Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / A AGG ENCABEZOU A MANIFESTACIÓN ORGANIZADA POLA PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO

A AGG ENCABEZOU A MANIFESTACIÓN ORGANIZADA POLA PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO

AGG

Grupos e músicos responderon de xeito masivo á convocatoria realizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos para participar na mobilización que reuniu na capital de Galiza a milleiros de persoas para defender o noso idioma

A Asociación de Gaiteiros Galegos encabezou a manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego que se celebrou na capital de Galiza o pasado día 18 de outubro. A AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos), integrada na plataforma organizadora, mobilizou aos asociados e asociadas que participaron de xeito masivo na manifestación facendo soar os seus instrumentos na defensa do noso son e do noso idioma. A AGG tivo a honra de ser convidada pola organización para abrir a manifestación que foi encabezada por membros da xunta directiva da AGG e varios socios e socias. Moitos foron, tamén, os gaiteiros e gaiteiras que levaron a Compostela o son dos seus instrumentos para facer patente o apoio dos músicos tradicionais a esta mobilización en defensa do noso idioma. Ademais da presenza na marcha a favor do Galego foron membros da AGG os que animaron, na Praza da Quintana, a chegada dos manifestantes e interpretaron o Himno Galego ao final das intervencións previstas pola plataforma.

Membros da directiva da AGG manifestaron que "a participación da AGG nesta mobilización é a continuidade ao traballo realizado pola Asociación de Gaiteiros en máis de 20 anos de defensa da nosa música, da nosa cultura e do noso idioma". Para a AGG non se pode entender a cultura, nin a música galega sen o idioma "non se pode entender a figura do músico tradicional como un interprete instrumentista ao uso, ser gaiteiro conleva moito máis que saber tocar a gaita".