historia da gaita de fol en Europa. A obra está editada pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, coa participación directa do seu director Xosé Luís Foxo segundo consta nos agradecementos. A obra foi editada en catro idiomas: alemán, francés, inglés e español.

Para a Asociación de Gaiteiros Galegos é inadmisible que unha publicación editada con cartos de todos os galegos a través dunha institución pública sexa escrita en catro idiomas agás o galego. Cando se le o título resulta sorprendente atoparse co seguinte texto: Die sackpfeife/La cornemuse/The bagpipe/La gaita, trátase dunha publicación tretralingüe, feita desde un organismo público galego, na que o noso idioma non é un dos empregados. Segundo a Asociación de Gaiteiros Galegos “A aldraxe para a nosa cultura chega por veces a extremos desconcertantes dende determinados estamentos que atacan a liberdade cultural”. Dende a AGG afirman que “parece claro que existe, desde as institucións gobernadas polo Partido Popular, unha presión para eliminar da rúa o noso idioma, este libro non é máis que unha clara e perfecta mostra da nova política lingüística do goberno e do que o novo decreto do galego tentará co noso idioma: eliminalo”.

Segundo directivos da Asociación de Gaiteiros Galegos “esta publicación non é máis que unha continuación do ataque á nosa cultura iniciado polos responsables da Deputación de Ourense coa creación da Escola de Gaitas e a Real Banda de Gaitas”, Para os membros da AGG as formacións de bandas de gaitas impulsadas dende o ente provincial ourensán levan consigo unha desnaturalización intencionada da figura do gaiteiro como parte da nosa identidade cultural e do noso feito diferencial como país.
   

O MÉTODO PROGRESIVO PARA GAITA

22.09.09


O Gaiteiro e mestre de gaita da Tradescola Bruno Villamor, vén de presentar os dous primeiros cadernos do seu método progresivo para gaita galega. A través da editorial Dos Acordes, constitúe un completo método en dez volumes correspondentes aos graos elemental e profesional de gaita, que é valido tamén para o seu uso en asociacións, academias, cursos ou ben como complemento á formación de calquera gaiteiro.


Estas publicacións xa están á venda nas librarías por un prezo de 12 euros a unidade, mais ten un prezo especial de lanzamento de 10 euros mercándoo a través da páxina www.dosacordes.com. Tamén se ofertan prezos especiais para mestres a través da web.


Máis información na páxina www.dosacordes.com


   

PRESENTACIÓN DE GAIFONÍA

02.07.09


O domingo 19 de Xullo, ás 20:00 horas do serán, no transcurso do XIV Certame de Bandas de Música no auditorio municipal Cine Alovi de As Pontes, será presentado o libro GAIFONÍA.

Trátase de dúas obras musicais para gaita galega e banda: suite PARA OS DA NOSA TERRA e marcha procesional Á NOSA SEÑORA VIRXE DO CARME, ámbalas compostas polo Mestre Gaiteiro Xoán Carlos Rilo e harmonizadas e orquestradas para Banda polo director Joan Bautista Bernat.

GAIFONÍA foi editado pola Excma. Deputación de A Coruña en colaboración co Concello de As Pontes.

Con esta publicación, os autores pretenden principalmente dous obxectivos:

1.- Facilitar a calquera alumno que estude nos Conservatorios de Galicia o acceso a este tipo de obras que lle permitirá familiarizarse coa nosa música.

2.- Paliar o déficit que seguimos tendo de obras para gaita e banda, co firme propósito de que o noso instrumento mais representativo adquira e manteña o lugar que lle corresponde.

   

AGUSTÍN LORENZO LOROÑO

30.04.09



Edicións do Cumio presenta un novo volume da colección multimedia. Nesa ocasión trátase da obra dedidaca ao gaiteiro Agustín Lorenzo Loroño, fundador do grupo Brisas do Río Ulla. Agustín foi, ademais, impulsor de formacións históricas como Os Rosales, Os Areeiras, Faíscas de Xiabre e Milladoiro.


A obra, froito da investigación e rigoroso traballo de Xosé Ameneiro Piña, elabora unha exhaustiva historia do grupo e recolle fotografías e partituras, así como unha guía de audición. A edición complétase con material en video recollido nun DVD. Tamén se poderá atopar nas tendas en poucas semanas un disco con gravación do grupo Brisas do Río Ulla, que formará parte da colección musical 'Os Nosos Gaiteiros'.


Pode descargar gratuitamente un avance desta obra aquí.
   

TRECE LÚAS XA Á VENDA

23.04.09

Xa se pode atopar nas tendas, distribuído por A Lonxa Cultural, o novo traballo audiovisual da Asociación de Gaiteiros Galegos Trece Lúas. Como en anteriores publicacións, os socios e socias da AGG poden mercar o seu exemplar cun prezo reducido de 10 € + gastos de envio, solicitándoo a través do correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben chamando ó número de teléfono 986 847 074. Tamén existe a opción de mercalo directamente na oficina da AGG situada na rúa Alfonso XIII, nº7 en Pontevedra, ou na Tradescola: Pintor Corredoira, 4 en Lugo.

Trece Lúas é un libro-CD-DVD que nos convida a facer unha viaxe no tempo, unha viaxe de doce meses con cadansúa canción e co ciclo do ano como fondo da escena. É unha proposta de lecer, para gustar da nosa música, aquela que sempre estivo aí e que neste disco presentamos dun xeito actualizado. Pero esta proposta vai moito máis alá. Como continuación da liña seguida en traballos editados anteriormente (“O Quiquiriquí” e “Pelo Gato 24”), trátase dun material didáctico que pretendemos axude en boa medida á difusión da nosa cultura. Unha ferramenta pensada para facer chegar, sobre todo aos máis novos, un anaco do que somos e do que queremos seguir sendo.
Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos temos a convicción de que o futuro das nosas tradicións, o garante da súa supervivencia, está na xuventude. Debemos achar a maneira de que a liña de transmisión cultural se adapte aos tempos para seguir sendo efectiva. Así elaboramos Trece Lúas, dun xeito respectuoso coas nosas tradicións e ao mesmo tempo atractivo, aplicando as novas tecnoloxías das que dispoñemos. Agardamos que poida ser utilizado como elemento educativo en calquera dos ámbitos, xa sexa escolar ou familiar, e supoña un paso máis de cara á normalización da nosa música tradicional.

Este novo traballo, editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, conta có patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, e da Universidade de Vigo.
   

Novo traballo dos Carunchos

26.02.09

"En galego", o novo traballo dos Carunchos, xa está a piques de saír á luz. O grupo segue achegándonos a música de raíz neste disco para que podamos afondar un pouco máis na nosa tradición.

Mentres tanto e para que non perdades detalle, podedes ver aquí o videoclip do tema “Galicia”.
   

As gravacións da música galega (1975-2000) - Xaime Estévez

10.12.08

A presente publicación nace da tese de doutoramento feita por Xaime Estévez na UNED de Madrid baixo a dirección da doutora Pilar Lago Castro, tese que mereceu premio extraordinario de doutorado da Uned concedido o ano 2007. O AGADIC e a editorial Tristram acordaron a edición dunha parte deste traballo polo seu grande interese divulgativo e de posta en valor do noso patrimonio cultural. Entre dúas e tres mil horas, cando menos, fixeron falla ao longo de seis anos para chegar a esta edición sobre a música galega gravada.

O máis salientable deste traballo de máis de 400 páxinas, é sen dúbida que cuantifica obxectivamente o impresionante legado da música galega gravada só nun marco temporal de 26 anos. Analizáronse 774 gravacións que deixaron o descuberto preto de 500 agrupacións ou artistas (468), preto tamén de 500 horas de música gravada (485), case 10.000 temas (9.289) . Esta investigación aporta datos obxectivos sobre Intérpretes,Compositores, Editoriais, Referencias xeográficas, Letristas, Instrumentos, Formas musicais... Ofrécense tamén análises cronolóxicas, cuantitativas e estilísticas que nos descobren, por exemplo, máis dunha ducia de tipoloxías e matices diferentes para a música galega, os temas máis gravados, a evolución da edición discográfica ou as agrupacións e compositores máis relevantes neste marco temporal, así como datos concretos sobre as particularidades da música galega.
Facilítanse 200 páxinas de índices e informes ordeados para a súa consulta, incluido un índice gráfico, e ata 32 táboas analíticas e gráficos demostrativos.Toda esta información e datos van acompañados dun marco teórico sobre a música galega : nomes propios, recompilación, conexións con outras músicas, fontes, estilos,... que fan desta edición unha referencia imprescindible dende agora para afondar na realidade e na verdadeira dimensión da música galega gravada quizais insuficientemente coñecida e valorada pola inexistencia de traballos musicolóxicos e científicos deste calibre.
A presentación feita polo profesor Rodrigo Romaní e o prólogo da Dra. Pilar Lago serven de pórtico perfecto e acorde á categoría dun traballo tan necesario como de referencia imprescindible no futuro para a posta en valor e a difusión axeitada do noso patrimonio cultural inmaterial.

Enlace para mercar o Libro en Andel Virtual
   

Revista Etno-folk

25.06.08


A revista Etno-folk no seu nº 11 fai un repaso ao que foi o Encontro de Gaiteiros “Manuel Villanueva”, gaitas de fol do noroeste.
Coordinada por Oscar Ibañez da Asociación Cultural Pai da Cana, ten o seguinte sumario:

Encontro de Gaiteiros "Manuel Villanueva", gaitas de fol do noroeste,
por Oscar Ibáñez García
I Encontro de Gaiteiros... 2006:
Gaitas e gaitas de fol galegas con cantores de tipo clarinete, por Pablo Carpintero
La gaita y el oficio de gaitero en Asturias, por Juan Alfonso Fernández García
La gaita de fole en Zamora. Zonificación, estilos y repertorio, por Alberto Jambrina Leal
A gaita de foles na Terra de Miranda, por Mário Correia
II Encontro de Gaiteiros... 2007:
A entoación da gaita, pasado e futuro, por Carlos Real, Manuel Fernández e Oscar Ibáñez
La gaita asturiana, características y evolución, por Juan Alfonso Fernández García
La gaita cántabra. Estudio etnomusicológico en el occidente
de Cantabria, por Roberto Diego
La gaita en el oeste de la provincia de León, por Rafael Busto Ferrero

   

Para Cantar e Bailar

20.05.08



Edicións do Cumio comprácese de presentar o libro-Cd Para cantar e bailar, libro que recolle xogos e bailes procedentes da nosa tradición popular que o folclorista e mestre Luís Prego adapta para os nenos de hoxe.


Esta recompliación nace coa idea de servir para conservar e transmitir parte do amplo corpus de divertimentos que tiñan os nosos antepasados, formado por xogos e cantigas pensadas para seren empregadas en colectivo e nas que participaban tanto nenos como adultos. O libro comprende vinte e tres xogos e danzas con explicacións sinxelas das coreografías acompañadas por ilustracións de Serxio Cobos. Acompáñanse tamén as letras adaptadas a nivel de lingua e de contido e as partituras das cancións, así como un CD cos temas musicais e unha pista de video onde atoparemos demostracións dalgúns dos bailes.



Máis información no seguinte enlace:


Edicións do Cumio
   

PONTEVEDRA EN MÚSICA

15.05.08

A Deputación de Pontevedra, sensible á urxencia da recuperación do noso patrimonio sonoro, creou en 2003, dentro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, un espazo para a recompilación, conservación e difusión das gravacións sonoras galegas éditas e inéditas en calquera soporte realizadas en Galicia e mais as realizadas fóra do noso territorio que estean relacionadas coa nosa cultura.

A través desta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende reunir toda a documentación sonora galega que sexa posible tendo en conta a música, a palabra, os sons naturais e outros que tamén nos rodean contribuíndo a que o noso contorno se conforme como unha paisaxe sonora única con identidade de seu. A documentación sonora reunida supera hoxe os 5.000 rexistros que están a disposición do cidadán para consultar, investigar e para outros usos que non teñan carácter comercial.

Co fin de fomentar e dinamizar este arquivo sonoro galego o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra creou unha nova liña editorial dedicada á difusión do noso patrimonio sonoro, que ve a luz con esta primeira publicación referida á música da nosa provincia realizada coa colaboración da editorial Edicións do Cumio.

Este CD contén unha selección das diferentes agrupacións e estilos musicais que forman parte da realidade musical actual da nosa provincia presentada nos seguintes bloques: gaiteiros solistas, grupos de gaitas, bandas de gaitas, pandeireteiras, grupos de música tradicional, grupos de música folc, masas corais, bandas de música e canción galega. Entre os artistas e grupos seleccionados figuran Iván Costa, Álvaro Novegil, Oscar Ibáñez, Os Terribles, Os Alegres, Noitarega, Manxadoira, Xarabal, Xistra de Coruxo, Ardentía, Pai da Cana, O Fiadeiro, Revenidas, Trompos ós Pés, Crema de Gaita, Liorna, Coral Casablanca, Coral Virxe da Renda, Banda Orquestra
da Mancomunidade de Vigo, Banda Artística de Merza, María Montana e Miguel Martínez.
   

Páxina 4 de 7