Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / O Constantino Bellón suspendese por falta de apoio do novo goberno da Xunta

O Constantino Bellón suspendese por falta de apoio do novo goberno da Xunta

Varios

O Concurso Internacional de Gaita non poderá ter lugar este ano 'debido á necesidade de atender outras prioridades específicas', segundo argumentan dende a Secretaría Xeral de Emigración, que subvencionaba o certame até agora.

A directiva do Ateneo Ferrolán ven de remitir un comunicado no que anuncia a suspensión deste certame, este ano na súa XIX edición, por incumprimento das bases en relación ao punto número 5, relacionado co premio "Gaiteiro de Soutelo", que convocaba a Secretaría Xeral de Emigración "co gallo de promocionar a participación da Galicia do exterior no Concurso "Constantino Bellón".

O certame estaba aberto a gaiteiros e gaiteiras dos centros galegos ou institucións da Galicia do Exterior, que debían enviarlle á Secretaría un CD gravado coa súa interpretación da peza"Patapau, xota do Pirata", de Pedro David Lamas Varela, facendo constar na mesma o pseudónimo adoptado, e tamén unha partitura orixinal dunha peza de composición inédita, creada expresamente para este Premio, así como copia doutra tradicional ou de autor. O prazo de presentación rematara o 5 de maio deste ano, e os premios consistían na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagados, ao concurso "Constantino Bellón", que organizaba o Ateneo Ferrolán o 31 de agosto.

"É unha falta de respecto ao traballo de moita xente"

"Recibimos, logo de ter varias conversas e ás portas da celebración, unha resposta breve e que nos desexa moitos éxitos", din dende o Ateneo. A resposta da secretaria xeral, con data do 24 de xullo, foi a seguinte "... debido á necesidade de atender outras prioridades específicas propias deste departamento, non será posible, nesta ocasión, colaborar coa devandita iniciativa cultural".

"É unha falta de respecto a moita xente que traballou ao longo de todo un ano", sinalan dende o Ateneo. "Gustaríanos saber cales son esas outras prioridades. Amais, estamos falando de catro pesos que non chegan a 6.000 euros, de pagarlles a viaxe a catro cativos". Lembran como o ano pasado conseguiran que a familia Seivane colaborase no certame elaborando unha gaita, como premio para o gañador do "Gaiteiro de Soutelo", que fora Santiago Agustín Molina. "A gaita xa custa máis en si do que pon Emigración. Unha familia pon máis da súa parte que as administracións".

"Non entendemos que Emigración, que ten un orzamento á parte, faga isto", sinalan. "Implica non poder executar o certame, todo o que estaba feito rompe por todos os lados. Tampouco é que esteamos pedindo unha cantidade esaxerada". A directiva convoca a celebración prevista para este ano para o vindeiro, e o XIX Constantino Bellón terá lugar o 31 de agosto do 2010.

Fonte