Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / IV Congreso de ensinantes de música tradicional galega

IV Congreso de ensinantes de música tradicional galega

AGG

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo. O prazo de inscrición estará aberto entre os días 9 e 23 de Outubro.

Calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Estamos a falar tanto do ensino obrigatorio, xa sexa público ou privado, como das universidades, escolas de música, conservatorios e todos aqueles lugares onde se produce un intercambio de coñecementos. Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesario este proceso de transmisión, que constitúe o principal garante, non soamente da conservación das nosas tradicións, senón da súa utilidade na sociedade actual.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.

Nos seguintes enlaces podes atopar máis información sobre o congreso:

Inscrición

Boletín de inscrición para ensinantes a través da páxina da AS-PG

Programa e Información


Boletín de Inscrición para o resto de asistentes INSCRICIÓN

Podes atopar o impreso de inscrición, en www.gaiteirosgalegos.com ou solicitalo á oficina da AGG. Este deberá ser enviado debidamente cumprimentado, á Secretaría Técnica do Congreso, xunto co xustificante do pago bancario. Pódese facer o envío a través do correo postal ou ao enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Tamén é posible facer a inscrición vía internet a través das páxinas dos colaboradores www.as-pg.com ou www.cig-ensino.com no apartado de Formación.

O prazo de inscrición rematará o día 23 de Outubro ou cando se complete o aforo. En tal caso, aplicarase o criterio de orde temporal de recepción de solicitudes de inscrición.
Prégase comprobar a dispoñibilidade de prazas e aceptación da solicitude antes de facer o pago da inscrición.

PREZO DA MATRÍCULA

Estudantes e/ou asociados da AGG, AS-PG ou afiliados á CIG : 20 Euros
Outros: 40 Euros
Para poder beneficiarse dos descontos da matrícula é preciso acompañar á documentación requirida, un xustificante que acredite dita condición.

FORMA DE PAGO

Ingreso ou transferencia bancaria a nome da Asociación de Gaiteiros Galegos no número de conta: 0182-0638-90-0200016989 (BBVA) indicando no concepto: “IV Congreso” e o nome completo da persoa.

SECRETARÍA TÉCNICA

Asociación de Gaiteiros Galegos
Rúa Alfonso XIII, 7 - Oficina 8.
36002 Pontevedra.
www.gaiteirosgalegos.com
Teléfono de contacto: 986 847 074
Correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

HOMOLOGACIÓN

Está en tramite a validación deste Congreso por un credito de libre configuración para todas as titulacións nas Universidades de Vigo e A Coruña .
Solicitada homologación á Consellería de Educación por 19 horas lectivas.

SEDE

Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
Avda. Carballo Calero, s/n.
27002 Lugo