Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Publicacións

Publicacións

Presentación“Os instrumentos musicais na tradición galega”no museo de Pontevedra

03.05.10


Mañá mércores 5 de maio de 2010 ás 20.00 h terá lugar, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, o acto de presentación do libro "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias con deseños de Xoán Ramón Marín Martínez editado por Difusora de Letras Artes e Ideas no marco das iniciativas desenvolvidas polo proxecto Ronsel. Esta obra vén de recibir o premio Antón Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio.

Ademais, poderemos gozar cun breve concerto didáctico do autor, Pablo Carpintero quen dedicará arredor de 30 minutos a explicar a orixe e a evolución da gaita de fol en Galicia. Poderemos escoitar algunhas gaitas sen fol como os clarinetes sinxelos e duplos, empregados polos nenos no camiño de aprendizaxe cara á gaita de fol, uns instrumentos moi semellantes aos empregados no antigo exipto. Tamén poderemos escoitar o son dos óboes duplos similares ás tibias romanas e aulòs gregos. Dentro xa das gaitas de fol, Carpintero fará soar instrumentos de lingüeta sinxela como as gaitas de cana e sabugueiro ou a rosca do Baixo Miño. En canto ás gaitas de fol propiamente ditas, escoitaremos varios instrumentos antigos, de morfoloxías diferentes en canto ao número de bordóns, procedentes de varias zonas de Galicia e tamén poderemos escoitar a reprodución, feita polo autor, dunha das gaitas de Perfecto Feijoo conservadas no Museo de Pontevedra.
   

Presentación de BAILABÉN en Lugo

16.04.10



O día 15 de Abril tivo lugar en Lugo a presentación de BAILABÉN, un método de aprendizaxe do baile tradicional galego realizado por Edith Cotilla Quintela e Gustavo Couto Rodríguez.

O ácto tivo lugar no Salón de Áctos do Centro Lug II (Rúa Pintor Corredoira nº 4- Lugo) ás 20.00 horas.
No acto participaron os autores Edith Cotilla e Gustavo Couto, acompañados de Cándido Meixide en representación da Editorial Cumio.

Coa presentación da publicación ‘Bailabén’, libro que ven acompañado dun DVD, a aprendizaxe do baile galego deu un paso máis xa que nesta publicación se marcan as pautas a seguir na aprendizaxe da xota e da muiñeira.
   

"Os instrumentos musicais galegos". Presentación en Pontevedra

14.04.10



Pablo Carpintero presentará a súa monografía "Os instrumentos musicais na tradición galega" en Pontevedra. Nun principio, a presentación estaba prevista para hoxe mércores 14 de Abril mais foi adiada e finalmente terá lugar ao mércores 5 de Maio ás 20:00 horas.

A obra conta cos deseños de Xoán Ramón Marín Martínez, e foi editada en Difusora de Letras Artes e Ideas coa oportuna revisión lingüística de Xosé Henrique Costas.

Esta obra, que conta co aval da UNESCO, describe e relata a historia coñecida de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron en Galicia. A magnitude do traballo vai alén das case 500 páxinas e 1000 fotografías pois desde unha perspectiva científica e rigorosa achega a clasificación dos 144 instrumentos musicais catalogados dentro do sistema científico máis empregado en occidente, a clasificación de Hornbostel e Sach.

   

PRESENTACIÓN DO LIBRO BAILABÉN EN LUGO

09.04.10





PRESENTACIÓN DO LIBRO BAILABÉN EN LUGO


O vindeiro Xoves día 15 de Abril, terá lugar en Lugo a presentación de BAILABÉN, un método de aprendizaxe do baile tradicional galego realizado por Edith Cotilla Quintela e Gustavo Couto Rodríguez.


O ácto terá lugar no Salón de Áctos do Centro Lug II (Rúa Pintor Corredoira nº 4- Lugo) ás 20.00 horas.


No acto participarán os autores Edith Cotilla e Gustavo Couto, acompañados de Cándido Meixide en representación da Editorial Cumio.


   

Bailabén en Vigo

17.03.10

Edith Cotilla e Gustavo Couto ensinan a muiñeira por DVD
A obra ‘Bailabén’ é a primeira que marca pautas para a aprendizaxe de pezas galegas

A aprendizaxe do baile galego deu un paso máis coa presentación da publicación ‘Bailabén’, un libro acompañado dun DVD, que marca as pautas a seguir na aprendizaxe da xota e da muiñeira. ‘A idea xurdíu no primeiro congreso de ensinantes de música tradicional, onde mestres de Primaria e Secundaria nos trasladaron a falla dun manual polo que impartir clases de baile’. Así lembrou Gustavo Couto a orixe da obra de Edicións do Cumio que onte se presentou na Casa Galega da Cultura.

Couto, de 26 anos, leva 15 no mundo do baile galego. Dirixe o grupo compostelán Ultreia e imparte clases en varias escolas. Edith Cotilla, coautora de ‘Bailabén’, leva no mundo da música tradicional dende os cinco anos. Agora con 30, compaxina o seu labor de bailarina co de docente. Ambos son os responsables do primeiro método do ensino do baile popular galego: ‘Ata agora tódolos sistemas que se utilizaban na aprendizaxe estaban baseados na improvisación porque non había nada sobre o que traballar; con este libro propoñemos un xeito sinxelo de achegamento a dous bailes para un nivel de básico a medio’.

O apartado máis práctico da publicación, o DVD, recolle cinco puntos a desenvolver: estiramentos para antes e despois, exercicios de equilibrio e de ritmo, pasos de diferentes movementos e finalmente, coreografías realizadas a partires dos punteos propostos. ‘O primeiro que hai que dominar é o equilibrio e o ritmo para poder facer os pasos sobre unha perna’.

Couto considera que o mellor momento para iniciarse no baile son os cinco ou seis anos,’aínda que se hai gañas e motivación pódese comezar a calquera idade’. Con ‘Bailabén’, márcanse as pautas de baile tanto para homes como para mulleres que comparten método de ensino, aínda que despois segan sendo eles os que marquen o punto. Con esta publicación, os autores non pretenden establecer criterios de aprendizaxe, senon amosar un método baseado nun baile meramente popular.

‘Nos últimos anos aumentou a demanda entre a xente que se apunta para aprender sen intención de subirse a un esceario, senon para pasalo ben nas festas’. Para Couto, o baile popular recuperou o seu posto na sociedade a través dos seráns e encontros cada vez máis cotiás nas grandes cidades como Vigo. Aínda que recoñece que estes bailes resistiron grazas aos que os subiron os escearios.

www.atlantico.net
   

Bailabén: manual de aprendizaxe do baile tradicional galego

25.02.10




Bailabén' é o título da guía de aprendizaxe do baile tradicional que vén de sacar do prelo Edicións do Cumio. A obra pretende achegar material didáctico aos profesores de Primaria e Secundaria e afeccionados e ensinantes do baile tradicional. Os ensinantes Edith Cotilla e Gustavo Couto firman a publicación que se vende acompañada dun DVD.


A obra, acompañada dun DVD, conta con explicacións detalladas, secuencias de fotografías nas que ver os movementos con detalle e un vídeo de máis dunha hora de duración no que se poden atopra todos os pasos e bailes básicos do baile tradicional galego. O prezo do volume co DVD é de 25 euros.



www.anosaterra.org
www.cumio.com
   

“Os instrumentos musicais na tradición Galega" presentado en Lugo

19.02.10

O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolleu onte a presentación do libro de Pablo Carpintero “Os instrumentos musicais na tradición galega”, quen ofreceu un concerto didáctico logo da súa presentación. No acto de presentación do libro interviron, ademais: en representación das tres universidades galegas, Iván Area, Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e director do proxecto Ronsel; Francisco López Rodríguez, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galiza; Ramón Marín, autor dos deseños do libro; e Xavier Paz, responsable da Editorial Difusora de Letras Artes e Ideas.

A través de 500 páxinas, 1000 fotografías e múltiples ilustracións, a obra dá cabida a máis de 140 instrumentos musicais e recolle o traballo levado a cabo por Carpintero nos últimos 15 anos. A principal conclusión tras tantos anos de traballo: darse conta de que “en Galicia contamos cunha riqueza inmensa, algo que acontece en moi poucos países, e é que temos a virtude de que conservamos cadeas evolutivas completas na maior parte dos instrumentos musicais”.

Nos vindeiros días o autor realizará concertos didácticos para presentar o seu libro en diferentes puntos da xeografía galega:
- sábado 20 de febreiro de 2010 no programa Lume na Palleira na sintonía da Radio Galega 2 de 16 a 17 h.
- sábado 20 de febreiro de 2010 ás 12.30 h. na Biblioteca Castrillón da Coruña, coa participación de Susana Seivane.
- xoves 25 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no museo municipal de Ourense
   

Presentación de "Os intrumentos musicais na tradición galega"

12.02.10


O Conservatorio Profesional de Música de Vigo acolleu onte a presentación do libro de Pablo Carpintero "Os instrumentos musicais na tradición galega" , un gran traballo de recuperación da historia musical de Galicia que estase a presentar por toda a comunidade.

Este logro forma parte do Proxecto Ronsel que xurde da colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte, Innovación e Industria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta (AGADER) e as Universidades galegas. As guías fundamentais son a realización do inventario e a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e director deste proxecto, explica que a catalogación dos instrumentos fora algo pendente e a materialización do traballo veuse acompañada pola boa resposta que acada nas librerías, nas que a primeira edición do libro está a piques de esgotarse.

No acto interviu tamén o internacional gaiteiro vigués Carlos Núñez, que dende novo traballou perto de Antón Corral, un dos maestros na construción de instrumentos tradicionais.

A presentación incluiu un breve pero intenso concerto didáctico de Pablo Carpintero.
   

Os instrumentos musicais na tradición galega

09.02.10


Desde o proxecto Ronsel veñen de publicar un libro de interese para todas as persoas vinculadas ao mundo da música tradicional, a monografía "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias, con deseños de Xoan Ramón Marín Martínez, editada en Difusora de Letras Artes e Ideas coa oportuna revisión lingüística de Xosé Henrique Costas.

Esta obra, que conta co aval da UNESCO, describe e relata a historia coñecida de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron en Galicia. A magnitude do traballo vai alén das case 500 páxinas e 1000 fotografías pois desde unha perspectiva científica e rigorosa achega a clasificación dos 144 instrumentos musicais catalogados dentro do sistema científico máis empregado en occidente, a clasificación de Hornbostel e Sach.

Na actualidade estanse a facer presentacións por todo o país, que comezan este xoves día 11 de febreiro de 2010 ás 18.00 h no auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Trátase de actos nos que se mesturan as intervencións por parte dos autores, coordinador do proxecto e editores, cun breve pero intenso concerto didáctico de Pablo Carpintero que permite comezar a saborear os contidos do libro.

Outros actos que xa están programados son:
- xoves 18 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no salón de actos da Excelentísima Deputación Provincial de Lugo
- sábado 20 de febreiro de 2010 no programa Lume na Palleira na sintonía da Radio Galega 2 de 16 a 17 h
- sábado 20 de febreiro de 2010 na cidade da Coruña, lugar e hora por determinar
- xoves 25 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no museo municipal de Ourense
   

"Así fan os bailadores"

22.01.10

Este Sábado día 23 de xaneiro, ás 19 horas, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23) terá lugar a presentacion do libro "Así fan os bailadores".

O acto será presentado polos autores, tamén participarán bailadores e bailadoras de Cántigas e Frores.

"Así fan os bailadores..." contén unha compilación de danzas e bailes tradicionais, presentados como unha iniciación ao baile galego. O libro
consta de transcricións musicais en partitura, diagramas espaciais e
cinetogramas, fotografías, ilustracións e explicacións. No DVD pódense ver ditas danzas e bailes, realizados por grupos de nenos e mozos con música ao vivo. Inclúese un CD coa música gravada en estudio, que posúe a calidade requirida para servir de apoio á execución dos bailes, ou ben á escoita por pracer.

O interese da obra vai moito máis aló da mera práctica, visualización e escoita da música nela contida, ao incluír a reprodución en cinetografía das danzas e bailes practicados. Un método de escrita aplicado á danza, ideado por Rudolf Laban a comezos do século XX e coordinado nesta obra por János Fügedi, profesor na Academia Húngara de Danza e investigador do Instituto de Musicoloxía da Academia Húngara das Ciencias de Budapest.

Este traballo está dirixido a profesores de Educación primaria e secundaria, así como doutros niveis educativos, animadores culturais e monitores de tempo de lecer, e mestres de baile tradicional; tampouco esquecimos ás familias que queiran iniciar ás nenas e nenos nos nosos bailes e danzas, que conforman parte destacada do noso patrimonio cultural inmaterial.
   

Páxina 3 de 7